O PP boicotea en Ferrol a reposición dunha placa na honra de Pablo Iglesias destruída polos fascistas

A Coruña.-  A poucos días de que se fagan cen anos da morte de Pablo Iglesias, fundador do PSOE e do sindicato UXT, a agrupación local socialista da súa vila natal, Ferrol, e a dirección da formación en Galicia, acusaron ao Partido Popular de boicotear a reposición dunha placa de homenaxe cuxo orixinal foi destruído polos fascistas tras o golpe de estado de 1936.

Os socialistas afirman que o Concello, en mans do popular José Manuel Rey Varela, exconselleiro de Política Social na Xunta con Alberto Núñez Feijóo, quere agora poñer a placa nun lugar demasiado apartado e escasamente visible, xunto a unha árbore seca, nunha localización afastada das zonas transitadas e onde outra mención na honra de Iglesias xa foi vandalizada hai anos sen que os servizos municipais a repararan.

«Imos pedir o apoio de todas as agrupacións de UXT e do PSOE de España, propoñéndolles que envíen ao Concello de Ferrol unha reclamación oficial para que se coloque a placa no lugar que merece», explica Ángel Mato, alcalde da cidade entre 2019 e 2023. «É unha cuestión de dignidade», engade.

A pé a Madrid fuxindo da fame

Pablo Iglesias Posse, de cuxa morte se fan cen anos o vindeiro mércores, foi un modesto tipógrafo nado en 1850 Ferrol, que emigrou a pé coa súa nai de Galicia a Madrid fuxindo da fame e a miseria tras a morte do seu pai. Criado nun hospicio da capital do Estado desde que tiña dez anos, iniciou a súa carreira política como columnista nos diarios onde empezou a traballar como aprendiz de impresor, ata converterse no ideólogo e a referencia chave do movemento obreiro en España a finais do século XIX e principios do XX polo seu compromiso coa defensa dos dereitos laborais, o socialismo democrático, a organización sindical, a educación pública e a loita pola xustiza social.

Tras o seu falecemento en 1925, os militantes do PSOE de Ferrol fixeron unha colecta entre os veciños e encargaron unha placa conmemorativa ao escultor Agustín López Miras que foi colocada na sede do antigo consistorio. Representaba a súa efixie, coroada de loureiro xunto a un mozo cun martelo encadeado a un xunque, como símbolo do traballo e dos traballadores. Querían render homenaxe, segundo rezaba o texto gravado no bronce, «á súa vida austera, ao amorne heroico da súa vontade e á honradez na súa conduta».

A localización onde o Concello de Ferrol quere colocar a placa de Pablo Iglesias / M. G.

O golpe de estado do 36 triunfou en Ferrol en poucas horas e os franquistas, que se fixeron enseguida coa cidade, iniciaron unha represión sanguinaria con centenares de asasinatos, que sumaría decenas de miles en toda Galicia e centenares de miles en toda España. A placa de Iglesias foi retirada e destruída. Pasaron 64 anos ata que no 2000, baixo mando do rexedor nacionalista Xaime Bello, o fundador do PSOE e de UXT recibiu o título de fillo predilecto da cidade. Anos despois tamén se bautizaría co seu nome un pequeno parque á entrada do seu barrio natal, Esteiro.

Pasado o tempo, durante uns traballos de dixitalización nos estaleiros públicos de Navantia, varios militantes descubriron unha fotografía antiga na que se vía a placa que fora destruída polos franquistas. Decidiron de novo facer unha colecta e, a partir dela, encargar unha réplica, que pensaron podía situarse na praza que albergou o antigo Concello, porque o edificio da casa onde naceu Pablo Iglesias xa non existe, ou algún lugar emblemático. «Falamos co alcalde, explicámoslle a nosa intención de restituíla e aínda que en principio dixo que si, logo foi poñéndonos dificultades, ata que nos informou de que a localización sería no parque, pero non na súa entrada, senón nunha zona afastada e oculta onde apenas se vería», lamenta.

Ditadura e represión

Ferrol é unha das cidades máis icónicas do que representaron non só a ditadura –alí tamén naceu Franco, que a rebautizou pomposamente como O Ferrol do Caudillo para darse autobombo–, a represión e o horror fascistas, senón tamén a loita obreira antifranquista. A memoria histórica e democrática está presente case en cada esquina e en cada familia. O propio Mato lembra que o seu pai foi traballador de Bazán, que o seu avó paterno, secretario de organización do PSOE, foi asasinado en 1934 durante os levantamentos de Asturias; e que o seu outro avó, oficial da Armada, faleceu en prisión tras recibir tres sentencias de morte dun tribunal militar franquista pola súa lealdade á República.

O exalcalde tamén lembra que a importancia da figura de Pablo Iglesias é anterior ao franquismo, e que ademais transcende a rivalidade partidista e o combate de siglas. «Isto non debería ser obxecto de debate político, porque do que se trata é dun acto de respecto democrático á historia de Ferrol, de reparación e de xustiza para cun dos maiores defensores da liberdade, a igualdade e a equidade social deste país», engade.

«Isto non debería ser obxecto de debate político, porque do que se trata é dun acto de respecto democrático á historia de Ferrol, de reparación e xustiza»

O PSOE celebrou o pasado outubro o acto de descubrimento da placa, ao que asistiron, entre outros, a presidenta do Congreso, Francina Armengol; o secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez; a secretaria de Organización do partido, Rebeca Torró, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Pero a agrupación local negouse a situar o monumento no emprazamento ordenado polo Concello, e, tras gardala na súa sede, decidiu expoñela nas instalacións do Ateneo Ferrolán, creado en 1879, o mesmo ano en que Iglesias fundou o PSOE. Ata a súa clausura polo franquismo, ao tempo no que o partido era ilegalizado, o Ateneo foi un dos principais motores da vida social e cultural da cidade.

O pasado 20 de novembro, os socialistas denunciaron na comisión institucional do Parlamento de Galicia a «censura política» do alcalde Rey Varela. «O que fixo hai anos a ditadura, o PP pretende repetilo simbólicamente hoxe: apartar, ocultar e desnaturalizar unha homenaxe a unha das figuras fundamentais da historia da clase traballadora», advertiu o deputado Aitor Bouza.

Luzes-Público dirixiuse ao Concello de Ferrol para obter a súa versión dos feitos e ofrecer ao consistorio e ao seu alcalde a posibilidade de responder á acusación do PSOE de querer invisibilizar por «vontade política» o recordo a Pablo Iglesias. Á hora na que se terminou de redactar esta peza, este diario non obtivera resposta ás chamadas e correos enviados ao seu gabinete de comunicación.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail