Que opina a xente sobre a monarquía?

Hoxe, martes 8 de setembro, 16 medios independentes que formamos unha plataforma para defender a liberdade de prensa e loitar por unha sociedade mellor informada comezamos o proceso para desenvolver a #EnquisaMonarquía, un estudo sociolóxico serio, rigoroso e obxectivo sobre a monarquía.

As institucións, ademais de ser democráticas, transparentes e limpas, deben estar sometidas ao exame e a crítica por parte da cidadanía. No caso da monarquía, non dispoñemos do voto para expresar a nosa opinión, polo que resulta indispensable realizar enquisas de opinión fiables e rigorosas. Practicamente a única que se fixo foi o referendo de 1978, no que puideron votar soamente os que hoxe teñen máis de 61 anos.

O noso propósito é facer o estudo sociolóxico máis completo ata a data sobre a valoración da Monarquía en España, distinguindo por idade, xénero, clase social, territorio, ideoloxía política ou recordo de voto. Aspiramos a lograr a información máis precisa posible sobre a opinión dos españois e españolas sobre a actual Casa Real, o Rei Felipe VI, o seu pai Juan Carlos I, os escándalos de corrupción, a vixencia ou non da institución monárquica no século XXI, a posibilidade e necesidade dun referendo sobre Monarquía ou República, e a súa opinión de celebrarse esta consulta…

Este proxecto vai dirixido a todas as persoas que cren que unha sociedade ben informada é unha sociedade máis libre. Para iso abrimos un crowfounding en Goteo.

O noso obxectivo é saber que opina realmente a sociedade española sobre a Monarquía e o seu Xefe de Estado. Queremos facer unha enquisa con preguntas nidias e directas. Sen oportunismos políticos, malabarismos retóricos, maquillaxe nin contestacións dirixidas a obter respostas compracentes cos intereses do enquisador. Queremos tamén evidenciar a capacidade da nosa sociedade para auto-organizarse e facerse a si mesma as preguntas que un organismo público como o CIS renunciou facer.

Para obter toda esta información da maneira máis precisa e detallada posible queremos realizar un exhaustivo panel online de 4.000 / 5.000 entrevistas, complementadas con outras 800 enquisas telefónicas a persoas que en 1978 tivesen máis de 18 anos, e por tanto podían votar no referendo constitucional. A combinación destas dúas metodoloxías de enquisa, así como o uso dunha mostraxe por cotas, garanten que o noso cuestionario chegue a persoas de todas as idades, niveis educativos e estratos socioeconómicos, e que a mostra final sexa representativa da poboación española.

A enquisa está impulsada pola Plataforma de Medios Independentes @PlatMediosIndep, un grupo de 16 medios de comunicación que, diante da falta de resposta do CIS decidiron unirse para realizar este proxecto. Poñen á súa disposición a súa ampla experiencia comunicativa e un equipo de traballo versátil e experimentado tanto en xornalismo como en Redes Sociais.

Os medios que a integramos son Alternativas económicas, Carne Cruda, Catalunya Plural, Critic, CTXT, Cuartopoder, El Salto, La Marea, La Voz del Sur, Luzes, Mongolia, Nortes, Nueva Tribuna, Pikara, Praza e Público.

Esta iniciativa supón unha experiencia inédita en España de colaboración xornalística. Somos medios moi diversos, con diferentes traxectorias e tamaños, que imos da información xeral á especialización temática, e do ámbito español ao territorial, local ou autonómico. A campaña e os resultados da enquisa publicaranse de maneira simultánea en todas as cabeceiras que a impulsamos.

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail