Os xuíces reprochan á prima de Feijóo protexer ao médico do seu hospital acusado de trato vexatorio

A Coruña.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) revogou a sentenza dun xulgado do Contencioso-Administrativo que declarou contrario a dereito o cesamento do xefe de servizo de otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Carlos Martín. Os maxistrados, ao contrario que a xuíza de primeira instancia, consideran que a súa destitución estaba xustificada e fundamentada no seu comportamento agresivo e no trato vexatorio que deparaba aos seus subordinados.

Os xuíces da sección primeira da sala do Contencioso do TSXG reprochan ademais á xerencia da área sanitaria de Santiago, que por entón dirixía Eloína Núñez Masid, prima de Alberto Núñez Feijóo, manter no seu posto a Martín durante anos. De feito, critican que non cumprise a lei que obrigaba á xerencia a que o exercicio do cargo do xefe de servizo fose avaliado periodicamente.

O conflito do xefe de otorrinos coa maioría de médicos do seu departamento motivou hai tres anos unha folga de nove meses, unha das máis longas que se lembran na sanidade galega e que disparou as listas de espera ata niveis que aínda se arrastran hoxe.

Martín foi nomeado en 2016, un ano antes da chegada de Núñez Masid á xerencia de Santiago desde a de Ourense, polo procedemento de avaliación colexiada, que obriga á Administración sanitaria a valorar o seu traballo cada catro anos, e a revogalo do posto no caso de que o resultado desa avaliación sexa negativo. A dirección de Núñez Masid non abriu nunca ese proceso, a pesar de que coñecía os problemas do servizo.

Violencia verbal e vexacións

En xuño de 2021, os otorrinos dirixíronse a ela por escrito para informarlle de que Martín mostraba de forma reiterada «unha actitude autoritaria e violenta», lembra a sentenza, con «violencia verbal con berros, mesmo en público e con pacientes diante, vexacións reiteradas a varios membros do servizo, cuestionando a súa valía profesional e mesmo persoal, e violencia física, como agarrar de forma violenta a unha facultativa do servizo provocándolle un hematoma nun brazo».

Núñez Masid non fixo caso das denuncias nin tomou medida ningunha, o que motivou que cinco meses despois os otorrinos iniciasen unha folga que, segundo os xuíces «produciu unha importante deterioración da actividade asistencial»: máis de 3.642 pacientes en espera de primeira consulta, cunha demora media de máis de 98 días. As reclamacións dos usuarios multiplicáronse por catro e pasaron das menos de 150 no primeiro semestre de 2021 a case mil no mesmo período de 2022.

Feijóo e Eloína Núñez, no Clínico de Santiago / Foto: Xunta

En setembro dese ano, os otorrinos puxeron fin á protesta despois de que a Xunta forzase a Núñez Masid a resolver o conflito e a crear unha comisión para estudar as súas denuncias. Sobre as conclusións dese comité, o Sergas baseou a decisión de suspender primeiro dous meses por falta grave e cesar despois a Martín. É dicir máis dun ano despois de que os otorrinos advertisen por escrito á xerente do punto ao que chegara a situación.

«Resulta inexplicable», abunda a sentenza, datada o pasado 15 de outubro, pero que non transcendeu ata o de agora, «que non se efectuou a referida avaliación [do desempeño do cargo do xefe de servizo de otorrinos], que podería evitar […] toda a problemática posterior». É dicir, a folga e a deterioración da capacidade asistencial do servizo en que derivou o caos no departamento.

Segundo os últimos datos do Sergas, referidos a xuño deste ano, as listas de espera para unha consulta en otorrinolaringoloxía en Santiago son as máis altas dos hospitais de Galicia: 55,9 días, é dicir 20 días máis que na Coruña, 26 máis que en Ferrol, 21 máis que en Ourense e 12 máis que en Vigo.

O Sergas destituíu a Núñez Masid o pasado maio, aínda que o sucesor de Feijoó na Xunta, Alfonso Ruedatena recolocado nomeándoa para un alto cargo na Consellería de Política Social. Este verán, Luzes-Público desvelou que xusto antes do seu cesamento tramitara dous concursos que adxudicaron outros tantos contratos por máis de 4 millóns de euros ao Grupo Eulen, a empresa cuxa directora para Galicia é a súa prima Micaela Núñez Feijóo, irmá do presidente do PP. Ademais, inflou o contrato en mais de 600.000 euros.

Este diario tamén desvelou que despois de que o seu curmán Alberto a nomeara xerente dos hospitais de Ourense, creou unha praza que non existía no seu hospital para asignarlla ao seu propio esposo, Francisco José Aramburu Vilariño.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail