Á procura do elo perdido

Suso de Toro debe ser o escritor que máis veces anunciou a súa retirada da escrita e máis veces regresou. O Suso de Toro que irrompe de novo con este Un señor elegante (Xerais, 2020) é o mellor Suso de Toro. Para quen isto escribe, e perdón se ofendo a alguén, Suso de Toro nunca volvera brillar coma nos tempos de Polaroid ou Tic Tac e, malia que esta novela teña pouco que ver con aquelas dúas obras de xuventude, o Suso de Toro de Un señor elegante consegue brillar con igual intensidade, aínda que con distinto ton.

O libro que nos ocupa é un traballo de madurez, un traballo que non responde aos esquemas da literatura prêt-à-porter que hoxe abundan. Aquí hai investigación, hai reflexión, hai oficio, hai tempo de repouso e, sobre todo, hai vontade de transformar a visión que temos de nós mesmos como colectividade. Se o brillo de Polaroid ou Tic Tac era comparable ao dun flash —rápido e cegador na súa frescura— o brillo de Un señor elegante parécese máis ao dunha desas lámpadas cuxa luz non se espalla con toda a súa forza nada máis acendelas, senón que vai iluminando a estancia devagar ata inundalo todo de claridade.

Jerry Thompson, o xornalista que investiga a Kane na película de Orson Welles.

«As historias xa están aí, preexisten e un unicamente vai tecendo fíos entre personaxes, vidas imaxinadas. Reconstruíndo. A literatura non inventa, só accede a ese mundo de figuras», (p. 40). Así concibe Suso de Toro o seu labor. Coma se se tratase do Jerry Thompson de Citizen Kane, que mergullou na figura do magnate Charles Foster Kane coa vontade de xuntar as pezas dese calidoscopio que é a memoria que fica da existencia de calquera ser humano, Suso de Toro embárcase na tarefa de desentrañar a biografía dun membro da alta burguesía compostelá chamado Ramón Baltar. De Toro vai armando ante os nosos ollos a súa hipótese sobre este home pertencente a unha estirpe de cirurxiáns (o seu pai e o seu irmán exercen a mesma profesión). Un home discreto pero que semella estar detrás de case todo o que se move na Galicia galeguista e democrática da II República e da posguerra. O escritor vai encaixando o puzzle-Ramón Baltar, pero sempre coa sensación de que algo se lle escapa, un resto inaprehensible que impide dar co retrato completo e acabado do médico galego. De Toro, coma o Jerry Thompson da película de Orson Welles, descubre que tamén Ramón Baltar levou á tumba o seu propio «Rosebud», o seu nóumeno inaccesible que nunca ninguén poderá desvelar: «Non, non poderei saber realmente quen foi Ramón Baltar na súa totalidade. Nin sequera debo intentalo», (p. 440).

Malia estarmos ante unha novela de non-ficción, Suso de Toro emprega, para a voz narradora, a segunda persoa habitual noutros seus traballos de ficción. A escolla deste tipo de voz narradora é tamén indicativa de algo que, ao avanzar na lectura, faise obvio: tan protagonista da novela é Ramón Baltar coma o propio Suso de Toro. En Un señor elegante a presenza do narrador é análoga ao papel dos cociñeiros dos grandes restaurantes: a cociña, o espazo de elaboración dos pratos no que loce o chef, ocupa un lugar preeminente. É un espazo que aspira á transparencia non a base de ocultarse, senón espíndose de todo. A contrapartida a esta sobre-exposición, por veces excesiva, é que o chef acaba sendo tan importante coma a comida mesma: «É ben curioso que este libro que non é tan persoal coma outros, que trata da familia doutras persoas, che mostre esa relación tan evidente, radical e íntima que a ti sempre che resultou incómoda, mesmo sinistra, entre o narrador e a persoa. Se faltas ti, se falto eu, non haberá libro acabado. Morro eu e falta o narrador. Tan simple, tan evidente: a literatura nace de ti e aliméntase de ti. De min. Non hai dúbida, para ben e mais para mal, son un escritor. Aquí, son o escritor», (p. 444).

Fotograma de Cidadán Kane, de Orson Welles.

O narrador narra o propio proceso de narrar. Vainos transmitindo os seus avances, os seus colos de botella, as súas dúbidas. É un narrador lingoreteiro que opina, que se pregunta, que especula e que despois trata de regresar á terra. Un narrador, tamén, que introduce digresións encol da súa obra literaria e do seu tempo presente. O narrador Suso de Toro é un chef que elabora, con paredes de vidro, o work in process dun sofisticado prato chamado Ramón Baltar.

Ramón Baltar Domínguez (Santiago de Compostela 1902-1981).

Tras ler o libro, un comprende a atracción que experimenta o escritor pola familia Baltar en xeral e pola figura de Ramón Baltar en particular. Os Baltar eran amigos dos Castelao e dos Dieste, e esa amizade continuouna o propio Ramón Baltar con Rafael Dieste e coa súa fidelidade á figura de Daniel Castelao. O amante dos coches, o políglota que viaxaba habitualmente a Alemaña e coleccionaba libros de arte que lle chegaban por correo desde distintas partes do mundo, tamén coñeceu brevemente o cárcere no franquismo a causa da súa pertenza á Unión de Intelectuales Libres, organización auspiciada polo PCE no interior. Baltar colaborou co Socorro Roxo, asunto detectado polo réxime, que o castiga enviándoo á fronte de Teruel como cirurxián militar. E formou parte dun plan para executar a Franco nas inmediacións de Ordes, co gallo do paso do xeneral cara ao Pazo de Meirás, que non callou e que tiña os seus propios ángulos cegos. Ademais de todo isto, Baltar posuía unha concepción da medicina, previa á instauración do sistema de seguridade social, entendida como servizo paternalista aos desfavorecidos, prisma que aplicou nas súas clínicas. Pero esta visión da medicina tamén a combinou con prácticas menos encadrables naquela lóxica; por exemplo, dando atención a resistentes na guerrilla antifranquista coma Benigno Andrade, Foucellas. Por último, Ramón Baltar implicouse en todo tipo de iniciativas cívicas e culturais, entre as que se pode citar a achega de capital para a fundación de Galaxia ou a participación en Bibliófilos Gallegos.

Cartel de Camilo Díaz Baliño a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia do 36.

E porén, malia que todos estes datos mostren xa unha figura de enorme interese, un pregúntase, tras ler o libro, que outra cousa foi a que realmente atrapou a Suso de Toro da figura de Ramón Baltar? Un señor elegante dá algunhas pistas. Especialmente, na altura en que o autor se decanta pola probable participación de Ramón Baltar na comitiva de ilustres desprazada ás Cortes madrileñas, co gallo da presentación do Estatuto de Autonomía de Galicia ao presidente Azaña, a poucas horas do golpe de Estado: «Tiñan idea de que estaba alí por algo relacionado cun congreso ou coa profesión. Mais, segundo ti fuches relatando os seus pasos, estábache a parecer que era demasiada casualidade. Pola mañá acompañando os que presentaban o estatuto nas Cortes, conversando con Casares Quiroga un día antes de que dimitise, ceando con deputados, volvendo no mesmo tren que aquela comitiva oficial… E se o que lles contou aos seus fillos moitos anos despois, cunha guerra e unha longa posguerra por medio, que fora por un motivo profesional ou académico, non era certo?», (p. 330).

O deputado, Varela Radio.

Ao meu entender, o que Suso de Toro atopa na familia Baltar en xeral e en Ramón Baltar en concreto, en tanto que foi, dos dous irmáns, o que permaneceu no país (Antonio marchou á Arxentina, onde desenvolveu o seu labor profesional e intelectual), é o elo continuador dunha dirixencia arraigada e chamada a transformar politicamente a nosa realidade se a longa ditadura non viñese a impedirllo: «Quen sabe se aquel foi o momento en que ante Ramón se abría a posibilidade da política como unha tentación e como unha carreira, do mesmo modo que o catedrático en Xinecoloxía Varela Radio era deputado; do mesmo modo que o era o seu antigo mestre, Nóvoa Santos; do mesmo modo que o era Juan Negrín, antes fisiólogo», (p. 300-331).

Coma se Un señor elegante se tratase dun Arredor de si no que este burgués ilustrado, galeguista e con sensibilidade social encarnase ao Adrián Solovio creado por Otero Pedrayo para sintetizar a arelada fidalguía patriótica que habería sacar a Galicia da súa prostración, o libro de Suso de Toro procura dar continuidade en Ramón Baltar —no interior e en pleno franquismo— ao fío histórico daquel espertar na consciencia do país que emerxeu coas Irmandades da Fala e o Partido Galeguista e que deu, coma froito máis tanxible, a aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936. Unha figura continuadora que, sen deixar de moverse no mesmo espazo de sociabilidade dalgún «home de orde» como García-Sabell (p. 454), estaría enchoupada de optimismo pola vía da praxe (optimismo práctico que xa caracterizaba ao patriarca Ángel Baltar) e optaría por irse retirando da escena —conforme o réxime se estabilizaba co apoio da Gran Bretaña de Churchill, malia a derrota do nazi-fascismo en 1945— en lugar de asumir a lóxica da guerra fría e o seu anticomunismo visceral.

Antonio Baltar, irmán de Ramón.

Ata tal punto encarna a familia Baltar a potencialidade desa continuidade, que o irmán de Ramón, Antonio Baltar, foi un dos que entrou en debate ideolóxico co grupo do interior que habería de definir o país como unha realidade cultural sen existencia política: «Antonio e os compañeiros do exilio están a polemizar ideoloxicamente cos galeguistas do interior, unha confrontación política, pois deuse xa o enfrontamento explícito entre Castelao […] e Piñeiro […]. O grupo do exilio segue arredor de Castelao na reivindicación da República e do Estatuto de autonomía nunha impenitente vocación social que os fai ser vistos como axentes da política do PCE», (p. 490). O grupo de Piñeiro non quererá recibir nin escoitar a Antonio Baltar cando este veña ao país. Antonio marchará derrotado, di de Toro. Igualmente derrotado ficará o seu irmán Ramón, malia permanecer neste lado do océano. Derrotado, si, pero —así o suxire o autor— non integrado: «Mais ti, que evitaches esa sorte, malia as dificultades e castigos podías encontrar o momento de reincorporáreste dalgún modo á marcha das cousas, encontrar un lugar para adaptáreste e ir indo co rumbo do país como fixeron outros», (p. 492).

Os irmáns Baltar Domínguez.

Esta é, paréceme, a chave da fascinación de Suso de Toro por Ramón Baltar. O médico compostelán encarnaría para o autor de Un señor elegante o dirixente político que, no interior, trataría de continuar co traballo do galeguismo republicano nas duras condicións da posguerra e que se iría afastando de todo antes de asumir o marco puramente culturalista que comezaría a estruturarse a través de Galaxia.

Como é obvio, a hipótese de Suso de Toro é iso, unha hipótese. O mesmo autor comenta a existencia dun artigo que Ramón Baltar asinaría con seudónimo, crítico coa oposición, por parte do incipiente nacionalismo político de esquerdas, á construción da autoestrada do Atlántico. Suso de Toro interpreta esta toma de posición como un xesto de coherencia co espírito modernizador e imbuído de certa idea de progreso asociada ás grandes infraestruturas de Ramón Baltar. E se ben tamén cabe interpretala coma o exemplo das contradicións que o tempo —permítasenos a elucubración— habería introducir entre aquel nacionalismo burgués de principios de século e o nacionalismo marxista de finais de século, é posible aducir que, na dialéctica política da época, Ramón Baltar, sogro do que será presidente da Xunta de Galicia por AP, Xerardo Fernández Albor, estaba en realidade aliñándose con aqueles que, tras o burato negro e terrible da guerra civil e a represión posterior, tratarán de cooptar, baleirándoo de contido político, o legado de Castelao e compañía.

Momento da chegada dos restos de Castelao ao Panteón dos Galegos Ilustres.

Ben pensado, nada disto contradí a hipótese de Suso de Toro sobre Ramón Baltar. A propia figura do médico compostelán pode ser considerada como o elo perdido, no interior, entre o Partido Galeguista de Castelao e a Alianza Popular-Realidade Galega de Fraga e Albor. O chanzo que non puido articularse como nacionalismo pragmático de masas e que rematou articulado como simulacro rexionalista en tempos da autonomía recobrada. Estamos, en calquera caso, no terreo da especulación, o eido no que a través da reconstrución da memoria sobre unha persoa de carne e óso se edifica un espírito. O autor non só é consciente disto senón que considera que «cavar tumbas e levantar pantasmas» (p. 424) é precisamente o seu labor.

Nesta voluminosa novela de capítulos breves, organizados en oito grandes partes, Suso de Toro cava con éxito ao longo de 534 páxinas. As pantasmas que levanta captan a nosa atención desde a primeira ata a derradeira páxina. Fano, entre outras cousas, porque aquí non lidamos unicamente con pantasmas particulares de determinada saga familiar. Por iso ten sentido a comparación que o propio autor establece, nunha entrevista, entre Un señor elegante e Os Buddenbrook. Estamos ante o levantamento de pantasmas que teñen unha dimensión colectiva. Pantasmas con repercusións históricas, que, por telas, interpélannos a todos e todas nós como sociedade. É niso, precisamente, onde radica o seu atractivo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail