As filtracións tóxicas tras as choivas reavivan a alarma pola balsa de lodos vermellos de Alcoa en Lugo

A Coruña.- A asociación Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde presentou varias denuncias ante distintas institucións polas filtracións e emisións tóxicas ao solo e á atmosfera procedentes do depósito de lodos vermellos que Alúmina Española, filial de Alcoa, mantén xunto ás súas factorías de aluminio en Xove (Lugo). A organización sostén que entre o pasado domingo e o luns as escorrentías avermelladas saíron pola zona norte da instalación, xunto ao chamado dique de cola, e que as recentes choivas as arrastraron cara a terreos próximos e aos colectores de augas pluviais da parroquia de Morás. Dous días despois, segundo o escrito presentado pola asociación e a documentación gráfica que o acompaña, as augas tinguidas de vermello tamén podían verse na estrada situada xunto ao dique principal, na parroquia de Lago. Luzes-Público puxose en contacto con Alcoa para coñecer a súa versión dos feitos, pero a compañía non respondera no momento de pechar este artigo.

A denuncia presentada en outubro chega apenas dúas semanas despois doutra formulada pola mesma asociación pola aparición de po en suspensión sobre a balsa. Nela, Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde relata que o 21 de setembro se formaron nubes de partículas sobre o depósito, que o vento dispersou pola contorna, como xa sucedera semanas antes. A presidenta da organización, Nery Díaz, considera que estes episodios evidencian «o total descontrol e a incapacidade» da compañía para xestionar o vertedoiro en condicións axeitadas. A asociación achega fotografías e vídeos nos que se observan zonas das inmediacións tinguidas de vermello e partículas levantadas da superficie do depósito.

Os ecoloxistas reclaman que se active o plan de emerxencia exterior da fábrica, que se informe a poboación e que se avalíen os posibles danos ambientais ocasionados. Tamén piden que estes episodios se incorporen ás investigacións abertas por outros vertidos e que se revise a xestión e clasificación dos residuos. A empresa non acusou recibo das mensaxes enviadas por Luzes-Público para saber se tiña coñecemento das novas denuncias, que medidas adoptara ou pensaba adoptar e cal era a súa valoración dos feitos. Nas súas últimas declaracións públicas, con todo, Alcoa defendeu que o depósito cumpre a normativa aplicable e que conta con medidas específicas para conter as filtracións de lodos e evitar a dispersión de po vermello ao medio ambiente.

Po tóxico

Durante o pasado verán, veciños e organizacións ambientais xa alertaran de varios episodios nos que o barro tóxico, ao perder humidade durante períodos de calor e seca, se convertera en po, cuxas partículas podían ser facilmente transportadas polo vento. Un informe técnico elaborado para Alcoa e remitido á Xunta en febreiro de 2025 concluíu que as mostras analizadas, tomadas cando presentaban unha humidade media do 38 %, podían manterse fóra das categorías de maior perigosidade para a saúde sempre que conservasen esas condicións. O propio estudo advertía, porén, de que esa conclusión estaba condicionada a que o material non se transformase en po. Durante o verán, a Xunta esixiu medidas adicionais de control e Alcoa asegurou que as estaba aplicando e que cumpría as esixencias administrativas.

A controversia céntrase no que sucede cando o barro deixa de comportarse como unha masa húmida e comeza a dispersarse en forma de po. A normativa europea establece criterios específicos para clasificar os residuos como HP4, HP5, HP7 ou HP8 en función das substancias que conteñen e das súas concentracións. HP4 corresponde ás propiedades irritantes; HP5, á toxicidade específica para determinados órganos; HP7, á carcinoxenicidade; e HP8, á corrosividade. A documentación achegada polos ecoloxistas identifica actualmente os residuos do depósito coas catro categorías.

Nube de po sobre o depósito de lodos vermellos de Alcoa en San Cibrao (Lugo), nunha imaxe tomada o 21 de setembro / Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde

Os lodos vermellos son o residuo sólido que queda tras o proceso industrial de obtención de alúmina a partir da bauxita. O complexo de San Cibrao, situado entre os municipios de Cervo e Xove, comezou a funcionar en 1980 e reúne unha refinaría de alúmina e unha planta de aluminio primario. Segundo a información facilitada por Alcoa, o complexo emprega directamente unhas 1.050 persoas e a refinaría ten capacidade para producir 1,5 millóns de toneladas de alúmina ao ano. O depósito de residuos foi deseñado especificamente para almacenar os lodos xerados por ese proceso industrial.

A dimensión da instalación axuda a comprender a importancia do problema. A documentación de protección civil da Xunta describe unha inmensa balsa que ocupa o val do antigo regato Riatelo, entre os montes Sánchez e Piniche, cunha superficie cinco veces máis grande que a do parque de Castrelos en Vigo. A instalación está delimitada por un dique principal e outro de cola. A empresa proxectou seguir aumentando a súa capacidade, actualmente duns 28,3 millóns de metros cúbicos —o equivalente ao volume dunhas 12.000 piscinas olímpicas—. Alcoa clasifica o depósito de San Cibrao como «Extreme» —a categoría máis alta— conforme á norma GISTM, o estándar global da industria para a xestión de residuos líquidos e sólidos.

Plan de emerxencia

A Xunta conta, ademais, cun plan de emerxencia exterior específico para a instalación. En 2025 someteu a información pública a súa revisión, despois de que Alúmina Española remitira nova documentación sobre o depósito. O procedemento encádrase nun real decreto de 2009 que regula a xestión de determinados residuos das industrias extractivas e a protección do espazo afectado. A norma atribúe á Administración autonómica a planificación e coordinación da protección civil en caso de accidentes ou vertidos. A existencia do plan non significa que haxa unha emerxencia en curso, pero si que as autoridades consideran necesario dispoñer de procedementos específicos ante situacións imprevistas.

O historial de protestas veciñais e ecoloxistas contra o depósito de Alcoa remóntase anos atrás e intensificouse cos episodios de po e coas denuncias sobre posibles afeccións ao solo, á vexetación e ás explotacións agrícolas, gandeiras e forestais próximas. En outubro de 2023, unha granxa ecolóxica hortofrutícola situada en Morás denunciou a chegada de po avermellado despois de varios días de calor, seca e vento. As análises posteriores detectaron nas súas plantacións metais como arsénico, cadmio, mercurio, chumbo e aluminio, tanto nas plantas como no solo, e a Xunta prohibiu temporalmente á empresa comercializar os produtos da explotación. A compañía, unha pequena empresa de carácter familiar, tivo que pechar e o caso acabou nos tribunais, que deberán determinar as posibles responsabilidades polos danos ocasionados.

A balsa de lodos vermellos de Alcoa en Xove, sobre a unha das aldeas do municipio / Foto: Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde

O temor a que o depósito de Alcoa poida sufrir un accidente grave é recorrente entre a veciñanza de instalacións similares. En xaneiro deste ano, a rotura dunha galería dunha antiga explotación mineira no monte Neme, entre os municipios coruñeses de Carballo e Malpica, provocou o arrastre de auga, lodo e pedras e obrigou a cortar unha estrada. A Xunta atribuíu o derrubamento ás intensas precipitacións. Non se trataba do mesmo tipo de residuo nin dunha instalación comparable, pero o episodio volveu situar no primeiro plano a vulnerabilidade das balsas de residuos industriais e mineiros.

En Europa, o precedente máis grave segue a ser o accidente de Ajka, ocorrido hai 16 anos en Hungría, cando a rotura dun depósito de lodos dunha planta de alúmina liberou unha enorme cantidade de barro vermello e provocou nove mortes, centos de asistencias médicas e graves danos ambientais. En España, o antecedente máis lembrado é a rotura da balsa de Aznalcóllar, un depósito de residuos mineiros da empresa Boliden que en 1998 contaminou o parque nacional de Doñana con entre catro e seis millóns de toneladas de barro cargado de substancias tóxicas.

Resposta da Xunta

Luzes-Público dirixiuse á Xunta a través das consellerías de Sanidade, que dirixe Antonio Gómez Caamaño; Medio Ambiente e Cambio Climático, que dirixe Ángeles Vázquez; e Medio Rural, á fronte da cal está María José Gómez Rodríguez, para saber se, no ámbito das súas respectivas competencias, tiñan constancia dos vertidos a través das denuncias recibidas esta semana. Este medio tamén quixo coñecer se avaliaron a posibilidade de que exista risco para a saúde da poboación, o medio ambiente ou as actividades agrícolas, gandeiras e forestais da zona. No momento de pechar este artigo, ningunha das tres consellerías respondera. Tampouco o fixeran os concellos de Cervo e Xove, gobernados por Dolores García Caramés e José Demetrio Salgueiro, respectivamente, ambos do PP.

Si respondeu a Consellería de Economía e Industria, que dirixe María Jesús Lorenzana. O departamento limitouse a informar de que a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas recibira unha denuncia o martes pola noite e que, «unha vez analizado o seu contido», tiña previsto «realizar unha inspección». «No caso de que queden demostrados os feitos denunciados», engade o departamento de Lorenzana, «adoptaranse as medidas necesarias».

Luzes-Público tamén se puxo en contacto co Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil, ante o que os ecoloxistas presentaron numerosas denuncias, a última delas este mércores, pero tampouco obtivo resposta. O Seprona ten entre as súas competencias a vixilancia do cumprimento das disposicións relativas á conservación da natureza e do medio ambiente, dos recursos hidráulicos e doutros ámbitos relacionados coa protección ambiental. Nunha denuncia por posibles vertidos ou contaminación, as súas actuacións poden desenvolverse en coordinación coas administracións ambientais e, cando existan indicios de delito, coa autoridade xudicial.

Os ecoloxistas tamén presentaron unha denuncia ante a Inspección de Traballo do Ministerio de Traballo e Economía Social, organismo con competencias en materia de vixilancia e protección da saúde e da seguridade das traballadoras. Fontes do departamento de Yolanda Díaz responderon á consulta sobre unha eventual actuación da Inspección advertindo de que o Ministerio non pode informar sobre os procedementos que esta poida ter abertos, xa que teñen carácter reservado mentres se desenvolve a investigación.

Os vertidos afectan unha comarca cunha poboación relativamente dispersa, pero cunha forte presenza industrial e agrícola. Xove e Cervo suman arredor de 7.500 habitantes e forman parte da Mariña Occidental, que supera os 25.000 residentes. Ao seu redor conviven instalacións industriais, explotacións gandeiras e agrícolas, núcleos rurais, espazos naturais e actividades vinculadas á pesca e ao litoral. A tensión entre a importancia económica do complexo de San Cibrao e a preocupación polos residuos que xera acompaña desde hai anos esta zona.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail