O ruído estatal de esquerdas e dereitas embarra a precampaña galega

A Coruña.- O ruído das disputas entre socios a esquerda e dereita do arco político está embarrando o escenario preelectoral das autonómicas galegas, previstas para o próximo mes de xullo pero que con toda probabilidade adiantaranse ao primeiro trimestre do ano.

Os partidos con representación no Parlamento galego -PP, BNG e PSOE- e os seus respectivos candidatos –Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro– levan semanas en modo eleccións. Os que aspiran a tela e mesmo a facerse coa chave do Goberno da Xunta -Sumar, Podemos, Esquerda Unida, Anova, Vox e Democracia Ourensá (DO)-, en cambio, apenas deron os primeiros pasos para que as posibilidades que lles dan as enquisas se convirtan en escanos.

A Cámara autonómica ten 75, que na actualidade ocupan 42 deputados do PP, 19 do Bloque e 15 do PSOE. A última sondaxe augura que Rueda revalidará a maioría absoluta que lle legou Alberto Núñez Feijóo, aínda que perdería dous deputados que gañarían PSOE e Sumar. Claro que esa enquisa se realizou en outubro e non ten en conta  circunstancias e acontecementos posteriores que poderían modificar substancialmente o mapa das previsións de intención de voto.

A última sondaxe augura que o PP revalidará a maioría absoluta, pero perdería dous deputados que gañarían PSOE e Sumar

Entre elas, as dificultades de Yolanda Díaz para acordar con Podemos e Esquerda Unida unha coalición electoral tras a ruptura do grupo parlamentario no Congreso; as tensións do PP con Vox a escala estatal; as dúbidas dos nacionalistas de Anova entre achegarse ao espazo da vicepresidenta segunda ou apoiar ao BNG; a insinuación dalgunhas voces próximas ao PSOE de que Díaz non debe presentarse en provincias onde podería restar no canto de sumar… E aínda por riba, Gonzalo Pérez Jácome e Democracia Ourensana.

A maneira en que se resolva ese quebracabezas de desavinzas, alianzas e relacións combinadas de amor e de odio, pode condicionar os resultados das eleccións e inclinar dun lado ou outro o acceso ao próximo Executivo autonómico.

Feijóo e Jácome, nunha imaxe de arquivo / Foto: DO

Jácome ameaza dous escanos do PP en Ourense

O alcalde de Ourense, que goberna con apoio do PP a cambio de prestar o seu aos populares na Deputación Provincial, anunciou que se presentará ás autonómicas e advertiu de que se a presidencia da Xunta depende dos seus votos, estaría disposto tamén a pactar con PSOE e BNG. O seu candidato será Armando Ojea, a súa man dereita, cofundador do partido e tenente de alcalde da cidade.

Na provincia, onde se disputan 14 escanos ao Parlamento autonómico, DO obtivo nas municipais de maio 19.411 votos, case un 11%, pero a súa porcentaxe na capital achegouse ao 34%. Se Jácome e Ojea repetisen eses resultados nas autonómicas, arrebataríanlle ao PP un dos oito deputados que Rueda ten alí agora, e quedarían a menos de 1.200 votos de roubarlle o segundo.

A pesar do seu acordo na alcaldía e na Deputación de Ourense Jácome e o PP non son un matrimonio político ben avido

A pesar do acordo que manteñen na Alcaldía e na Deputación, Jácome e o PP non son un matrimonio político ben avido. No último pleno municipal, os populares tombaron unha proposta orzamentaria do rexedor, que respondeu cunha velada ameaza coa mirada posta no futuro: «Arrieros somos».

Vox podería gañarlle a Rueda outro deputado na Coruña

En canto a Vox, a súa única representación institucional en consistiu ata o de agora nunha concelleira no municipio de Avión (Ourense, 1.700 habitantes), gañada nos comicios locais da pasada primavera.

A formación de Santiago Abascal moveuse no último lustro en Galicia nunha pinza de resultados dispares que oscilan entre os 9.581 votos das municipais de 2019 e os 116.381 das xerais de novembro dese ano.

Nas últimas eleccións, as do 23J, Vox obtivo algo máis de 77.000 sufraxios, que lle servirían agora para facerse cun escano no Parlamento galego pola Coruña, tamén á conta do PP, se eses resultados se rexistrasen de novo nas autonómicas.

O voceiro de Vox no Concello de Madrid, José Ortega-Smith (c), co candidato ao Congreso por A Coruña, Juan Garcilaso de la Vega (d) / Foto: Vox

Conscientes desa posibilidade, os populares reclamaron a Vox que non presente candidaturas. Sería «facer o idiota», segundo advertiu o pasado xoves Miguel Tellado, portavoz no Congreso e man dereita de Feijóo.

Vox respondeu anunciando que si o farán -presentarse-, aínda que aínda non designaron candidato nin contan cunha figura coñecida ou recoñecible polo electorado galego para substanciar unha lista con garantías.

Unha das posibilidades é Juan Garcilaso de la Vega, enxeñeiro de Camiños e funcionario da Demarcación de Costas do Ministerio de Transportes, que encabezou a lista ao Congreso pola Coruña o 23X. Outra, a número dous desa candidatura, a catedrática de Filoloxía Latina na Universidade de Santiago Eva Castro Caridad.

Luzes-Público tentou sen éxito contactar con eles para obter a súa valoración sobe a situación, pero ao peche deste artigo non obtivera resposta.

O PSOE teme pola fraxilidade progresista en Lugo e Ourense

Hai unha semana o diario La Vanguardia asegurou que a dirección estatal do PSOE considerou a posibilidade de ofrecer a Sumar unha candidatura conxunta nas provincias de Lugo e Ourense, onde o partido de Díaz ten, segundo as enquisas, menos posibilidades. Fontes de ambas as formacións descartaron esa opción, que se basea, con todo, nun razoamento lóxico desde a óptica socialista.

Nas pasadas xerais, o PP obtivo nesas dúas provincias os seus mellores resultados de todo o Estado: un 50,35% do voto en Lugo e un 49,92% en Ourense. Para Sumar, en cambio, foron os peores das súas contas en Galicia: un 5,15% e un 5,43%, respectivamente, menos da metade das porcentaxes que o movemento da vicepresidenta sacou na Coruña (12,18%) e Pontevedra (13,24%).

Sumar obtivo o 23X en Lugo e Ourense menos da metade de apoios que na Coruña e Lugo

O candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, é lucense e encabezou a candidatura ao Congreso por Lugo hai catro meses. «Non pode permitirse un mal resultado na súa provincia», apuntan fontes dos socialistas galegos, que aseguran tamén que Besteiro estaría a valorar a posibilidade de encabezar a lista pola Coruña.

Sumar non logra pechar coalición e listas con Podemos e EU

A esquerda alternativa que agora forman Esquerda Unida, Podemos e Sumar perdeu nas autonómicas do 2020 os seus 14 deputados autonómicos, tras unha lexislatura chea de desencontros e enfrontamentos que o electorado castigou con dureza.

Pese aquel trompazo e a que a Díaz lle convén un bo resultado en Galicia se quere consolidar o seu proxecto máis aló da coalición con Pedro Sánchez, esa imaxe de desunión está a transmitirse de novo nas negociacións cos seus socios, nas que nin sequera se empezou a discutir quen será o candidato ou a candidata á Xunta. Ademáis, Sumar suspendeunas unilateral e «temporalmente» tras a ruptura de ambas as formacións no Congreso.

Yolanda Díaz, no pazo da Moncloa / Foto: Moncloa

O 23X Sumar obtivo na comunidade 175.000 votos, case o 11% do total e por encima do BNG, e dous escanos no Congreso. A contorna da vicepresidenta, que encabeza o seu portavoz en Galicia, Paulo Carlos López, atribúe ese éxito ao tirón da súa figura e enarbórao como lexitimación para garantirse a maioría dos órganos de decisión da coalición e a decisión sobre o cabeza de lista das autonómicas. Pero Podemos tamén se atribúe parte do mérito daqueles resultados.

A Díaz convénlle un bo resultado en Galicia se quere consolidar o seu proxecto máis aló da coalición con Sánchez

A metade do comité de campaña de Sumar nas xerais, ademais de todos os responsables provinciais da mesma, representantes diante as xuntas electorais, coordinadores de apoderados e mesmo todo o plantel de condutores das furgonetas de megafonía, eran militantes de Podemos Galicia, aseguran fontes da formación que dirixe Borja San Ramón. «Non queremos cotas nas listas, senón primarias» para elixir o candidato, engaden.

Anova dubida entre achegarse a Díaz ou a Pontón

Anova, a formación nacionalista que lideran Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, aínda non resolveron o debate interno entre os partidarios de manter a alianza coa esquerda estatal que selaron en 2012 ou aproximarse ás súas excompañeiros do BNG, o partido que abandonaron aquel ano e que agora encabeza Ana Pontón.

Fontes da dirección do partido aseguran que a decisión se adoptará ao longo deste mes e que sexa cal for, a súa idea é concorrer aos comicios do ano que vén.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail