Mazón emprega coa DINA en València a mesma estratexia de mentiras que desenmascarou ao PP co Prestige

 


A Coruña.- A estratexia de ocultacións e mentiras coas que o Goberno da Comunitat Valenciana encarou a DINA e as súas catastróficas consecuencias ten o seu antecedente en Galicia. Hai 22 anos, o Partido Popular de José María Aznar e Manuel Fraga tamén tentou camuflar os seus erros na xestión dunha traxedia, a do Prestige, cun labirinto semellante de ficcións, enredos e patrañas.

Entón, as mentiras acabaron por provocar un soado levantamento social que terminou por custarlle ao PP, menos de tres anos despois, o poder na Xunta que tiña desde había 16 anos. Ese declive en Galicia empezou a erosionar o Goberno de Aznar, que caería en 2004 tras reincidir unha e outra vez en estratexias comunicativas similares coa guerra de Iraq, o accidente do Yakovlev 64 e os atentados do 11M.

O 13 de novembro de 2002, o capitán do Prestige, un petroleiro grego con bandeira liberiana de conveniencia cargado con máis de 77.000 toneladas de cru de petróleo, advertiu unha greta no casco do buque cando navegaba fronte á costa galega e enviou un sinal de socorro. Lonxe de ofrecerlle refuxio nun porto ou nunha praia de abrigo, onde se podería rodear duns centenares de metros de barreiras flotantes para conter a vertedura e limitar os seus efectos, como recomendaron os técnicos, o Goberno ordenou ao capitán que seguira navegando cara a alta mar no medio dun forte temporal.

Seis días despois, e tras percorrer de arriba abaixo o litoral atlántico da comunidade nun errático e incomprensible periplo improvisado polas autoridades, coas ondas gretando a primeira brecha na estrutura do buque ata que a romperon por completo, o Prestige partiu en dous e afundiu a 250 quilómetros da costa. Por entón a súa carga xa contaminara miles de quilómetros de areais, rías e portos. Durante meses, o barco seguiu vertendo fuel desde o lugar no que aínda repousa a case 4.000 metros de profundidade.

Marea negra, marea marrón

Se a DINA tinguiu de marrón comarcas enteiras no País Valencià, o Prestige tamén pintou de negro toda a costa de Galicia. Salvo por esa diferenza de cor, as fotos e as crónicas que deixan ambas  catástrofes semellan moi parecidas: miles de persoas armadas con aveños caseiros tratando de suplir coas súas mans a inacción das administracións, ondas de voluntarios e voluntarias improvisando axuda física e soporte moral para os e as afectadas… E tamén mentiras, moitas mentiras sobre a xestión política da catástrofe, e disfraces de suposta faena coas que camuflalas.

Desde que soubo que as riadas se levaran por diante centenares de vidas na súa comunidade, Mazón non quitou o chaleco vermello co que parece querer identificarse, desde o seu traballo nun despacho, con quen participa activamente nas tarefas de rescate a pé de barranco. En Galicia, algúns dos responsables da decisión de non dar refuxio ao Prestige e de pasealo imprudentemente polo medio do océano, tamén comparecían ante os medios con katiuskas e traxe mariñeiro de augas sobre a moqueta da Delegación do Goberno na Coruña, simulando o embozo de quen de verdade estaban nas praias limpando chapapote.

A vicepresidenta da Generalitat Valenciana e conselleira de Servizos Sociais, Susana Camarero, con chaleco amarelo, nunha rolda de prensa / Foto: Generalitat Valenciana

O mesmo día en que a gota fría arrasaba a súa comunidade, Mazón permaneceu inexplicablemente desaparecido durante cinco horas, quizá as máis cruciais na toma de decisións que poderían salvar decenas, quen sabe se centenares de vidas. Nunha actitude similar, Manuel Fraga, entón presidente da Xunta, decidiu marchar de fin de semana a Aranxuez para participar nunha batida de caza o venres 15 de novembro de 2002, cando a marea negra xa estaba a chegar ás praias. Tamén se foi de caza ese mesma fin de semana, no seu caso ao Pirineo de Lérida, o entón ministro de Transportes de Aznar, Francisco Álvarez Cascos. Tardou máis dun mes en visitar as zonas afectadas.

Cando o Prestige naufragou non había redes sociais, nin streamers nin pseudomedios na internet financiados polo poder económico e político para expandir bulos, infundios e embustes. Pero as fake xa existían e difundíanse a través dos medios convencionais. O día en que o chapapote chegaba á praia do Coído, en Muxía, a zona cero da catástrofe como hoxe poden ser Paiporta ou Benatúser en València, o daquela ministro Agricultura e Pesca, Miguel Arias Cañete, dixo a través da televisión pública que se evitara unha marea negra grazas á acción das autoridades. O de Medio Ambiente, Jaume Matas, estaba ese día en Alacante inaugurando unha desalinizadora.

Marea negra

O delegado do Goberno en Galicia, Arsenio Fernández de Mesa, quen co tempo chegaría a ser director da Garda Civil, chegou a asegurar que o fuel nunca chegaría á costa cando xa chegara, esnaquizando estuarios, caladoiros, bancos marisqueiros e polígonos de bateas de mexillóns e criadeiros de salmón. En Muxía, os veciños comprobaron atónitos como unha dotación militar do corpo de protección civil enviado polo Goberno belga chegaba ao pobo preguntando onde e como querían que os axudasen, moito antes de que o fixese o Exército español. A este dirixíao Federico Trillo, ministro de Defensa de Aznar, quen só o mobilizou semanas despois. Ata entón, o único uso que se lle ocorreu dar ás forzas armadas era para bombardear o Prestige con avións Harrier.

Cando advertiu a verdadeira magnitude do desastre ambiental que enfrontaba, Aznar enviou a Galicia o seu vicepresidente primeiro, Mariano Rajoy,  quen anos despois o sucedería na presidencia do Goberno. Xunto ao seu exministro de Sanidade José Manuel Romay Beccaría, Rajoy lideraba a facción do PPdeG coñecida como a «dos birretes», apegada ao aznarismo centralista de Madrid e enfrontada á «das boinas», de cariz galeguista e encabezada polo conselleiro de Obras Públicas e delfín de Fraga, Xosé Cuíña.

As boinas de Cuíña empezaran a cuestionar a incapacidade do Executivo para xestionar a catástrofe e ameazaban ao PP cunha escisión, pero Rajoy freou en seco aquela incipiente división: emprendeu unha campaña política destinada a variar a liña editorial crítica dos grandes periódicos da comunidade, criminalizou o movemento Nunca Máis que aglutinara a contestación social, derivou todas as culpas ao capitán do petroleiro e, sobre todo, abondou nas mentiras.

Cando advertiu a verdadeira magnitude do desastre ambiental que enfrontaba, Aznar enviou a Galicia ao seu vicepresidente primeiro, Mariano Rajoy

O exemplo paradigmático daquela estratexia foi a patética valoración que fixo durante unha rolda de prensa sobre as miles de toneladas de fuel que os restos do Prestige seguían enviando á costa desde o fondo do océano. Só eran, asegurou «pequenos fíos, catro en concreto, regueiros con aspecto de plastilina estirados en vertical». Pero a campaña de Rajoy foi moito máis profunda e efectiva. Acabou forzando a dimisión de Cuíña, despois de que se filtraran desde o propio partido as acusacións de que as empresas da familia do conselleiro venderan material de limpeza á Xunta. Cuíña defendeuse asegurando que o proporcionaban a prezo de custo e co único interese de axudar, pero nin a súa carreira política nin a facción das boinas se recuperaron nunca do golpe.

Mazón, Feijóo e Cuíña

A soidade política que sufriu aqueles días Cuíña, falecido en 2007, tamén se parece moito á que experimenta hoxe Carlos Mazón, de quen todos se apartan hoxe no seu partido, incluído o seu líder, ante as evidencias de que a súa ausencia, pasividade e inacción durante os momentos decisivos da gota fría contribuíron a intensificar a súa dimensión, e de que o seu chaleco vermello non é senón o disfrace de mentiras coas que pretende camuflalas.

O que resulta canto menos paradoxal é que a ambas as catástrofes, a DINA e o Prestige, a marea marrón de barro de València e a marea negra de chapapote en Galicia, Muxía e Paiporta, separadas por máis de 1.000 quilómetros de distancia e máis de dúas décadas de tempo, estean unidas polas mentiras e por un mesmo protagonista: Alberto Núñez Feijóo, que sucedeu a Cuíña na Xunta para iniciar a traxectoria política que o levou a sentar na presidencia do PP 22 anos despois.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail