A demora da AP-9

Os partidos galegos levan anos reclamando que a AP-9, a autoestrada que vertebra a comunidade galega, se transfira á Xunta para poder liberar aos usuarios das elevadas peaxes

A proposta, admitida no Congreso hai un mes, está en proceso de tramitación. O 2 de febreiro o Congreso aprobou con 187 votos a favor a transferencia da Autoestrada do Atlántico a Galicia. A AP-9 articula a franxa costeira da comunidade e os seus elevados prezos son a principal razón que esgrimen PP, BNG e PSdeG-PSOE para iniciar un proceso que se está facendo longo. De momento, o proxecto de lei continúa a tramitación legal por se houbese emendas totais ou parciais.

Os grupos máis positivos contan con que en xuño, antes de que finalice o período de sesións, poida estar finalizado o traspaso. O documento que estudará a Mesa do Congreso e que despois terá que trasladarse á Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta para estudar en que condicións se procede o cambio de dono foi redactado polos grupos do Parlamento galego, PP, BNG e PSdeG-PSOE, e foron defendelo á Cámara en febreiro. É unha proposición de Lei Orgánica baseada en que a AP-9 «mantén unhas peaxes desorbitadas, as cales limitan o acceso a esta vía ás persoas con menos recursos e lastran o desenvolvemento de sectores económicos galegos». Por exemplo, viaxar de Ferrol (A Coruña) e Tui (Pontevedra), pouco máis de 200km, custa 22,30 euros só ida para vehículos lixeiros. Ir da Coruña á capital galega, Santiago de Compostela, é unha viaxe de menos dunha hora e custa 7 euros.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Desta maneira, a proposta de lei transferiría á Administración galega as competencias sobre o réxime xurídico da concesión, explotada por Audasa. As funcións que prevén levar a cabo os grupos políticos galegos nada máis se realice o traspaso serán a posta en marcha de novos tramos, reformas, a inspección do funcionamento da autoestrada, a posibilidade de sancionar por incumprimentos da concesionaria na explotación, ou, o máis esperado, as modificacións sobre a actualización e supresión de tarifas e peaxes. Así mesmo, tamén estipula que o Goberno central se faga cargo das «repercusións económicas e financeiras derivadas da aplicación da concesión en vigor que fosen motivadas por modificacións adoptadas no período en que tivo a competencia». A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pediu ademais ao Ministerio de Transportes que a transferencia ten que vir «acompañada da dotación económica e técnica necesaria para realizar todas as mellores previstas, tanto de seguridade como de ampliación».

O acordo que asinou o PSOE co BNG para votar a favor da investidura de Pedro Sánchez incluía precisamente varios compromisos sobre a infraestrutura: aprobar a citada lei elaborada polo parlamento autonómico, abordar a rebaixa de peaxes como a bonificación do 100% para usuarios recorrentes, particulares e profesionais, a gratuidade do tramo Vigo-Redondela e a eliminación do impacto do incremento extraordinario de tarifas acumulativo durante 20 anos. Este custo correría a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) e aplicaríase a partir da aprobación dos mesmos de 2020. Debido á pandemia, os procesos lexislativos foron ao ralentí e o período de sesións empezou máis tarde.

No pacto de investidura radicaba que os descontos comezarían a aplicarse no momento que estivesen aprobados os orzamentos do ano 2020, e a pesar do parón pola covid-19, o BNG sostén que xa se tiñan que poñer en práctica unha vez que se aprobasen os de 2021. Estes orzamentos inclúen unha partida de case 55 millóns para abaratar as taxas e suprimir a subida anual das mesmas, así como 1,5 millóns para a gratuidade do tramo Vigo e Redondela (unha viaxe de 17 minutos) e 3,4 para a supresión da subida acumulativa anual das peaxes do 1%. Este ano a Autoestrada do Atlántico protagonizou o incremento máis alto de todo o Estado cun 0,92%, xa son catro anos consecutivos de encarecemento: 2,15% en 2018, un 3,51% en 2019 e un 2,69% en 2020.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, conta a Público que o Goberno xustifica a dilación por ter que negociar con Audasa. «Tiveron un ano para negociar. O Goberno está a demorar intencionadamente esa aplicación para reducir o impacto económico que poida ter no ano 2021. As medidas xa tiñan que entrar en vigor, pero inexplicablemente non foi así. O argumento non nos vale». O departamento dirixido por José Luis Ábalos pretende fixar un número de viaxes mínimo á semana ou ao mes para converterse en usuario «recorrente» e acceder á rebaixa das peaxes, e así o está estudando con Itínere, a empresa matriz da concesionaria da autoestrada.

Hai unhas semanas Ábalos mantivo unha reunión co líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, o cal pediulle a «celeridade» e «todos os esforzos» para acometer a «rebaixa histórica» que ten previsto facerse realidade este ano. Caballero, no Parlamento galego, criticou que «se non fora polo PP, dentro de dous anos xa non habería peaxes na AP-9». O Goberno de Aznar ampliou a concesión ata 2048 e Rajoy vetou a tranferencia durante o seu mandato.

Durante o bipartito PSdeG-BNG (2005-2009) os partidos da Xunta xa pediran as competencias e o PPdeG comezou a apoiar en 2007 a nacionalización da autoestrada que o seu partido privatizou.

O deputado popular no Parlamento galego, Diego Calvo, esgrime que un mes despois da súa admisión no Congreso non atopa «razón» para que as bonificacións das peaxes non se poñan en marcha. Ademais, sostén que á vez que se tramita a lei se poida rebaixar as taxas e manter reunións na comisión da AP-9 creada hai varios anos onde está presente Xunta e Ministerio, pero Calvo conta que solicitou ata «cinco reunións» co Goberno e que non foron posibles. «É un proceso que vai necesitar o seu tempo e podemos ir avanzando, aprobar a proposta de lei non supón a transferencia inmediata», alega.

O mércores desta semana o ministro de Transportes reunirase co presidente da Xunta para abordar a materia. A pesar dalgunhas discrepancias, os partidos galegos puxéronse de acordo e consideran que a autoestrada xa está máis que amortizada. Que esta infraestrutura sexa tan cara provoca que a poboación evite as súas vías e acuda a estradas convencionais, o que incrementa o seu tempo de viaxe, a sobrecarga no tráfico e aumenta o risco de accidente. O PP e o BNG cren que o Goberno central non ve esta parte e que a liberación de peaxes tería un efecto positivo na redución dos custos sociais e a mellora da competitividade. De momento, o único que ve a poboación que usa a AP-9 (sobre 22.000 vehículos ao día) son os tíckets da peaxe que se acumulan nas súas carteiras, que ao final de mes para algúns usuarios poden ascender aos 200 euros.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail