Cloacas

Cloacas, a peste do xornalismo

A Coruña / Santiago.-  José Manuel Villarejo di que as cloacas non xeran merda, senón que contribúen a limpala. O ex comisario da policía nacional dedicou boa parte da súa carreira a construílas e mantelas, coñéceas ben e por iso hai que darlle a razón no que di. Sexa como sexa, ensucien ou limpen, para o que interesa a esta crónica o único certo é que as cloacas sempre apestan.

O escándalo dos audios nos que o director de La Sexta, Antonio García Ferreras, recoñece terlle dado publicidade á mantenta a unha noticia falsa contra Pablo Iglesias inventada por OK Diario e o seu director, Eduardo Inda, desatou este verán unha verdadeira psicose social sobre a fiabilidade dos medios.

O director de OK Diario, Eduardo Inda, como convidado no programa da TVG Land Rober en 2015.

De verdade que un Goberno empregou recursos da seguridade do Estado para laminar os seus adversarios ordenando á policía crear probas falsas contra eles? De verdade hai empresas de comunicación e xornalistas que colaboran nesa tarefa para enganar os seus lectores, oíntes e espectadores, condicionar a opinión pública e influír no resultado dunhas eleccións? De verdade? Que escándalo! Aquí xógase!

Anos antes de que Donald Trump recorrese á manipulación, á mentira e ás noticias inventadas como arma electoral e de goberno, en Galicia xa había cloacas. É certo que aquí non hai organismos de intelixencia capaces de armar documentalmente boatos e fakes para proporcionar aos medios material de guerra contra os opositores, pero iso non significa que non se teñan orquestrado campañas destinadas a acabar cos rivais políticos, empresariais e mesmo persoais.

En Galicia non hai organismos de intelixencia para dar aos medios material contra os opositores, pero iso non significa que non se teñan orquestrado campañas para acabar cos rivais políticos, empresariais e persoais

«As autonómicas do 2009 deberían de estudarse nas universidades como exemplo dunha campaña baseada no descrédito e mesmo a destrución persoal dos candidatos», afirma unha fonte da dirección do BNG. «O que fixeron con Emilio [Pérez Touriño, presidente da Xunta entre 2005 e 2009] aínda fai ruborizar a algúns altos cargos do PP», engade un ex alto cargo do PSdeG, hoxe felizmente recuperado para a vida universitaria.

Entrevista a Emilio Pérez Touriño en Los desayunos de TVE en 2009.

Ambos lembran como as mentiras e os boatos orquestrados pola oposición e entregados en bandexa aos medios vinculados aos poderes económicos máis reaccionarios do país apestaron aqueles comicios desde antes mesmo da precampaña.

O expresidente socialista Touriño, un tipo tan austero como mal calculador da eficacia das calumnias difundidas en portada, foi relacionado cunha inventada afección ao luxo en plena crise financeira. E ao seu vicepresidente, Anxo Quintana, un enfermeiro de Allariz a quen eses mesmos poderes ameazaran negándolle a lexitimidade de cambiar o marco eólico de Galicia, aínda que a gañara cos votos da cidadanía, mesmo chegaron a difamalo con insinuacións de graves delitos violentos.

Á marxe dos erros de comunicación interna e externa do bipartito, o certo é que aquela campaña derivou na caída daquel goberno e na primeira maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo, que deseguido puxo en marcha unha eficaz maquinaria pagada con diñeiro da Xunta destinada a construír e consolidar a súa daquela feble imaxe pública.

Entre a súa toma de posesión en maio de 2009 e a súa saída do Executivo o pasado maio, os gobernos de Feijóo entregaron a dedo 45 millóns de euros a diversas empresas de comunicación en forma de convenios opacos de propaganda institucional, cos que gañar aínda máis o favor da súa liña editorial.

E a maquinaria funcionou. Os mesmos medios que levaran ao cadaleito a Touriño e a Quintana elevaron á categoría de bo xestor ao executor das políticas austericidas no país, que desmontaron e depauperaron os servizos sociais, a educación e a sanidade. Tamén ampararon as súas escusas cando se desvelou a súa amizade cun coñecido narcotraficante, e obviaron informar de que a multinacional que dirixía a súa irmá en Galicia estaba a aumentar esaxeradamente o seu volume de negocio coa Administración autonómica desde que el era presidente. Tampouco lle deron importancia ao feito de que a súa propia curmá, os seus amigos de mocidade e os seus compañeiros e compañeiras de partido fosen obtendo cada vez mellores postos na xerencia da cousa pública, nin sequera cando o facían mediante oposicións amañadas, declaradas como tales nos tribunais.

Esa maquinaria baseada no dominio case absoluto do ecosistema mediático, directamente sobre os medios públicos e indirectamente sobre os privados, funcionou tan ben que Feijóo non parece querer deixar de utilizala. Nada máis acceder ao liderado do PP o pasado abril, e cando aínda era presidente de Galicia, entregou outra remesa de máis de 1,25 millóns de euros a varias empresas de radio, televisión e prensa escrita e dixital con sede en Madrid, a cidade á que se mudaría en breve.

Máis aló do uso partidista e case persoal do diñeiro público, e a pesar da experiencia con Touriño e Quintana, en Galicia tamén apestan a desaugadoiro outras operacións que derivaron na destrución de rivais políticos.

No PSdeG non só cren que as cloacas mediáticas existen en Galicia, senón que advirten que eles son o partido máis damnificado por elas, segundo aseguran fontes próximas á dirección de Valentín González Formoso, secretario xeral dos socialistas galegos.

«Hai varias formacións que sufriron a difusión e publicación de informacións dirixidas a deteriorar a imaxe de determinados dirixentes en Galicia, e o PSOE foi o máis afectado», subliñan, sinalando a súa convicción de que mesmo se deron casos de filtracións de información a xuíces e fiscais deseñadas ao obxecto de condicionar e intoxicar sumarios e investigacións xudiciais.

No PSdeG non só cren que as cloacas mediáticas existen, senón que advirten que son o partido máis damnificado, coa convicción de que se deron filtracións de información a xuíces e fiscais para condicionar investigacións

Os casos máis recentes derívanse das operacións Pokémon, Polbo, Garañón e Campión, iniciadas a partir de 2012 pola xuíz titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara, tras varias denuncias sobre a concesión de subvencións irregulares e cobranza de comisións ilegais.

Entre todas esas causas chegaron a sumar preto de 150 detidos ou imputados, entre eles o ex ministro socialista José Blanco, os seus compañeiros de partido e alcaldes de Lugo e de Ourense, José López Orozco e Francisco Rodríguez; o ex conselleiro de Industria do BNG Fernando Blanco; o seu ex director xeral de I+D+i e ex rector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o ex concelleiro do PSOE santiagués Bernardino Rama; e o que fora concelleiro de Urbanismo en Lugo e máis tarde presidente da Deputación Provincial e secretario xeral dese partido en Galicia José Ramón Gómez Besteiro.

Todos foron finalmente absoltos ou as súas imputacións arquivadas, pero as súas carreiras políticas quedaron tan tocadas que ningún deles ocupa hoxe posto de representación pública en ningunha institución nin cargo orgánico algún nas súas respectivas formacións. No PSOE lembran que Gómez Besteiro foi o último político de todo o Estado que dimitiu pola súa imputación por un delito de corrupción, que logo se demostrou que non cometera.

Curiosamente, os políticos condenados finalmente por unha daquelas operacións, a Campión, estaban vinculados ao PP: Joaquín Varela de Limia, ex presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e o seu subdirector, Carlos Silva; así como o ex concelleiro e ex candidato popular no municipio de Oleiros (A Coruña) Pablo Cobián. A todos eles nomeounos Alberto Núñez Feijóo. E a Xunta, que compareceu como parte na causa aberta por De Lara, fixo deles os únicos de entre os trece acusados pola Fiscalía para os que os servizos xurídicos do Executivo presidido polo hoxe líder do PP non solicitou pena algunha durante a vista oral.

Hai dous anos, Pilar de Lara foi sancionada polo Consello Xeral do Poder Xudicial e trasladada aos xulgados de Ponferrada (León). Pero as súas decisións non só provocaron «penas de telexornal» para os políticos do PSOE e o BNG. No PP tamén houbo vítimas.

Sucedeulle ao ex alcalde de Ferrol, ex conselleiro de Política Social e hoxe deputado autonómico José Manuel Rey Varela. De Lara imputouno por un delito de suborno porque considerou que podía ter recibido 3.000 euros dun empresario corrupto, dadas as gravacións de varias conversacións telefónicas que constaban no sumario. Nelas, o empresario e outra persoa identificada como «Josman» acordaban o suposto suborno.

Rey Varela non era «Josman». A súa voz non era a que aparecía nas gravacións. Cansouse de dicirllo á xuíza e aos xornalistas durante case seis meses. Ata que unha proba pericial do Servizo de Criminalística da Garda Civil demostrou en novembro de 2014 que o interlocutor do empresario era outra persoa. Apenas seis meses despois, nas municipais do 2015, Rey Varela perdeu a maioría absoluta e con ela, a alcaldía.

Luzes tratou de obter a súa versión sobre como viviu aqueles días e que pensa das cloacas, pero o ex rexedor non quixo responder á solicitude.

«Aquelas operacións xudiciais e policiais e toda a carga mediática que implicaron foron demoledoras para quen sufriron un verdadeiro linchamento público

«Aquelas operacións xudiciais e policiais e toda a carga mediática que implicaron foron demoledoras para quen sufriron un verdadeiro linchamento público. Máis aínda naquela época, na que había unha tremenda desconsideración social cara aos políticos só polo feito de selo», lembran fontes da dirección do BNG de Ana Pontón. «Non resulta inocente que por boa parte da xudicatura aínda non pasase a Transición, como estamos a advertir agora no resto do Estado», engaden.
Segundo o Bloque, existen dous aspectos a destacar sobre as cloacas galegas. Primeiro, a posta do poder mediático ao servizo dos intereses dunha opción política, e especialmente o uso da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) «para prexudicar as forzas da oposición».

«Os traballadores e traballadoras da CRTVG levan máis de catro anos denunciando a manipulación sistemática dos contidos informativos, incluídas as caras máis públicas e coñecidas da cadea, e hai condenas xudiciais firmes que dan por probada a persecución ideolóxica que sofren bos xornalistas por tentar facer o seu traballo. Se isto sucedese en Telemadrid, en Canal Nou (na Comunitat Valenciana) ou en TV3 (Catalunya), o tema xa tería aberto hai tempo un debate público en todos os medios do Estado», sinalan esas fontes.

O certo é que se a cloaca, para ser entendida como tal, precisa dunha vertente mediática, en Galicia atopou un filón na televisión pública. Máis aló de prácticas tan cloaqueiras como perseguir traballadores polo seu posicionamento político –algo ao que hoxe xa lle podemos quitar o «presuntamente»–, a TVG foi o brazo televisivo de Eduardo Inda antes de selo Javier Negre, dous dos principais representantes das fake news de extrema dereita, expertos en fabricar informacións falsas e, curiosamente, enfrontados nunha guerra fratricida.

Sempre que foi necesario atacar a Podemos (especialmente na pasada lexislatura, cando En Marea era a segunda forza no Parlamento galego), OK Diario foi considerado unha fonte lexítima preferente no bloque de noticias estatais. É curioso como unha tele que, cando fusila informacións de xornais como La Voz de Galicia, mesmo aqueles asuntos atemporais que non pintarían demasiado nunha escaleta lóxica, xamais atribúe esas noticias –será polo karma, que, en Sabón, onde ten a sede o xornal, o de citar tampouco gusta demasiado–, non dubidaba en dar o nome do panfleto de Inda sempre que fixese falta. O mesmo Inda que foi convidado a pintar a mona en Land Rober xusto cando o seu medio acababa de nacer. Como quen fai promo dunha estrea de cinema: «Afortunadamente, y gracias a Dios, va como un tiro».

Como xa sabemos que nos informativos non existe un gran respecto ao labor dos compañeiros (non o hai cos de dentro, vaino haber cara a fóra), imaxinamos que a causa desa elegancia á hora de citar o medio do que procede a noticia é máis ben espuria. Por unha banda, tirar a pedra e esconder a man («non o dicimos nós, dío este dixital…»), co efecto nocivo colateral de equiparar a OK Diario con medios de verdade e facelo pasar por unha fonte fiable; pola outra, e seguramente a principal, curarse en saúde ante o «burdo» desas informacións, esquivando así calquera risco de denuncia porque o único que fixeron foi recollelas, mesmo sabendo que seguramente todo fose un invento («Que non eran certas? Meu deus, nunca o teriamos imaxinado! Como as iamos dar entón…?»).

A «deriva ideolóxica» (o termo é do Comité Intercentros do ente) dos informativos levou a TVG a dar un paso máis. Nunha información sobre a visita dos ministros Ione Belarra e Félix Bolaños á exhumación dunha foxa común do franquismo, incluíron a pregunta de EDATV a Belarra (sempre Podemos como branco favorito) sobre Paracuellos. Foi necesario deixar a pregunta porque a ministra –como fan outros políticos de esquerda– negouse a contestala. «Voy a responder a los medios de comunicación», foi a súa réplica. Por ese vídeo, Twitter suspendeu a conta da canle de Javier Negre. Porén, a televisión pública galega decidiu que era o máis salientable da visita dos ministros ao cemiterio. «Burdo», nesta ocasión, queda curto.

As cloacas da TVG non só se caracterizan polo que emiten os informativos de Alfonso Sánchez Izquierdo, o director xeral, senón tamén polo que non emiten. É dicir, polo que ocultan.

Un bo exemplo ocorreu o pasado mes de maio, cando os editores do Telexornal Mediodía deron por email as indicacións a seguir para cubrir a sentenza da trama Gürtel, que condenou ao PP por beneficiarse da corrupción e que acabaría derivando na moción de censura que acabou co goberno de Mariano Rajoy.

A nova abriu todos os informativos das teles públicas e privadas do Estado, autonómicas e estatais, pero os xornalistas da TVG recibiron a orde de que non podía durar máis de 50 segundos no Telexornal de maior audiencia da casa. Ao final foron 76 segundos, sen conexión con Madrid. Dos seis cortes con testemuñas que se recabaron, catro corresponderon a líderes do PP que restaron importancia á condena.

A Gürtel tiña unha evidente relación con Galicia: o número dous da trama, como recollía o fallo, era Pablo Crespo, ex secretario de Organización do Partido Popular en Galicia. Pero impúxose a lei do silencio. Se alguén acode ao arquivo da CRTVG ou á hemeroteca dos medios afíns ao PP para buscar información sobre Pablo Crespo e a rama galega da Gürtel, atopará ben pouca cousa.

As cloacas atoparon un filón na CRTVG, pero o BNG advirte ademais da relevancia da vertente cloaqueira liderada «polo poder económico vinculado ao poder político e ao poder mediático». E pon de exemplo a industria de celulosa Ence, «unha empresa cuxo único obxectivo principal é acabar coa figura do alcalde de Pontevedra (o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores)», e que, en opinión do Bloque, deseñou «todo un proxecto de país para supeditar aos seus intereses mercantís o desenvolvemento do rural e dos montes de Galicia».

O BNG destaca o uso do poder mediático, especialmente da CRTVG, por unha soa opción política «para prexudicar as forzas da oposición»

Ence ten poder suficiente como para lograr que un goberno en funcións –o de Mariano Rajoy en 2016, tras perder a maioría absoluta nas eleccións xerais de 2015– decretase unha prórroga ilegal de setenta anos da ocupación e uso dos terreos públicos onde asenta a súa fábrica de Pontevedra, que durante anos envelenou con metais pesados as augas da ría. Tamén para condicionar a liña editorial dos medios públicos e privados locais e rexionais e evitar que a contestación social á súa estratexia e ás molestias e perigo que supón para a cidade pase desapercibida máis aló de Pedrafita e O Padornelo.

Quizá sucede que esa peste a cloaca que hai en Pontevedra e esa enorme capacidade para desprestixiar a unha figura pública, silenciar unha protesta nos medios ou forzar unha decisión política favorable, senta literalmente no consello de administración de Ence. Del cobran, entre outros, Carlos del Álamo, primeiro conselleiro de Medio Ambiente de Manuel Fraga, e Isabel Tocino, primeira ministra de Medio Ambiente de José María Aznar.

As campañas de medios locais contra rexedores varios teñen acadado una virulencia que en moitas ocasións sobrepasa a lexitíma capacidade de xornais, radios, teles e dixitais nativos para decidir a súa liña editorial sobre a acción política dos alcaldes. Pero por abrumadora maioría, esas liñas sempre teñen por vítimas a políticos de esquerdas ou, polo menos, sen carné do PP.

Máis alá de lexítimas líñas editoriais, as guerras de El Correo Gallego contra Martiño Noriega, ex rexedor de Santiago por Compostela Aberta; e de La Voz de Galicia contra Xulio Ferreiro (A Coruña, En Marea), Abel Caballero (Vigo, PSOE) e Jorge Suárez (Ferrol, Ferrol en Común), son bos exemplos desas estratexias, que incluso chegaron a levar á imputación de concelleiros e concelleiras por imputacións promovidas por informacións deses medios que finalmente resultaron arquivadas.

Como lle sucedeu a Rey Varela no 2015, Noriega, Ferreiro e Suárez perderon as súas alcaldías no 2019. Deixaron a política, aínda que Noriega ten retornado hai pouco. Con respecto a Caballero, foi La Voz quen sacou a bandeira branca e quen puxo fin á súa liña crítica co alcalde vigués cando este logrou conter o ascenso do espazo próximo a Podemos e manter folgadamente a súa maioría absoluta.

O rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensana, tamén ten denunciado a persecución de varios medios, especialmente La Región, contra a súa figura. De feito, foi imputado en varias ocasións, unha delas pola Fiscalía, sen que os xuíces viran nada punible nos actos presutamente corruptos dos que foi acusado nos medios.

Aínda que o que de verdade ole mal nesa cidade son precisamente as cloacas que ten montadas Jácome ao redor da sús xestión á fronte do concello, do seu partido e da súa canle de televisión, e as conexións destas co cloaquismo da Deputación de Manuel Baltar e de boa parte do entramado político, administrativo e xudicial da vila e da provincia.

A banalidade coa que os poderes públicos –incluída a xudicatura– e os mediáticos –incluídas moitas xornalistas– tratan as cloacas supón un grave risco porque se pode extender a toda a sociedade. E se, como lle sucedeu ao ex comisario Villarejo, nos afecemos a vivir nelas, perderemos o sentido do olfacto e acabaremos asumindo que, no fondo, non olen tan mal ou mesmo contribúen a limpar a porcallada. E non. As cloacas sempre apestan.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail