O legado de Feijóo: un consenso difuso

O actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou para os anos vindeiros unha continuidade a todo o feito e andado nos trece anos de xestión conservadora con Alberto Núñez Feijóo á cabeza. Catro maiorías absolutas que o xa expresidente e o seu sucesor no cargo presentan como o seu mellor aval. A confianza do electorado, renovada nas urnas de xeito periódico, converteu a súa traxectoria á fronte do executivo en algo incuestionable. Cabe facer unha pregunta: por que votan os galegos a Feijóo?


A CORUÑA.- «Feijóo trouxo estabilidade á economía»; «Postos de traballo despois da crise»; «Seriedade e xestión».

Xa, pero, iso que quere dicir?

O Dicionario da Real Academia Galega recolle o termo popular con tres acepcións: «Que é ou procede do pobo», «que é ben acollido polo pobo» e «que se estende ou está ao alcance das clases con menos recursos económicos». Para o tema que nos ocupa nestas liñas, colleremos a segunda definición e faremos unha terceira achega: «Que forma parte ou fai referencia ao Partido Popular».

Se falamos de popularidade nos termos escollidos, Alberto Núñez Feijóo, xa expresidente da Xunta de Galicia, non ten parangón nin igual na política galega da última década. O candidato que non sabe o que é pactar cos seus homólogos do espectro nin ceder ás demandas da oposición, e que chega tranquilo ás sesións de investidura, sabedor de que sempre dan as contas, probará agora sorte na liga dos grandes, onde terá que construír un relato arredor da súa persoa diferente do que o erixiu en bo xestor ao longo dos 13 anos que ostentou a cabeza da autonomía.

Mariano Rajoy ao volante dunha furgoneta da campaña electoral de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións autonómicas de 2009, as primeiras que gañou.

Tampouco en popular ten competencia, e non só por azul: o barómetro do CIS previo ás eleccións autonómicas de 2020 outorgoulle un 6,4 de aceptación entre a cidadanía galega. O máis valorado e tamén o máis coñecido, por diante da aspirante do BNG, Ana Pontón, cun 5 raso, fronte ao suspenso estrepitoso do resto dos cabezas de lista en estima e popularidade.

As bandeiras de campaña luciron, ata o de agora, o estandarte da estabilidade, da seriedade e do coñecemento dunha administración na que o xefe do goberno galego vogou ata agora como experimentado capitán, e, tras a carreira preelectoral de cada catro anos, sumábaselle o referendo do pobo galego, que lle renovaba a confianza e volvía premiar esa xestión con outro goberno tranquilo e cos números feitos. Alfonso Rueda, herdeiro por designio divino, promete continuidade e pide a confianza da cidadanía estribando, de novo, nese pasado de xestión e validación popular, que converten a etapa iniciada en 2009 en incuestionable. E, por extensión, no mellor aval do novo presidente, partícipe daqueles gobernos de tranquilidade.

A pregunta que cómpre formular, desterrando previamente os vellos e lambidos mantras de que os galegos votan mal, é cal é a Galicia que deixa, a ollos dos que lle autorizaron o feito nas urnas, o máis popular dos candidatos populares. Que responde a cidadanía a pé de rúa á pregunta «que legado deixa Feijóo?»?

Antes de analizar as respostas da rúa, a honestidade manda facer unha aclaración. Esta reportaxe naceu concibida como outra cousa. A metodoloxía a seguir non foi moi diferente salvo no esencial. Consistía en formular a mesma pregunta que despois foi trasladada á rúa aos altos cargos do PP de Galicia, co obxectivo de que fosen eles mesmos os que valorasen a herdanza do líder que marchaba para Madrid co traballo feito. A pregunta foi elevada aos catro líderes provinciais: Diego Calvo, Alfonso Rueda, José Luis Baltar e Elena Candia, a dous cargos do goberno galego e do partido, Pedro Puy Fraga e Miguel Tellado, e a dúas integrantes do Consello da Xunta próximas ao expresidente, Ánxeles Vázquez e Fabiola Martínez. Non houbo resposta en ningún caso. Queda dilucidar se por desconfianza ou por indiferenza, pero os grandes líderes do Partido Popular de Galicia non se atreveron, ou non quixeron, entrar a valorar o legado do laureado presidente. Estes, os feitos. Dos lectores, as conclusións.

Escrutado, en troques, o parecer da cidadanía na rúa, a humilde impresión que queda desa xestión brillante é a dunha linda envoltura para un interior baleiro. A meirande parte das persoas consultadas, votantes confesas do expresidente e con idades comprendidas entre os 24 e os 70 anos, responderon con argumentos vagos, baseados no relato que o equipo de comunicación e a engrenaxe mediática galega construíron nestes 13 anos arredor da figura do agora líder nacional. «Deixou unha Galicia con menos paro e máis postos de traballo» ou «deixa unha Galicia moito máis estable e rica» son as afirmacións máis reiteradas entre os seus votantes, que descartan entrar en materia cando se lles pide concreción. «Estamos mellor», resumen

Toñito de Felisindo, célebre simpatizante de Feijóo, anima ao expresidente da Xunta en presenza de Mariano Rajoy durante un mitin en Carballo en 2012.

A sombra do proceder do bipartito PSOE-BNG, que gobernou a comunidade entre 2004 e 2009, está moi presente na intención de voto dos electores populares máis vellos, que gardan memoria amarga da etapa capitaneada polo executivo anterior. A elección, en moitos casos, non depende do que vaia gobernar, senón do que non o vai facer. «Feijóo arranxou o desastre do bipartito, que nos levou á ruína. Faga o que faga, será mellor que o que fagan PSOE e BNG»; «baixou o paro, hai máis traballo», xulgan os seus votantes. Os datos sentencian o parecer dos electores, cun descenso da inversión en educación de 300 millóns na última década, unha perda demográfica de 88.000 persoas, un 148% máis de débeda pública e 100.000 empregos menos con respecto ás mesmas datas.

As características persoais inflúen tamén nos galegos á hora de meter a papeleta azul. «É serio e inspira confianza cando fala»; «non se altera e non discute, está sempre á altura das circunstancias e parece boa persoa»; «non ten ideas radicais, representa o centro». Das dúas primeiras frases pódense dicir moitas cousas; a terceira agocha unha verdade: durante os seus 13 anos de debates parlamentarios e comparecencias públicas, Feijóo foi acusado a ambos extremos do taboleiro dunha cousa e da oposta, un rol andróxino co que sempre sae guapo e que explota ao seu favor. De «fascista» pola súa esquerda e de «nacionalista rojo» pola súa dereita, un espazo co que, ata a etapa que empeza, non tivo a sorte ou a desgraza de confrontar. Unha ambigüidade para a que hai quen formula diagnoses: «Feijóo é quen de dicir un día unha cousa e ao día seguinte a contraria, segundo lle conveña», di quen non votou por el.

Protesta, en 2018, no IES de Brión, cando docentes e alumnado organizaron un peche para denunciar a falta de profesorado (Twitter @GxDRadioGalega).

Os seus electores consultados máis novos, que pouco lembran unha Galicia previa ás catro maiorías e sen nesgo da herdanza do goberno anterior, destacan como a achega máis destacada de Feijóo a Galicia nos seus case tres lustros de mandato o seu «compromiso cos empresarios e co progreso económico da comunidade». Un compromiso que os presidentes das patronais coincidiron en agradecer ao presidente tras o anuncio da súa marcha, e que tampouco suscita unha excepcional sorpresa vindo dun que, na súa primeira lexislatura, foi partidario de privatizar «todo o que non sexa o núcleo duro» da sanidade. Unha promesa cumprida, dez anos despois, co aumento dos concertos con hospitais privados, en mans de compañías como Quirón, Fresenius, Centene ou HM Hospitales, a privatización da xestión do Novo Hospital de Vigo ou a cesión a multinacionais do Sistema de Información Sanitaria, a historia clínica electrónica, as receitas ou a cita previa. Dez anos despois daquelas declaracións premonitorias e co compromiso empresarial sobradamente acreditado, queda por debullar
que é iso do «núcleo duro» da sanidade que non se podía privatizar.

Núñez Feijóo visita o novo centro de saúde de Melide, a finais de 2021 (imaxe: Xunta).
Cartel no PAC de Caldas de Reis en febreiro (Twitter @G_Caballero_M).
A cola para pedir cita no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, en 2015 (Twitter @EstafaCunqueiro).

A este respecto, a xestión da pandemia da Covid-19 en Galicia ocupa gran parte dos eloxios dos seus votantes máis fieis, que pecan, quizais, de memoria curtopracista. «Temos unha sanidade máis modernizada e con máis recursos, con calidade na atención, que fixo que en Galicia non colapsasen os centros de saúde e hospitais e non morrera tanta xente como en Madrid». Toda unha proeza, sen dúbida, máxime se se conta con 1.000 camas menos, e tras o desmantelamento dos hospitais comarcais e a eliminación de tres áreas sanitarias. A atención primaria sufriu as peores consecuencias, quedando relegada, 13 anos despois, ao 12% do gasto sanitario total. Unha circunstancia que tampouco pode coller a ninguén coa garda baixa, pois foi debidamente adiantada, nos albores daquela primeira lexislatura, coa paralización do Plan de Mellora da Atención Primaria, un proxecto do bipartito chamado a transformar o funcionamento dos centros de saúde e cuxo sino final foi quedar nun caixón.

Existe unha cuestión, porén, á que a meirande parte dos enquisados non se atreve a dar resposta, seguindo o exemplo dos cargos do partido interpelados para a que ía ser, en orixe, esta reportaxe: «Cal é o gran proxecto de Feijóo nos seus 13 anos de goberno?». Entre o mutis polo foro dos máis dos consultados, un firme defensor do proxecto quixo facer constar unha premisa: «O gran proxecto de Feijóo nos seus 13 anos foi Galicia».

Xa, pero, iso que quere dicir?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail