Xosé Manuel Beiras, o político que nunca quixo ser estatua

A Coruña.- Hai un farol en Santiago polo que Xosé Manuel Beiras sentía especial debilidade. Está nun pequeno tramo da Rúa Nova, fronte ao muro de San Paio, case agochado entre as pedras da cidade vella. Era o farol preferido de Ramón Otero Pedrayo, o escritor e político republicano, símbolo moral do nacionalismo galego, que levaba alí os seus amigos e, sinalándoo, dicía: «Aí está, o meu amigo». Beiras lembrábao con precisión moitos anos despois, coma se aquel anaco de ferro iluminado quedase gardado nalgún lugar da súa memoria xunto aos libros, as conversas e as voces da Galicia que aprendera a coñecer. Quizais haxa algo del nese farol: non ocupa o centro da praza, non preside ningún edificio, non reclama unha estatua. Simplemente, ilumina.

A Beiras, porén, Galicia si acabou por levantarlle unha estatua imaxinaria. Construíuna con materiais moi recoñecibles: o pelo branco, a barba, a pipa, os cigarros Benson & Hedges, os zapatazos sobre o escano do Parlamento galego, as citas de Camus, as discusións interminables, as rifas con Fraga, o ton de profesor que parecía capaz de converter calquera intervención política nunha clase de historia, economía ou filosofía… Durante décadas, o país foi fabricando arredor daquel home o personaxe d’O Beiras, coma se necesitase convertelo en algo máis grande ca persoa para explicar o que significara. El sabíao e mesmo o recoñecía cunha mestura de ironía e distancia: «Nunca me crin un caudillo, nunca me crin O Beiras. Eu sabía que iso era un mito».

De feito, pasou boa parte da súa vida desmontando ese pedestal. Non porque lle molestase o afecto, nin sequera a veneración —admitía que lle resultaba reconfortante que a xente seguise véndoo como un referente—, senón porque desconfiaba profundamente de todo aquilo que substituíse as ideas polos personaxes. Lera demasiado a Marx, a Sartre, a Camus, a Freud, a Barthes, demasiada antropoloxía e demasiada historia como para non saber que os mitos sobreviven precisamente porque deixan de necesitar explicación. Pero el quería explicalo todo. Ou discutilo. Volver sempre ao principio da conversa, quitarse o disfrace do personaxe e regresar ás ideas.

Primeiras palabras

Quizais por iso as primeiras palabras que chegan hoxe, nada máis coñecerse a súa morte, non falan tanto do personaxe como da súa pegada. Ana Pontón, líder do Bloque Nacionalista Galego, defíneo como «un referente de coraxe, compromiso e amor por Galicia». Desde a distancia, Alfonso Rueda recoñece que «marcou as últimas décadas da vida política de Galicia» e engade algo que Beiras, probablemente, tería recibido cun dos seus medios sorrisos irónicos: intentou «achegar o mellor de si mesmo, sen deixar a ninguén indiferente».

Morreu este xoves, aos 90 anos, na Reboraina, a súa casa de Brión, rodeado de familiares e amigos, despois dunha vida na que Galicia foi á vez obxecto de estudo, paixón política, territorio sentimental e causa. Nacera en Santiago en 1936 e pertenceu a aquela xeración que el mesmo describía como dúas veces derrotada: a que herdou da República e do antifascismo a tarefa de reconstruír unha esquerda e un nacionalismo democráticos e que despois viu frustrarse, primeiro, a ruptura co franquismo e, décadas máis tarde, o ciclo de mobilización cidadá dos anos dez deste século, que volvera abrir unha posibilidade de transformación. Aínda que todo iso resulta insuficiente para explicar a súa figura. Porque Beiras podía falar de derrotas durante horas e, ao rematar, seguir falando de futuro.

Xosé Manuel Beiras, nunha imaxe de arquivo / XM Albán

«A mellor idea de Galicia, a construción dunha esquerda nacional», escribe en X o exdeputado de Podemos e En Marea Antón Gómez Reino. Engade unha frase que quizais resuma mellor ca ningunha outra a tensión que atravesou a vida política de Beiras: «A vontade de gañar sen deixar de ser un mesmo, pensar Galicia no mundo e levala a cada recuncho da xeografía emancipatoria».

A súa vida política foi, en boa medida, o relato desa teimosía. Estivo na fundación do Partido Socialista Galego, participou na construción do nacionalismo democrático da segunda metade do século XX e foi o primeiro deputado do BNG no Parlamento galego, en 1985. Baixo o seu liderado, o nacionalismo pasou de ocupar un espazo case testemuñal a converterse en segunda forza política de Galicia en 1997. Despois chegaron as fracturas, o enfrontamento interno, a súa saída do Bloque, AGE, Anova, En Marea e novas derrotas. El mesmo contaba que a dereita económica lle tiña medo e que dentro do propio nacionalismo había quen non quería que chegase a presidir a Xunta. Cando Manuel Fraga lle dixo que debía ser o próximo presidente de Galicia, a súa resposta foi case desconcertante pola súa sinxeleza: «Sempre souben que nunca o sería». Non o dicía con resignación, senón como quen coñece as regras do xogo e sabe que o seu lugar está noutra parte.

Mil vidas

Anova, o partido que naceu dunha desas rupturas e que acabaría acompañándoo na súa última etapa política, resumiuno desde outra perspectiva, nunha mensaxe escrita en inglés: «Beiras tivo mil vidas e, en cada unha delas, deixou unha profunda pegada, non só en quen o rodeaban, senón en todo un país». Mil vidas: profesor, economista, intelectual, socialista, nacionalista, deputado, dirixente, disidente, fundador, axitador, lector, polemista… Beiras nunca cabía por completo nos substantivos que o describían.

De feito, nunca foi un líder por ter poder, senón porque todas as xeracións de galegas e galegos vivos o viron durante décadas en todas partes. No Parlamento, nas entrevistas, nas tertulias, en conferencias e debates, nos libros e nos concertos de música clásica, nas rúas de Santiago, nas aulas, nas manifestacións, nas interminables conversas sobre Galicia… Había nel algo que desbordaba os cargos: unha curiosidade case insaciable por entender o mundo.

Beiras quería explicalo todo. Ou discutilo. Volver sempre ao principio da conversa, quitarse o disfrace do personaxe e regresar ás ideas.

En París, onde chegou con 21 anos para estudar na Sorbona, aprendeu a mirar Galicia desde fóra; en Madrid fixo a súa tese; en Santiago volveu converter o país en materia de estudo desde a súa cátedra de estrutura económica. Podía falar de economía mundial, de Marx e Lenin, de Camus, de Hobsbawm, de Aristóteles, da historia europea ou da loita de clases e, de súpeto, deterse nun farol de Santiago porque fora o favorito de Otero Pedrayo.

Oskar Matute, deputado de EH Bildu no Congreso, despediuno mirando máis alá do personaxe: «Permanecen as súas ideas e o seu compromiso coa liberdade dos pobos e a xustiza social. A súa loita tamén é parte da nosa historia». Non sería estraño que Beiras ata lle discutise a frase se estivese vivo, e non porque rexeitase ser parte da historia, senón porque durante toda a súa vida intentou evitar que a historia se convertese nunha vitrina ou nun epitafio.

Explicar a realidade

Esa mestura de erudición e proximidade explicaba tamén a súa forma de facer política. Unha das súas conviccións máis profundas era que á cidadanía había que explicarlle a realidade, non rebaixala para facela dixerible. «A esquerda ten que facer pedagoxía, sempre», dicía. Indignáballe o que consideraba o analfabetismo político dunha parte dos dirixentes, mesmo dos do seu propio espazo, e preocupáballe especialmente a perda de memoria histórica. Por iso podía falar do ascenso da extrema dereita e, na mesma conversa, levar o fío ata a República de Weimar, a Guerra Civil, o franquismo, a revolución de 1848, Catarina a Grande, Nevsky e O acoirazado Potemkin. A súa política era tamén unha batalla contra o esquecemento.

Quizais por iso a súa figura sobreviviu tanto ás formacións políticas que liderou. Porque había algo en Beiras que non pertencía por completo a ningunha sigla. Unha maneira de entender Galicia como unha pregunta aberta, como un territorio que non debía limitarse a administrarse senón pensarse. Unha forma de concibir a esquerda non como unha etiqueta electoral, senón como unha tradición intelectual e libertaria. Unha vontade de que o país non tivese que escoller entre ser galego e formar parte do mundo, senón, precisamente, pensar Galicia no mundo.

Beiras, nunha entrevista en xuño de 2023 na súa casa de Brión / Xurxo Guitián

Quizais por iso conservou ata o final unha relación tan intensa coa palabra. Mesmo cando o mundo que contribuíra a construír parecía que se afastara del, seguía discutindo. Hai tres anos recibiu a Luzes-Público no xardín da súa casa de Brión, para unha entrevista durante a que fumou durante dúas horas mentres as volutas azuis se mesturaban coa paisaxe da Mahía. Falaba coa mesma vehemencia de sempre, pero tamén coa serenidade de quen aceptara que a historia non concede necesariamente premios a quen dedica a súa vida a empurrala. Dicía sentirse pesimista ante a realidade, pero negábase a entregarse á desesperanza: «É o pesimismo da razón, pero fronte ao pesimismo da razón está o optimismo da vontade, como dicía Gramsci». Ese era o seu carácter: un home capaz de mirar de fronte a derrota sen convertela nunha escusa para abandonar a loita polas causas xustas.

Martiño Noriega, portavoz de Anova e un dos seus máis íntimos e mellores amigos nos últimos anos, atopou para despedilo esta mañá unha imaxe que parece escrita para esta última escena: «Polas rúas da nosa historia marcha amodiño o noso comandante sen exército para unha revolución». É outra forma de nomear ese paradoxo que acompañou a Beiras durante décadas: o dun home ao que se lle atribuía unha autoridade enorme sen que esa autoridade dependese nunca de ter ou exercer o poder. Un comandante que, en realidade, parecía pasar a vida tratando de convencer os demais de que non o seguisen a el, senón ás ideas que discutía.

Distancia co mito

Tamén aí se mide a distancia entre Beiras e o seu propio mito. Un mito necesita certezas e el vivía instalado no debate permanente. Un mito necesita unha imaxe fixa e el cambiaba, corrixíase, polemizaba, volvía sobre os seus propios argumentos… O mito necesita un pedestal; el prefería unha mesa chea de libros, unha parede repleta de pinturas ou un xardín. Por iso resultaba e resulta tan difícil convertelo en estatua. Unha estatua conxela; Beiras discutía.

Mesmo cando xa era unha figura histórica, seguía falando coma se o país estivese aínda por decidir, como se Galicia fose unha pregunta e non unha resposta, como se a política consistise precisamente en manter abertas as interrogantes que o poder prefire dar por pechadas, aínda que non fosen contestadas.

«Polas rúas da nosa historia marcha amodiño o noso comandante sen exército para unha revolución» (Martiño Noriega)

Nos seus últimos anos, instalado en Brión entre eses libros, pinturas, esculturas e recordos, seguía facendo o mesmo: pensar Galicia. Xa non tiña un gran partido detrás, nin un escano, nin un aparello político que dirixir. Quedábanlle a memoria, a conversa, o piano, os libros, a paisaxe da Mahía e a ausencia da pintora Aurora Pereira, Aurichu, a súa compañeira durante anos e falecida en novembro de 2023. E aínda mantiña algo máis difícil de perder ca un cargo político: a capacidade de seguir sendo unha referencia sen deixar de ser incómodo.

Defendeu que Galicia era unha nación, que a esquerda española debía asumir o dereito á autodeterminación dos pobos e que, fronte ao avance da extrema dereita, facía falta recuperar memoria, ideas e vontade. Non deixou de facelo cando xa non tiña nada que gañar, porque esa foi sempre a súa forma de entender a política: non como unha carreira cara ao poder, senón como unha discusión interminable sobre o país que Galicia podía, ou pode, chegar a ser.

Pedestal

Agora que morreu, resulta tentador colocar a estatua no seu pedestal. A historia fará probablemente iso: resumirá décadas nunhas cantas fotografías, recuperará os cigarros Benson & Hedges, a barba, o pelo branco, os zapatazos sobre o escano, as citas de Camus, as rifas parlamentarias; converterao outra vez n’O Beiras. Pero quizais a mellor maneira de lembralo sexa xustamente a contraria: facer caso ao home que nunca quixo confundirse co mito. Pensalo sentado, lendo, discutindo, tocando o piano, fumando no xardín fronte ao val da Mahía. Ou camiñando por Santiago ata atopar aquel pequeno farol ao que Otero Pedrayo chamaba «o meu amigo».

Un farol non é unha estatua. Non se contempla, serve para ver mellor. Esa é a mellor herdanza de Xosé Manuel Beiras. Non o pedestal que Galicia levantou para el, senón a luz que deixou acesa para que outros poidan seguir discutindo que país queren construír. O home que nunca quixo ser estatua xa non está, pero o farol co que iluminaba un camiño empedrado segue alí.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail