Segundo un artigo de El País do 29 de decembro do ano que acaba de rematar, o galego estase a perder pola falta de apoio das institucións e porque «os pais non lles falan en galego aos seus fillos», segundo afirma a galardoada profesora de secundaria Pilar Fonte en dito xornal.
Pese ás ferramentas en normalización lingüística, a estrela outorgada a Rosalía de Castro ou a motivación de moitos mestres para a súa integración na aula, hai elementos que fallan. Por exemplo, a falta de inclusión do galego noutras materias pode ser unha, pero non a única, nin a máis importante.
Durante corenta anos de ditadura a nosa cultura quedou marxinada baixo unha hexemonía moi intransixente coas formas culturais, maiormente coas falas, por mor do centralismo do Estado. Pero iso non foi suficiente para que deixaramos a un lado a nosa cultura, pasándoa de país a fillos de maneira popular, sen que se perdera a súa esencia. E se pasou iso foi por termos outras formas culturais valoradas alén da fala, máis aló do currículo académico, que parece que é o único que importa en Educación.
Temos que ser conscientes de que soamente coa fala non defendemos Galiza. As nosas costumes, lendas, festas e as novas formas de ser galego ou galega nos tempos da democracia e descentralidade (e liberdade), son tamén ferramentas que temos e que non estamos a aproveitar.
Quero unha unha xeración que teña formas de expresarse como galega máis diversas e actuais, que lea xornais en galego e castelán co mesmo número de visitas na rede, que utilice «gracias», «grazas» e «obrigado» como lle pete
Para este 2020 quero máis historias de «nenos (ou nenas) labregos (ou labregas)» que sintan orgullo da súa vida en Galiza amosándoa sen complexo ao mundo. Quero máis xente de calquera lar que integre formas distintas de dicir grazas, como obrigado, graças e gracias. E quero máis xente que sinta orgullo de dicir que son de eiquí, inda que non estea recollida no DRAG, porque o feito de que o utilizara Blanco Amor na Esmorga debería ser abondo.
Unha cousa que aprendín na escola é que non importa como utilices a lingua. Todas as formas deben ser igual de válidas e, aínda que distintas, hai que deixar que se dean en diferentes ámbitos, de formas dispares, porque o que importa é a intención, mantela viva. Para iso, necesitamos sentir orgullo de ser galegos, un orgullo que non nos vai a dar tan só a publicidade dunha cervexa. O orgullo de aprender a muiñeira –a calquera idade–, o orgullo de ir á festa de San Caralampio en Melide, o orgullo de ler un conto en galego aos fillos sobre O Apalpador e o arco da vella ou da nosa Simboloxía máxica. O orgullo, que tamén máis dun sentirá coma min, cando escoita unhas pandeiretas ou un grupo de gaitas. Mais tamén temos que telo nas novas maneiras que veñen e que conseguen que se escoite –tras varios anos– polo menos un «obrigado» do presidente do Goberno. Calquera que teña a intención de defender o galego «amigo é», inda que se trabuque.
Quero unha xeración nova que estea acotío integrada nos novos tempos, unha xeración que teña formas de expresarse como galega máis diversas e actuais. Quero unha xeración que lea xornais en galego e castelán co mesmo número de visitas na rede, unha xeración que utilice «gracias», «grazas» e «obrigado» como lle pete. Quero unha xeración que fale co galego que lle saia do carallo, e que non esqueza que hai máis formas culturais na nosa Galiza e que temos que apoialas todas.
Se en tempos pasados tivemos distintas xeracións, hoxe é necesario que teñamos unha nova. A xeración estrela, que integre tamén aos novos produtores de cultura, aínda que estas producións estean en Youtube ou Instagram, nun videoxogo, en Netflix… Malia que a reinterpreten e misturen con outras culturas e linguas (inclusive co castelá), reconsiderando o enxebre. Ogallá poidan este ano ser considerados galegos e galegas reintegracionistas, lusistas, autonomistas ou castelá-falantes, por que non? A cultura galega está en risco. Que non haxa «unha estrela tan tembrorosa» para que non se apague nunca a Estrela da nosa (parafraseando a MJ Pérez) «Rosalía», a de Castro.