Como nas películas de Hollywood, a factoría de Ence queda na ría de Pontevedra por unha decisión no último minuto, na última instancia. Por dúas, en realidade. A primeira, cando o pontevedrés Rajoy, xa desaloxado da presidencia do Goberno, pero en posesión aínda da vara de mando para as cousas urxentes e impostergables, decidiu concederlle 50 anos de prórroga á Cheirona. A segunda, cando o Supremo, nunha sentencia tan vaga como o que tomou a decisión anterior, decide que si, que vale, que entrou. Así, así gana el Madrí.
Aínda non se recuperaron os nosos contertulios das explicacións polo miudo que dá sobre o asunto o profesor Antón Losada, cando abordan outro tema: hai bandas latinas na Coruña? (fóra o Combo Dominicano). Marta Otero Mayán, sagaz periodista local di que non, pero que xa hai quen anda diciendo que Os Mallos son como o Bronx. Ana Luisa Bouza lembra aquelas batallas a pedradas entre os de Korea e os de Katanga, que iso si que eran bandas, e Xosé Manuel Pereiro non desbota de que nos Castros non se agoche unha célula durminte da Mara Salvatrucha.