Compostela de cine

Rematou Curtocircuíto e a nostalxia invade Compostela. Non só porque quedamos orfos ata dentro dun ano deste marabilloso festival cinematográfico internacional, ou pola chegada brusca do outono, mais tamén por todas as actividades, compañeirismo e descubertas que quedan atrás despois dunha intensa semana de proxeccións, concertos e celebración da sétima arte de vangarda.

A entrega de premios aos gañadores das seccións competitivas: Radar, Explora, Planeta GZ e Penínsulas, clausuraba onte esta 15ª edición no Teatro Principal de Santiago, presentada polo xornalista Carlos Meixide. Na súa intervención, o director do festival, Pela del Álamo facía reconto do vivido desde o pasado 29 de setembro con mención especial á sección paralela Carta Branca, programada por Ezequiel Méndez Vidal, o director do primeiro Cineclube da cidade e de Galicia, que plantou a semente da cinefilia compostelá.

Da man de Julio Vilariño, membro do Cineclube de Compostela, Méndez quixo traer a Santiago por primeira vez unhas imaxes da cidade, de 1967, que causaron sensación nas redes sociais. O seu director, Claudio Guerín Hill, sevillano de nacemento que morrería uns anos despois en Noia ao caer dun campanario durante unha rodaxe, quixo rexistrar os rostros e as voces de todos os estamentos sociais de Compostela, nun documental homónimo que foi obxecto de censura, precisamente, polo seu realismo e que é propiedade do arquivo de TVE.

Cun marcado acento feminista, acadando un 40% de directoras na programación, Curtocircuíto segue apoiando as novas xeracións que tiveron o seu espazo nas seccións Supernova e Teenage Riot así como o cinema galego cunha presenza novamente destacada nesta última edición nas Mesas Interxeracionais do Audiovisual Galego ou na sección Terra, na que participaron os realizadores Xacio BañoJaione Camborda, que traballa xa na conta atrás para a estrea da súa primeira longametraxe, Arima, da que puido verse un pequeno extracto.

Fotograma de Arima, de Jaione Camborda.

En total, proxectáronse nesta edición de Curtocircuíto 158 películas, entre elas as incluídas na retrospectiva do austríaco Ulrich Seidl, que pasou polo festival, Roberto Minervini e Bertrand Mandico, ou as nove cintas de Jessica Sarah Rinlad, a artista multidisciplinar protagonista da sección Púlsar. 

Despois desta inxección de cinema, quedamos con mono de máis. Menos mal que novembro xa está aí e con el Cineuropa. Que bonito é vivir en Compostela!

* Aquí, o palmarés.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail