Química en galego

Cando Ciudadanos irrompeu nas Cortes españolas nas eleccións xerais de 2015, unha parte da sociedade do Estado descubriu unha forza política –reaccionaria e españolista– que en realidade levaba unha década operando en Catalunya.

Non era o Principat o único país que sufrira xa o partido laranxa. Coma en tantas outras cousas, antes de chegar á política estatal, isto xa acontecera en Galiza, como gosta de dicir un coñecido xornalista lugués.

Cando o 8 de febreiro de 2009 unha frota de autobuses chegados de distintas latitudes españolas desembarcaban na capital de Galiza para se manifestar contra os dereitos lingüísticos de Galiza, un Albert Rivera dez anos máis novo cá hoxe camiñaba á fronte da comitiva. Xunto a el o actual vicepresidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, a presidenta do Congreso español, Ana Pastor e unha exultante Rosa Díez da que unha década despois queda apenas unha caricatura de si mesma.

Desculpen a viaxe temporal, mais sen esa fotografía, que poden consultar na rede porque é xa documento histórico da hemeroteca nacional galega, sería imposíbel comprender o que lles quero dicir.

Por vez primeira desde a ditadura fascista prohibíase de maneira expresa e a golpe de decreto impartir determinadas materias en galego: matemáticas, tecnoloxías e física e química

Houbo moitas consecuencias daquela manifestación e da campaña mediática que a precedeu, entre elas, oito persoas imputadas e xulgadas por se manifestar facendo fronte ao discurso racista e falaz sobre o que se sostiña aquilo de ‘la imposición del gallego’. Mais non só. Un Feijóo triunfal após a vitoria electoral de 2009 aprobou apenas un ano despois daquela data o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza. Por vez primeira desde a ditadura fascista prohibíase de maneira expresa e a golpe de decreto impartir determinadas materias en galego: matemáticas, tecnoloxías e física e química (artigo 7.3).

Recentemente o secretario xeral de Política Lingüística presentou publicamente no Centro Ramón Piñeiro a Guía de elementos químicos en galego. «Unha importante achega ao eido científico-técnico, coa que avanzar un paso máis no proceso de galeguización deste ámbito de especialidade», afirmou.

Quizais, intencionadamente, o responsábel de Política Lingüística ocultou que ese manual non poderá ser difundido entre o alumnado de secundaria do noso país porque o Partido Popular no goberno decidiu que a lingua propia de Galiza non é válida para transmitir coñecemento científico-tecnolóxico nas aulas. Cuestión de ter unha cara ben dura.

Por sorte Galiza é moito máis que o seu goberno e son millentas as iniciativas que impulsan e promoven cada día o uso do galego no ámbito científico malia a prohibición de impartir estas materias na nosa lingua.

Permítanme a cuña publicitaria da vindeira edición do LGx15 que organiza a CTNL e na que tratarán tamén este asunto.

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail