De partidos e congresos

Logo dun axitado período de contendas electorais, chega o momento de reaxustar as maquinarias de partido. Antes do Nadal, case todas as formacións do bloque da investidura realizarán os seus respectivos procesos congresuais. Pola banda da esquerda avanzan xa PSOE, Sumar e Comuns. Pola banda nacionalista, BNG, ERC, Junts, PNV e Bildu teñen tamén as súas axendas en marcha. Dos resultados destes procesos sairán os equilibrios internos que desenvolverán as súas estratexias dos anos vindeiros. O que poida pasar en 2027 (ou antes) dependerá moito do xeito en que se resolvan estas asembleas. E todo isto nun contexto marcado polo persistente pulo das dereitas.

Dando por descontado que cada quen mirará polo seu, o principal interrogante é xusto o contrario: poderán desenvolver algunha estratexia compartida para alén dos seus obxectivos parciais no medio e longo prazo? A conxuntura é fráxil e adversa para o bloque plurinacional, democrático e social. Desde hai anos, a política española vive nun interminábel ínterim que terá que chegar a súa fin. Ou isto, ou a reapertura dunha crise de réxime para a que tampouco hai garantías de saír mellor do que se entrara.

Nun repaso esquemático, a cousa preséntase así: o PSOE afírmase na centralidade recuperada en 2018 tras gañar a moción de censura. Logo de restaurar a unidade do partido, Sánchez mantén firme o temón á dereita surfeando o refluxo da vaga de mobilizacións (2011-2018). O segredo do suceso socialista –do que o caso galego quizais sexa excepción– é favorecer que todo volte á súa disposición por defecto no réxime. O vindeiro congreso socialista tomará boa nota dunhas alteracións no bloque da investidura, agora máis dependente de Junts (máis desprazado á dereita, pois).

No entanto, Sumar ten por diante unha tarefa complicada: sobrevivir á crónica da morte anunciada que era IU/ICV antes do 15M. En constante declive desde 2016, o maior dos seus erros sería repetir a fórmula dun liderado mediático arredor do cal estruturar «a esquerda á esquerda do PSOE». Con Díaz dimitida, a idea dun «movemento Sumar» entrou en crise: primeiro, porque tal movemento é unha marca, non un movemento real; segundo, porque sen a figura mediática non dinamiza a súa pirámide de incentivos parainstitucionais; terceiro, porque lonxe de se estruturar coma axencia federal, o seu interior opón forzas superpostas e concurrentes; e, last but not least, o seu discurso insiste en operar no marco da «esquerda». Diríase que ren pasou entre 2011 e 2018.

E mentres Sumar se desangra nos deméritos propios, as maiores dificuldades para Sánchez proveñen da arimética parlamentar posprocesista. Por máis que os nacionalismos galego e vasco sexan actores fiábeis e ata previsíbeis nos seus vindeiros procesos congresuais (fiabilidade que se ten demostrado moi rendábel en termos de transferencias electorais), son os independentistas cataláns os que están a poñer en cuestión a viabilidade da lexislatura e do seu propio espazo. Por vez primeira desde o comezo da democracia, lémbrese, os partidos nacionalistas non chegaron a ser maioría en Catalunya.

Os congresos de ERC e Junts están chamados a ser determinantes na viabilidade dos seus propios proxectos e da lexislatura. No caso de ERC asistimos a unha encarnizada desputa entre faccións polo control da organización na que se está indo a pique toda a credibilidade como forza de goberno pola que apostara para sair do procés. Que Elisenda Alamany, candidata de Junqueras á secretaría, tivera que deixar en suspenso a entrada no concello de Barcelona evidencia as dificuldades dos republicanos para manter a súa imaxe de forza institucional.

Junts, pola súa banda, segue presa do seu pasado procesista, incapacitada para devir a forza de centrodereita que un día fora CiU. O cambio in extremis do sentido do voto sobre a regulación dos alugueiros de temporada fixo explícita a falla de sensibilidade social que require un proxecto de amplas maiorías. A escenificación posterior co encontro en Xenebr deixou claro ata qué punto calquera estratexia fica subordinada á resolución da situación represiva dos líderes. Isto, vai de seu, deixa no ar a capacidade de Junts para reconstruír o partido moderado e integrado no réxime que un día fora CiU.

En definitiva, a clarificación do panorama partidista, de aquí a Nadal, vai poñer a proba ao conxunto dos partido da investidura. En termos sistémicos, o PSOE precisa que o tempo faga o seu labor, xa que só esgotando a lexislatura poderá o réxime levar adiante o seu metabolismo institucional e clausurar a súa crise. Non supoñendo un problema maior o que aconteza en Euskadi e na Galiza ou á súa esquerda, vai ser a política catalá a que siga marcando o límite da crise. A cuestión, para alén do que aconteza coas extremas dereitas, radícase máis unha vez, en se a constitución formal do 78 aínda é compatíbel coa constitución material dun neoliberalismo colapsado. O tempo dirá.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail