As cuncas de té que me quedaron perfectas e bebín antes de que arrefriaran (case sempre me esquezo delas).
As 19 veces (conteinas) que Inés me colleu o teléfono (a Inés non lle gusta falar por teléfono). (Sentinme querida).
Meterme no río Ulla á noitiña, despois dun día de moita calor (encántame o Ulla). (Encántame flotar).
Facer rir á mamá (público difícil).
Cando atopei uns zapatos cómodos e bos que levar todo o ano (as Converse marróns). (Novas e a metade de prezo en Vinted).
Mostrarlle no coche tres cancións a Samuel (Holocene, de Bon Iver, Pink Skies, de Zach Bryan, effortlessly, i feel everything, de The Man The Myth The Meatslab) que lle gustaron (nunca lle gusta a miña música).
As tres veces que quedei a durmir en Fonteculler e Lourdes me fixo a cea ás 12 da noite (non tiña por que). (Pero fíxoo igualmente). (Supoño que querer a alguén é un pouco iso).
Cando coñecín a parella da miña mellor amiga (Helena) e de forma case inmediata puiden sentir a tranquilidade de saber que ten alguén que a quere ben (eu sempre quererei ben a quen quere ben a quen quero ben).
Poder regalarlle unha Le Creuset a Aaron (dixérame varias veces que quería unha). (Custan sobre 300 euros e atopei unha practicamente nova por 70). (Fíxome a mellor bolognesa da miña vida a cambio).
Cando coñecín as amigas da universidade de Raquel e vin que atopara o seu sitio (tiña moitas ganas de atopar o seu sitio).
A dentista dicíndome que non teño caries por terceiro ano consecutivo (sempre tiven problema coas caries).
Aquela vez que Kim organizou o Karaoke de CMAT para un día no que eu estivese en Londres e puidera ir (encántame CMAT e encántame Kim).
Cando en outubro me dei conta de que levaba anos sen entreter a idea de querer morrer (a súbita comprensión deste feito encheume dun alivio e dunha lixeireza tan grande que tiven que parar o coche para chorar un pouquiño).
Ver a Lotte lendo no soportal da casa dos meus pais (Lotte precisaba descansar).
Volver a escribir (custoume).
Cando mamá lle dixo a Aaron que era o seu xenro preferido (é o seu único xenro). (Foi despois de que el lle fixera a bolognesa).
Meterme na cama cunha bolsa de auga quente para durmir (todos os anos, de mediados de outubro a mediadios de abril).
Escoitar o álbum de Fer rematado e que fora ata mellor do que me esperaba (non sei finxir que algo me gusta cando non me gusta). (Ver as miñas amizades explorar os seus talentos e intereses faime sentir como unha espectadora co mellor asento de todo o auditorio).
Todas as veces que cheguei co coche a onde estaban Ro e Car e correron cara a min berrando «Malva! Malva!» (foron máis das que podo contar).
Aquela vez que Claudia me chamou para pedirme axuda (que privilexio poder axudar a Claudia).
As catro veces que fixen tortitas para outras persoas (gústame cociñar para outras persoas).
Cando me atopei con Raquel no aeroporto de Barcelona para ir a Berlín (ela nunca pasara o control dun aeroporto ela soa). (Foi o momento no que a sentín un pouco máis amiga que sobriña).
Regalarlle a Paloma un xirasol o día que quedamos en Madrid (Paloma é coma o sol).
Levar a Aldo e Niki ao aeroporto no vrao (nunca os vexo).
Organizar dúas búsquedas do tesouro (a que mellor o pasa son eu).
As 12 veces que cheguei a Londres cansada de viaxar e esfameada e Aaron me veu buscar á estación coa cea lista na casa (un par de veces chorei de sentirme así de querida). (Non lle gusta o té pero é o único que sabe facer o té exactamente como a min me gusta).
Cando me decatei de que o corazón roto que levaba ás costas desde había xa anos por fin latexaba con normalidade (resulta que todo pasa).
A vez que os pais de Aaron mercaron un calendario de advento para min, e a vez que Clara e Alex dirixiron a invitación da súa voda a «Aaron & Mal» (as nosas vidas están intimamente entretecidas e presentámonos no mundo conxuntamente).
Todas as veces que botei de menos lugares e persoas aos que nunca vou volver (vivín unha boa vida).
Todas as veces que comín comida rica (que pracer!).
As seis películas que vin con Inés (as películas parecéronme mellores despois de velas con Inés). (Inés fai que todo sexa mellor).
Todas as veces que chorei nun aeroporto ou unha estación (marchar é difícil porque a miña vida está chea de cousas que é difícil deixar atrás).
Troulear coas miñas irmás e a miña nai (teño a sorte de ser a menos divertida das catro).
Todas as veces que mamá me dixo «sempre me lías!» (dime iso cando nos poñemos a falar ata tarde). (Dimo moitas veces). (A que me enlea é ela).
As catro veces que fun buscar a Helena á Capela (está no cu do mundo). (Non me importa). (Canto máis lonxe, máis tempo no coche xuntas).
O bico que me deu Aaron na fronte cando ía traballar e pensou que eu seguía durmindo (a noite anterior dixérame «nunca pensei que alguén me querería como me queres ti»). (Eu tampouco pensara que un amor así existía para min).Cando Mario me dixo que xa comprendera un consello que lle dera hai anos (Mario e mais eu estamos facéndonos grandes).
Martín invitoume a ir velo xogar aos seus partidos (varias veces!).
Cando se autoinvitaron todes (queixeime un pouco por vicio). (Fíxome ilusión que quixeran vir).
Sentir o paso do tempo (estou viva).
Estou viva (estou viva!).