Os debates tan en boga sobre os poderes máxicos do código penal fanme lembrar aquela frase famosa de Concepción Arenal, «odia o delito e compadece ao delincuente», que hoxe pode parecer naíf de máis. A punitividade dunha sociedade, o xeito, a firmeza con que se enfronta ao delito, que consecuencias ten para quen o comete, é un elemento importante da identidade colectiva e evoluciona con ela. Partindo de que o principio de proporcionalidade, de mínima intervención, considera que o dereito penal debe protexer só os bens xurídicos máis importantes, ante os ataques máis intensos e só cando non hai defensa alternativa. A realidade é que a interpretación de mínimo, importante, intensa e alternativa corresponde a un tempo e un espazo e varía entre épocas e sociedades.
A punitividade dunha sociedade, o xeito, a firmeza con que se enfronta ao delito, que consecuencias ten para quen o comete, é un elemento importante da identidade colectiva e evoluciona con ela
A outra biblia legal do momento, a Constitución de 1978, dá indicacións bastante claras sobre as prioridades neste aspecto no seu artigo 25.2: «As penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán encamiñadas á reeducación e a reinserción social e non poderán consistir en traballos forzados». Poderiamos daquela considerar inconstitucional o feito de que non haxa mecanismos, orzamentos ou estratexias que transformen o paso pola prisión nun proceso de reinserción merecente do nome. Mais iso é outro tema. Ao que vou, é a que a letra dese artigo 25 da CE, na liña da frase de Concepción Arenal, está lonxe da tendencia actual que busca nos procesos penais e nos cambios lexislativos ben unha volta ao bíblico «ollo por ollo» (todos cegos), ben a consideración da prisión como un medio, o principal, de prevención do delito: se están presos non delinquirán de novo. Renúnciase a separar o delito de quen o comete: o delito é a esencia do delincuente. Non é o que fai, é o que é.
En contraposición do «dereito penal do cidadán», xorde e está a medrar «o dereito penal do inimigo», que establece excepcións aos dereitos de determinadas persoas cando as consideramos socialmente inimigas do Estado. Ao feito delituoso que cometen súmase unha valoración da súa intención ao cometelo que os etiqueta como irrecuperables, e permite ao proceso penal tratalos con especial dureza. A prevención que produce o endurecemento das penas con este motivo non é por disuasión, é por inocuización. Como non se resocializarán, pensamos, é un risco deixalos en liberdade e tentamos que permanezan o máximo tempo presos para evitar ese risco.
En contraposición do «dereito penal do cidadán», xorde e está a medrar «o dereito penal do inimigo», que establece excepcións aos dereitos de determinadas persoas cando as consideramos socialmente inimigas do Estado
Esta tendencia iníciase con grupos pequenos con doada xustificación social como grupos terroristas ou do crime organizado, e vaise estendendo: agresores sexuais, maltratadores, corruptos, disidentes políticos… Expresamos a nosa xusta condena á conduta indesexable reclamando máis pena. Porén, máis pena non resulta en menos delito, en todo caso resulta en máis poboación encarcerada e por máis tempo. Que arrastrará un estigma difícil de superar cando saia. E cando non abonda con iso, inventamos penas de dubidosa constitucionalidade como a prisión permanente revisable, que ten máis de permanente que de revisable.
O criminólogo australiano John Pratt denomina este proceso «descivilización». Contrario á tendencia civilizadora anteriormente dominante en «occidente», que humanizou e reduciu as penas (eliminando, por exemplo, a pena de morte en moitas lexislacións) e apartou o seu cumprimento dos ollos do público. Relaciónao cunha maior sensación de inseguridade da cidadanía, de desconfianza das institucións clásicas, dende a familia aos gobernos, consecuencia da crise do Estado do benestar, que reclama protección ás autoridades e estas non saben ou non poden ou non queren ofrecer alternativas diferentes deste populismo punitivo.
Sexan ou non eses os motivos, con todo respecto aos sentimentos e os dereitos das vítimas e comprensión da sensación de inseguridade a que estamos expostas, son partidaria de non perder de vista esa frase de Arenal e ese propósito do 25.2 da CE dos que falaba. Que debemos facer avaliación dos resultados, e ter o valor de recoñecelo e revisalo cando non funcionan. Creo tamén que o Estado debe defender publicamente e aplicar estritamente o principio de ultima ratio, usando todos os mecanismos posibles para evitar as condutas delituosas antes de recorrer ao proceso penal. Que debemos recuperar o camiño do proceso civilizador do que nos estamos desviando.