As probas de ADN acurralan a dous dos acusados do asasinato de Samuel Luiz

A Coruña.- Todos os días, cando a xuíza lles pregunta os seus nomes para que a acta do xuízo recolla oficialmente que están na sala de vistas, os acusados da morte de Samuel Luiz dan sempre a mesma resposta:

– Alejandro Freire?
– Si, son eu, bos días.
– Alejandro Míguez?
– Bos días, si, son eu.
– Kaio Amaral?
– Bos días, son eu.
– Catherine Silva?
– Si, bos días.
– Diego Montaña?
– Si, son eu.

Os imputados empregan fórmulas distintas por meros detalles pero que veñen dicir o mesmo, aínda que cada un repita cada mañá a súa propia, diferenciándose así dos demais. Parece unha metáfora da súa situación procesual, porque todos están acusados do mesmo –o linchamento a golpes de Samuel na madrugada do 3 de xullo de 2021–, aínda que a cada un se lle atribúe unha forma diferente de participación nos feitos. Por iso, en moitos aspectos os seus avogados non poden compartir ao 100% as mesmas liñas de defensa.

Na sesión deste xoves, os axentes e oficiais da Policía xudicial e da Policía científica certificaron que atoparan ADN de Diego Montaña e Alejandro Freire no cadáver da vítima, o que fai presumir que tiveron contacto físico con ela. Pero tamén engadiron que o feito de non achar restos biolóxicos dos outros tres imputados non descarta que tamén o tivesen.

Transferencia de ADN

A posibilidade de que haxa transferencia do ADN do corpo dunha persoa ao doutra ou á roupa que ambos visten depende dunha multitude de factores, e ademais, segundo os peritos policiais que compareceron no xuízo, hai contactos que nin sequera a provocan. Como unha puñada con luvas, ou como unha patada como as moitas que recibiu Samuel, que se lanzan co calzado posto.

Todos os restos biolóxicos de Montaña e Freire que se atoparon no corpo do falecido acháronse no seu rostro, onde os seus agresores concentraron os golpes. Non os había, con todo, nos seus cotobelos, nin nas unllas, nin nas palmas das mans nin nos antebrazos de Samuel, o que parece confirmar que el non só non pegou a ninguén, senón que nin sequera puido defenderse. Os forenses que fixeron a súa autopsia aseguraron o pasado martes que tampouco atoparan feridas nin sinais de golpes nesas mesmas partes do seu corpo.

David Freire, avogado de Alejandro Freire, ‘Yumba’, acusado do asasinato de Samuel Luiz, á saída da Audiencia Provincial da Coruña / J. O

Os axentes da Policía xudicial e a Policía científica chegaron ao lugar dos feitos ás 8.45 da mañá do 3 de xullo, é dicir, cinco horas e 40 minutos despois de que ocorreran. Grazas aos testemuños de varias testemuñas presenciais, puideron reconstruír o percorrido da manda que perseguiu a Samuel polo paseo marítimo de Riazor, desde as inmediacións do pub Plataforma, onde parte do grupo dos acusados pasara a noite, ata o lugar onde o mozo caeu inconsciente e agonizante a uns 150 metros de alí.

Nese emprazamento acharon vestixios de sangue, o seu, e nun dos tres puntos onde foi agredido, cristais dunha botella de whisky. Estaban no mesmo lugar onde algunhas testemuñas din escoitar o ruído do vidro ao romper mentres a Samuel o moían a paus. Eses cristais tiñan restos biolóxicos correspondentes ao perfil xenético de Alejandro Freire, de quen a policía, grazas ás cámaras do pub, sospeita que lla levou ao saír oculta na súa chaqueta pouco antes de que Diego Montaña iniciara a agresión tras chamar a Samuel “maricón de merda”.

Contacto directo

Para as defensas de Montaña e Freire, as probas de ADN que sinalan os seus clientes son unha enorme complicación, porque apuntarían a que ambos contactaron fisicamente con Samuel. Aos seus avogados só lles quedou preguntar aos peritos se é posible que os restos xenéticos se  transmitan a través da saliva, a suor ou mesmo por meros agarróns, e non puñadas. Os expertos responderon que si, que sería posible. Ao xurado correspóndelle valorar se iso constitúe unha dúbida razoable sobre a súa participación na agresión, que parece corroborada polas gravacións do suceso.

Eses vídeos, difundidos varias veces durante o xuízo, tamén desmontarían as versións nas que se basean para declararse inocentes os outros tres acusados: Alejandro Míguez, Catherine Silva e Kaio Amaral. Este último foi o primeiro en declarar voluntariamente diante os investigadores só dous días despois do crime, exculpándose e incriminando os seus amigos nunha declaración na que, segundo o subinspector que dirixiu os seus interrogatorios, daría moitos datos sobre o resto de imputados pero na que tamén mentiría e omitiría outros.

Unha familia pasea en xullo pasado fronte ao lugar onde foi agredido Samuel Luiz / J.O.

Ocultou a descrición da parte máis relevante da súa vestimenta –a chaqueta que levaba posta e pola que se identifica nas gravacións–, e o feito de que se fixo co móbil de Samuel e o fixo desaparecer logo, algo que non aclarou ata o seu segundo testemuño en comisaría, cando foi detido. A Amaral impútaselle agredir a Samuel a patadas, o que explicaría que non houbese restos do seu ADN no corpo da vítima.

O seu avogado tratou de que o policía incorrese nalgunha contradición e que admitise que xa visionara as imaxes que demostrarían que Kaio pateou a Samuel cando lle tomou declaración, o que podería condicionar as súas preguntas e, con iso, o testemuño do detido. O letrado, que estivo presente nese interrogatorio, non só non logrou acurralar a testemuña, senón que se puxo en evidencia.

– Por que, se non vira as imaxes, lle preguntou a Kaio por esa patada?
– Desculpe, pero se non recordo mal, esa pregunta fíxolla vostede.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail