Botamos a vista vinte e tantos anos atrás e témoslle que dar a razón ao tango: «Veinte años no es nada».
No varrido máis superficial temos a moda: vaqueiros de tiro alto, polo nocello e o máis estreitos que poidan tolerar as nosas pernas; xerseis por riba do embigo; cascos de aviador coa nosa música… Quitando que (por sorte!) non vemos por aí a ninguén con ombreiras, é realmente difícil atopar as diferenzas.
Para un varrido un pouco máis profundo, poñámonos diante dun informativo. Nada teñen que envexar casos coma Bankia ou o financiamento ilegal do PP a casos dos 90 coma o Grand Tibidabo ou Filesa, que naquela altura aburrían e indignaban no Telexornal da mesma maneira que o fan os de agora a través das tertulias que copan mañá e tarde as televisións. En fin… Mario Conde ou Rodrigo Rato, Bárcenas ou Luís Roldán (e cadansúa manta para tirar…). E mellor xa nin pensar no panorama internacional: a guerra en Ruanda, a dos Balcáns e a ocupación israelí de Palestina; e agora a guerra de Siria, Trump, Putin, a extrema dereita europea e a ocupación israelí de Palestina.
Á vista do comentado, temos que subscribir aquilo que dicía o outro, «la vida sigue igual». Pero non! Probablemente aínda na NASA non se sabe, pero a terra cesou no seu movemento de traslación e ocúpase só do de rotación, xeocentrismo 2.0 (a sociedade non avanza moito que digamos, pero canto a tecnoloxías e produtos personalizados de consumo non damos abasto a inventar).
Pasamos de botar máis tempo tentando conectarnos que conectados a Internet, a vivir permanentemente online, whatsapeando e preguntándolle a dona Google
Pasamos dos Alcatel e dos Nokia, que non duraban unha década porque nos aburríamos antes, á eclosión Mac, que en 10 anos sacou ao mercado 15 iPhones. Pasamos de explorar timidamente chats e correos electrónicos e de botar máis tempo tentando conectarnos que conectados a Internet, a vivir permanentemente online, whatsapeando e preguntándolle a dona Google. Pasamos dos CDs nos que gardabamos a nosa música, as nosas fotos e a nosa vida, a tirar ese lote de CDs coa nosa vida, as nosas fotos e a nosa música porque temos todo iso na palma da man.
Cambiounos a vida, ou polo menos cambiounos o como da vida. En 1994, ademais de comezar a emitirse o Xabarín Club, morría Kurt Cobain e nacía Justin Bieber. As fans de Cobain gravabamos discos de Nirvana; para as fans de Bieber sae máis a conta seguilo nas redes sociais e escoitar de primeiras o seu novo hit. E ese abismo de consumo e tecnoloxía de 1994 até hoxe tamén afectou ao Porco Bravo.
Dende os 90, o que había eran televisións xeralistas nas que para a xente nova e miúda había algún que outro espazo de música ou de debuxos, case sempre matinais. Co Xabarín, as galegas tiñamos un magazine de tarde con fantásticos debuxos xaponeses coma Arale e Bóla de Dragón ou clásicos coma Batman e As aventuras de Rocky e Bull Winkle; microespazos como o do Dr. TNT e a banda deseñada ou Pota e Berza e a súa «cociña creativa»; e por se fora pouco, música! Para o Xabarín Club gravaban temas e vídeos bandas, para nada infantís, coma Siniestro Total, Aerolíneas Federales, Def Con Dos, Heredeiros da Crus, Os Diplomáticos de Montealto, e un lóngo etcétera.
Pero chegou a TDT e con ela as segundas, terceiras e cuartas canles das televisións e a tendencia foi a «especialización». Agora hai canles que se anuncian líderes entre o sector feminino, o masculino, entre a xente nova… O Xabarín abandonou o primetime vespertino para emitirse a través da TVG2, xunto ao ZigZag e as redifusións. Pero o Clube segue a medrar, as máis pequenas da casa seguen a afiliarse e a celebrar o seu aniversario saíndo pola tele e sendo felicitadas por Xabarín. A única pega, para alguén que dalgún xeito foi «do Clube da Galega, por fuciños! por cacheiras!» é que para estas novas socias non estean a cantar Ses, Novedades Carminha ou García MC, por dicir só tres figuras musicais desta nova década dos 90. A efervescencia musical galega «quedou na lavadora» da nosa televisión pública. «Sacaina pronto daí!!!».