Políticos para un tempo prohibido

A política europea está en permanente crise. E a pregunta que moitos nos facemos é se o nivel dos dirixentes que nos gobernan se corresponde cos enormes desafíos ecolóxicos, xeopolíticos, sociais ou económicos que vivimos e temos por diante. Por non falar do vello pesadelo das grandes guerras de hai un século, de novo unha realidade.

A presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, afrontará esta semana en Estrasburgo mocións de censura na súa contra, a segunda ocasión en menos de tres meses. A primeira presentáraa a extrema dereita e desta vez serán dúas: unha dos (ultra) Patriotas liderados por Jordan Bardella, o delfín da dereitista francesa Le Pen. A segunda, tamén nunha voz gala, mais dunha cor totalmente diferente, a da insubmisa Manon Aubry, líder da Esquerda na Eurocámara.

As críticas a Von der Leyen son dende tódalas frontes. Por conflitos de intereses relacionados coas súas mensaxes de móbil con empresarios, sobre as políticas neoliberais que impulsa no comercio, derrubando estándares laborais, sanitarios, medioambientais e agrícolas ou, tamén, ante a hipocrisía discriminatoria que amosa respecto dos palestinos, muda nunha mínima condena sobre o xenocidio que Israel comete en Gaza. Mentres, a coalición da popular xermana con socialdemócratas, liberais e verdes pende dun fío pola deriva cara á ultradereita da súa Comisión e a súa submisión

E, mentres, en Francia van xa polo terceiro primeiro ministro dende o 2024 nunha crise política causa extrema do trabucado tactismo electoral do presidente Emmanuel Macron, quen convocou eleccións lexislativas sen ter por que. E pola súa negativa a deixar gobernar a fronte vencedora de esquerdas neses comicios. A insistente arrogancia de Macron apostando por gobernos liberais de dereitas ten paralizada a segunda potencia da UE e só favorece unha corrente de fondo para que no 2027 a extrema dereita lepenista chegue ao poder presidencial en Francia.

No xadrez, os peóns son as pezas de menor valor, a primeira liña de defensa que mover con ollo porque só poden avanzar, e os erros con eles déixanos pendurados. Ao tempo, son cruciais para roubarlle terreo ao inimigo, reducir os seus movementos, conquistar o centro do taboleiro dende onde atacar. Cos peóns gáñanse posicións estratéxicas e aséntanse as vitorias das grandes pezas.

Coma se fose un ente de intelixencia artificial coordinado, a extrema dereita leva tempo colocando os seus peóns sen retroceder nas prazas conquistadas. En Hungría, en Italia, en Eslovaquia, nos Estados Unidos, esta fin de semana reconquistando Chequia. Semella un avance lento pero inexorable para gañar a partida, ante o que vemos a parálise ou incapacidade da clase política europea, disposta a xogos de comunicación política nas redes sociais, de curtas de vídeo e titulares, segundo as mensaxes de Tik Tok como solución a fondos problemas. Sen dispor de mentes brilantes para as estratexias de longo prazo. Non atopan a resposta axeitada ante un problema determinado cunha simple ollada e proceden a atacalo, como Capablanca. Elas e elas necesitan asesores que lles amosen liñas argumentais nas que non perder, pero tampouco gañar. Non constrúen o seu carisma ao estilo de Fisher dende o talento e o coñecemento exhaustivo, véxase intelecto e cultura, para poñelo dun xeito heterodoxo ao servizo da loita.

Veño de escoitar falar en Bruxelas sobre unha destas crises irresolubles para os nosos políticos. Dende o 2015 os prezos dos inmobles medraron de media un 55% e os dos alugueiros un 26%. En moitas das grandes cidades do continente, os aumentos son entre un 10 e un 20% anual. Ao tempo, a pobreza enerxética afecta a corenta e sete millóns de persoas, a mesma poboación que España, forzando familias a escoller entre comer e quentarse. A solución do establishment fronte a esta crise habitacional é construír máis, disparar as hipotecas ás mozas e mozos, coma se cos actuais soldos moitas e moitos as puidesen pagar, e combater a ocupación. Respostas ortodoxas, sen saírense das aperturas xa coñecidas, enrocados na defensa dos grandes intereses empresariais.

Políticos para un tempo prohibido, universitarios das xeracións máis formadas de Europa arrepiados ao aplicar o seu talento na solución dos problemas públicos. Mortos nos seus despachos presidenciais mentres o século avanza e as crises que eles provocan, favorecen e non arranxan se suceden e rouban a ilusión dunha sociedade que cae no escepticismo das botas pardas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail