O escurantismo eléctrico

Unha das inxustizas máis visíbeis neste país, Galicia, e no Estado español, é a da luz. A escurantista e inxusta factura eléctrica, que mesmo mete frío no corpo cando se prende a calefacción. Hai unha brincadeira sobre o asunto: se entendes o mecanismo para fixar o prezo da luz en España é que non cho explicaron ben. ¶ Un capítulo importante para entender a gran trapallada dos prezos da electricidade foi o acontecido non hai tantos anos. Cando as grandes empresas eléctricas anovaron o casamento coas política da rapina e viceversa. ¶ José María Aznar, cando comezou a competir no campionato de España, non foi tomado moi en serio polos medios financeiros. Non faltou quen o definiu como un «chiquilicuatre». Mais as eléctricas apoiárono sen reserva. E non só en darlle ao badalo. Investiron máis de 300 millóns das pesetas daquela nas eleccións de 1993 e 1996. Por que? Porque viron naquel candidato petiso, que andaba sen complexos enriba da besta, o desexado farruco do modernismo reaccionario, o neocon ibérico que aprendeu como podía a dereita gañar por fin unhas eleccións: dicir o que a xente quería oír, para logo facer o que lle petara. Predicou unha especie de «corruptura», de ruptura da corrupción, contra o felipismo. E o que fixo Aznar foi a maior operación da historia contemporánea para privatizar as xoias da coroa do sector público, non nun proceso ortodoxo de liberalización económica, senón poñendo as grandes empresas estatais en mans de vicarios da súa corda. Unha desas empresas era Endesa, daquela a máis rendíbel do Estado, e que tiña en Galicia o maior enclave, a central térmica das Pontes, co maior carallo (cheminea) de Europa. Endesa, claro, tamén foi privatizada. Cando hoxe se fala como hipótese de nacionalizar algún sector estratéxico como o eléctrico, as reaccións máis moderadas nos púlpitos mediáticos son as de quen falan de «anacronismo inviábel». Mais a comezos dos 90 Endesa era empresa pública, como o eran Telefónica, Repsol ou Argentaria! Nacionalizar un servicio básico para defender os intereses comúns, nacionais, patrióticos…? Que di este, estaloulle un castaña na boca? Vai levar as bicicletas a pacer! Mais volvendo ás eléctricas privadas, que é o que hoxe nos electriza, por que investiron a man chea no novo prócer? ¶ Esta inflexión histórica é da máxima importancia para entender o que pasou, e o que está a pasar, coa factura eléctrica. Unha das primeiras medidas da turbo-dereita enxertada por Aznar, coa fábrica de ideas FAES botando fume, foi a neutralización, ou mesmo destrución dos organismos reguladores independentes. É dicir, eliminar calquera control efectivo sobre as grandes corporacións e os grupos oligárquicos que funcionan, na práctica, como cárteis. ¶ Como describiu de xeito inapelábel Jesús Mota, nun libro xornalístico que vai máis aló da «serie negra», o titulado Aves de raPPiña, unha das primeiras medidas do poder aznarista foi o desmantelamento da Comisión Nacional do Sistema Eléctrico e «a corta e intensa caza e captura de Miguel Ángel Fernández Ordóñez (Mafo)», o último presidente do regulador. ¶ O que pasou é que se volveu ao sistema anterior, basicamente o procedente da ditadura, cando as eléctricas era piares do réxime. Si que fai falta unha «transición ecolóxica», pero aínda máis: unha ruptura co sistema eléctrico español que fai de todos nós servos contribuíntes á riqueza duns emporios que, en situacións límites, non só teñen tarifas inxustas, senón que son ineficaces como servizo. ¶ Cando comezaremos a falar en serio dunha sociedade de «decencia común»? Cando exista unha factura eléctrica honesta. E iso en Galicia significa tamén que se valore a débeda histórica da desfeita ecolóxica causada polos encoros e a desmedida ocupación dos espazos naturais polos xigantes eólicos. En Luzes estamos a prol desa enerxía. Pero non co estilo escurantista en que se está implantando.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail