Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
«Hai once anos cheguei a Vigo desde o norte da illa indonesia de Xava canda outros seis compatriotas. Nunca fora mariñeiro. A miña familia e mais eu traballabamos a terra preto de Tegal, unha cidade non lonxe de Iacarta, a capital do meu país, onde a política corrupta esvaecera as nosas esperanzas de progresar. En Vigo ía frío. Comecei a traballar nun barco, de armador español e bandeira lituana, que andaba á pescada no Gran Sol. Tempo despois aprendín que eu formaba parte do rango máis baixo da longa cadea da industria pesqueira galega. Era, en palabras da miña terra, un «orang transit». Unha persoa en tránsito. Un mariñeiro sen permiso para abandonar o barco. Nese limbo vivín durante tres anos. Cobraba 350 euros ao mes e respiraba con medo. Se poñía un pé fóra do porto do Berbés cando atracabamos, podían mandarme de volta a Indonesia. Na cabeza, unha idea: este traballo daralle de comer á miña muller e a uns fillos que aínda non teño. As ondas deste mar son perigosas e, aínda así, onde eu son náufrago é en terra».
Azzy arribou en 2003 ao porto de Vigo para traballar como mariñeiro en tránsito, con licenza de traballo pero sen permiso de residencia, posto que a bandeira lituana da embarcación permitía este subterfuxio aproveitado polas empresas dedicadas á que é, segundo os sindicatos, unha importación masiva de man de obra tirada de prezo. El durmía e vivía no barco, día e noite, as xornadas de traballo e mais as libres. Custáballe ao armador 350 euros. Asinara o contrato en Indonesia e ese salario era máis do triplo do estipendio mínimo da rexión de Xava Central de onde procedía. Azzy escapou desta situación hai xa uns anos, mais aínda hai mariñeiros indonesios en Galicia que faenan nestas condicións. «Sobre todo nas vilas grandes e nas cidades, en Vigo, na Coruña, en Burela ou en Celeiro, hai indonesios en tránsito, pero é complicado dar con eles, nunca deixan o barco e os armadores non queren que falen cos que xa temos mellores condicións», conta Azzy dende Corme, onde chegou en 2012 despois de desiguais experiencias noutras vilas mariñeiras galegas. Suroso, indonesio coetáneo de Azzy, coincide con el: «Hai armadores bos e armadores malos. Cos mariñeiros libres son transparentes pero aos de tránsito engánanos». Os dous comparten tarefas nun barco de Corme con compañeiros españois e peruanos, no que os indonesios son maioría. «Aos galegos gústalles como traballamos os indonesios. Somos rápidos. Non nos queixamos. Non damos problemas», agrega Agus, de 31 anos, con muller e fillo en Tegal e musulmán como a meirande parte dos indonesios.
Referéndao o responsable dunha das axencias galegas que trae indonesios a Galicia para traballar no mar, que explica que os asiáticos comezaron a chegar ao redor do 2004, cando moitos barcos pasaban meses atracados porque non tiñan tripulación. Coa prosperidade da construción terra adentro moitos deixaron as redes e os armadores precisaban de man de obra urxente. A debate está quen foi o que tivo a idea: un cociñeiro galego embarcado en Asia con chineses e indonesios, un patrón lucense que vivira no arquipélago… Descoñécese a verdade, pero as vantaxes eran moitas. A maioría dos indonesios eran musulmáns practicantes, non bebían alcohol, polo que nunca embarcaban bébedos, un dos problemas recorrentes cos mariñeiros doutras nacionalidades. Ademais, case todos estaban casados e con fillos dende moi novos, polo que tiñan claro que o seu era aforrar durante anos para poder voltar a Indonesia. E, por suposto, eran baratos.
A día de hoxe unhas cinco axencias dedícanse a traer man de obra indonesia para a frota galega. Non todos estes indonesios están na mesma situación. Algúns chegan como traballadores en tránsito, sen papeis, con salarios moi baixos e dereitos case inexistentes. Outros forman parte do seguinte chanzo, o que os indonesios chaman «orang dengan agencia», persoas con axencia. Aqueles que asinan un contrato tripartito co armador e a axencia e obedecen as esixencias de ambos. É o caso de Termintu, de trato afable, ollos avermellados, 39 anos, unha muller e dous fillos esperándoo tamén en Tegal. Por que hai tantos mariñeiros dun só municipio indonesio en Galicia?
Eles tampouco parecen telo claro. Pode que se correse a voz. Tamén inflúe que esta mediana e deprimida cidade xavanesa tivese unha importante frota mercante durante boa parte do século pasado grazas á exportación de azucre.
Termintu chegou hai seis anos á costa de Lugo a través da oficina en Iacarta dunha destas axencias; embarca os luns nun barco do porto de Celeiro que vai á pesca da merluza no Gran Sol pero dorme os seus días libres na vila de Xove. Bota dúas semanas no mar e volta para o peirao, ás veces asustado das zorregadas do océano. O takut (medo) flota e enrédase nos seus xestos calmos. Do seu salario sae cada mes unha parte para a axencia que o trouxo hai máis dun lustro de Indonesia. Canto embolsa esta empresa? Non o sabe. A el o armador entrégalle un soldo de 1.000 euros mensuais, despois de deducirlle o pago aos intermediarios, que se encargan de atoparlle aloxamento e alimentalo. Termintu comparte apartamento con outros indonesios. Cando todos están na casa porque os seus barcos están amarrados, chegan a ser vinte nun piso de paredes escachadas e sofás con buracos sen fondo. Ás veces conseguen algunha comida indonesia, nasi goreng, mie goreng, sate e peixe. Pero aclaran: a pescada, o peixe que os trouxo ao litoral galego, non lles presta.
«Non me sabe», concede Termintu sorrindo. Prefire «costillas» ou «chuletas», afirma cunha pronuncia tan correcta que é difícil adiviñar os máis de 15.000 quilómetros que fixo até Xove. Apenas sabe algunhas palabras en galego ou español: comida, casa, móbil… Pero hai dúas que dividen cada un dos seus anos en Galicia e non sabe traducir ao indonesio: «merluza» e «bonito». No seu tempo libre Termintu fuma, toma té ou café no bar que hai diante da súa casa, ve o fútbol, camiña, fala cos compañeiros, volve fumar. Na casa na que vive pódense palpar o fastío e a estrañeza. Garrafas de auga baleiras de líquido e cheas de cabichas, un reloxo dunha voda indonesia cos dous noivos vestidos coa roupa tradicional pendurado enriba da porta, un mantel queimado baixo os pratos e varias botellas de whisky sobre a mesa. Semella que algúns xa non sacian a sede só con teh botol, a infusión que se converteu na bebida nacional en Indonesia. É aburrido, recoñece mentres conecta o ordenador portátil ao wifi para poder chatear coa súa muller.
Nin Termintu nin ningún dos seus compañeiros coñecían as condicións coas que ían traballar, o salario, o labor que ían desenvolver ou a vivenda na que ían durmir até que chegaron a Lugo. El, coma outros, tiña claro que quería gañar diñeiro, aforralo, mellorar a vida da súa familia. A súa muller vende a diario comida nun mercado de Tegal e cada mes recibe case 900 euros de parte do seu suami (marido). El di que só precisa 100 euros para tirar adiante. Un café no embarcadoiro despois de chegar. Dez euros para recargar o pulsa do móbil. As mans curtidas tremen lixeiramente mentres come un anaco de biscoito. Os ollos, que evitan pousarse no interlocutor por un longo tempo, delatan o cansazo. Aínda así, asegura que é feliz. Ao contrario que o seu compañeiro Rakimi, 37 anos, sorriso xovial e unha esposa e fillos en Indonesia, que ri mais di que está triste na vila mariñá. Leva sete anos traballando en Galicia, bota de menos a familia, a comida, os amigos
e a vida de alá. Soubo da oportunidade de ser mariñeiro en Celeiro cando vivía en Tegal e deu un paso á fronte. Estes homes indonesios din estar satisfeitos e tranquilos co seu traballo, co trato que reciben dos seus compañeiros galegos e dos patróns. E así e todo, mentres falan, un deles, desacougado pola posibilidade de que a conversa con xornalistas poida supoñer un conflito co seu empregador, chámao.
E dous ovos duros. No xa ateigado salón do apartamento dos indonesios, primeiro andar, onde sete mariños explicaban a súas peripecias, irrompe o último actor: o xefe da axencia que os emprega que, alertado polo mariñeiro con remorsos —o listo, como lle chaman os seus camaradas—, acode a comprobar o que sucede. Cumprindo co tópico do veterano rudo e malencarado, a súa voz descomponse en ira. Aquel é o seu cortello e nel faise o que el diga. Levanta a man, xura polo demo. Que dereito teñen os xornalistas a vir aquí e preguntar? Que lles importa a eles como vivan os indonesios? Estes últimos, atónitos, asisten ao intercambio verbal sen entender nin unha palabra pero sabendo perfectamente o que está a pasar. En mar aberto, atarefados e sacudidos por grandes ondas, todos teñen recibido ouveos inintelixibles. Minutos antes, sen saber o que estaba a piques de acontecer, eles mesmos confesaban entre risas que os patróns de Celeiro eran malfalados e berróns mais «non batían» neles como facían algúns superiores doutras latitudes cando traballaban nos mares de Asia. Tras o asoballamento inicial, cálmanse un pouco as augas: «A culpa é dos sindicatos que buscan afiliados que non teñen e da prensa que terxiversa», sentenza o patrón. Os indonesios viran as costas cara ao ordenador e acábase a festa.
Xove non é o único sitio no que parece que a metade da historia segue sen ver a luz, no que se agochan datos e sufrimento. En Burela o ambiente tampouco parece propicio. A maioría saben onde viven os indonesios pero o pouco que se atreven a explicar dino a media voz. O seu veciño, o seu amigo, o seu irmán pode ser un daqueles que fomenta o emprego de dubidosa legalidade dalgúns indonesios. «Paréceme unha inxustiza, non te enganes, pero non quero que se relacione o meu nome con isto», bisba un veciño. «Eu é que non me quero meter neste tema», comenta outra. Ao final, un enderezo atinado leva até eles. Soa o timbre do portal.
—Bos días, querería falar cos indonesios que viven neste piso.
Breve silencio.
—E quen é vostede?—, resposta un home galego ao aparato.
—Unha xornalista.
—Aquí non a imos atender.
Colga o interfono. A cada pregunta, nun bar, nun hotel, no porto, os presentes teñen aspecto de observar e escoitar o que se fai e se di. A sensación de ser unha ameaza. De desturbar unha paz que en realidade non existe. Paradoxalmente, unha das empresas que importa indonesios faino para os armadores de Burela.
É nas vilas pequenas onde estes homes de pel torrada e sorriso imperecedoiro teñen as mellores expectativas. A esperanza é chegar á terceira categoría, á parte alta da escada. Azzy foi «orang transit» en Vigo de 2003 a 2006, en 2007 converteuse en «orang dengan agencia» en Burela, como os seus compatriotas que agora viven en Xove e el non coñece, pero en 2008 chegou a Muxía convertido nun «orang libre», un home libre, un mariñeiro coma os demais, que asinaba contrato directamente co armador, sen intermediarios e con salario variable, segundo as capturas, coma os galegos. En 2010 foi a Camariñas por dous anos e en 2012 arribou ao seu actual porto, Corme. Os sábados pola tarde Azzy e a súa cuadrilla encadean zumes, cacahuetes e partidos de fútbol. A máquina de apostas deportivas do bar portuario concentra a súa atención. Vestido cunha camisola do AC Milan, Azzy sintetiza a paixón dos indonesios polo deporte rei: «Eu son seareiro do Milan, do Barcelona, do Deportivo e do Manchester United». Todas as competicións son cativadoras para eles. Nada os distingue neses intres doutros indonesios, que seis horas por diante no reloxo, pasan as madrugadas en pantalón curto, fumando kretek —cigarros de cravo e tabaco maioritarios en Indonesia— e desvelados, agardando a que se xogue «La Liga». Non obstante, ser un orang libre vai máis alá de poder elixir equipos europeos de fútbol. Ser un orang libre trae de serie a capacidade de escoller onde e con que traballar, negociar as túas condicións e viaxar anualmente a Indonesia para visitar a familia. Mesmo os que coma Azzy levan máis de dez anos na península teñen dereito a solicitar a nacionalidade. Sulejo, un dos seus amigos de Corme describe así a realidade dun mariñeiro libre: «O que cobramos varía cada mes, ás veces 1.500 euros, outras veces máis e outras menos; nós decidimos onde vivimos, pagamos o noso piso, o noso wifi e maila nosa comida e se queremos marchar só depende de nós».
Nos días libres comparten paseos e devezos. Sulejo quere abrir unha tenda cando volva a Tegal. Agus, comprar terras e dedicarse á agricultura. Untung, o máis apoucado, aínda non o sabe. Todos descoñecen cando volverán a Indonesia, aínda non fixeron plans concretos, mais teñen claro que é alí onde está a súa casa. Ningún quere traer a Corme a súa familia. «Aquí todo é demasiado diferente, a muller e os rapaces non se adaptarían. A lingua é difícil, a cultura, o clima, a relixión», Agus suma motivos para manter aos seus en Tegal. Baixando pola costa coruñesa, os seus colegas indonesios de Ribeira comparten situación e pensamentos sentados nun bar diante da praza do concello. Debullan propósitos imprecisos para o porvir cunha soa constante, volver a Tegal. Retornar á súa terra de clima tropical e vexetación exuberante; de días apracíbeis, con arrozais inesgotábeis anegados de auga e cinco chamadas diarias ao rezo dende os minaretes. En Ribeira hai curmáns e cuñados, a escasa presenza da Indonesia ausente das súas vidas. No grupo tamén hai compañeiros de Marrocos e Mauritania cos que coinciden na mesquita de Ribeira e cos que conversan sobre as súas inquedanzas. Escachan de risa cando se lles pregunta pola relación coa xente da vila. «Son amables», di Yudi, o máis afeito ao trato, «pero chámannos chineses. É que non ven que temos a pel escura?».
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán