A chaqueta de Alcoa no Parlamento

O pasado venres celebrouse no Pazo do Hórreo a sesión constitutiva da undécima lexislatura do Parlamento Galego. Unha sesión cargada de simbolismos, na que deputadas e deputados toman posesión e se escolle a Mesa da Cámara que regulará os traballos da lexislatura.

Transmitida pola web do Parlamento e os medios públicos de Galicia, é unha ocasión para os partidos con representación, e as persoas representantes, de facernos chegar –a través de xestos e imaxes, xa que non hai na sesión discursos nin debates– un adianto dos seus compromisos de acción política para os vindeiros catro anos. E máis considerando a situación de crise excepcional que lles vai tocar xestionar.

Coa cesión do BNG ao PsdG dun posto que podería acaparar, deron ambos partidos un posible adianto do tipo de relación que van ter. Seica máis de colaboración que de competición.

A crise da covid19 estivo presente toda a cerimonia, ben visible nas mamparas, as máscaras e os tempos de limpeza dos atrís e asentos, que paralizaban os protocolos de vez. Tamén no minuto de silencio polas vítimas, e no único discurso da sesión, o do presidente –de novo Miguel Santalices– un home cordial (dos da boina) que expresa emocións con sinceridade.

Na primeira votación, a da presidencia da cámara, vimos que só participaban 74. Faltaba unha deputada do BNG, María González Albert. A ex-acaldesa de A Rúa non acudira polo avanzado do seu embarazo. Como non lembrar o «Verín non se pecha» e as dificultades de manter o servizos sanitarios nas extintas Áreas sanitarias comarcais! O debate sanitario será central nesta lexislatura.

Outra «sorpresa» con carga simbólica sucedeu na elección das compoñentes da mesa. Coa cesión do BNG ao PsdG dun posto que podería acaparar, deron ambos partidos un posible adianto do tipo de relación que van ter como compañeiros na oposición ao PP. Seica máis de colaboración que de competición. E deu o Bloque, con esa acción, unha mostra de coherencia entre o que dicía cando era un grupo excluído, e o que fai agora que pode excluír.

En 2009, prometer a Constitución resultoume tan banal como se esixiran prometer o código de circulación para obter o carné de conducir

E chegou o momento controvertido da toma de posesión que o regulamento da cámara liga coa promesa ou xuramento da Constitución española e o Estatuto de autonomía. A condición de deputada non se adquire nese momento, como ven de pronunciarse o Tribunal de Xustiza da UE, adquírese polo acto político do resultado electoral e o acto xurídico da súa proclamación. O da toma de posesión é un acto simbólico, unha oportunidade de expresar o compromiso que se adquire coa acta. A min marcoume en 2009 levar comigo o Sempre en Galiza e o caravel (que aínda segue entre as súas páxinas) para expresar un compromiso co país e a súa xente. Prometer a Constitución resultoume tan banal como se esixiran prometer o código de circulación para obter o carné de conducir.

Os modales, como as leis, son continxentes. Xa non sorprende nin molesta ver aos membros da mesa de idade vestir camisetas no lugar de traxe e garabata. Mais a súa vestimenta non era casual. Aí estaba a chaqueta de Alcoa. O deputado máis novo, Daniel Castro García, da Mariña, coa chaqueta de Alcoa e máscara negra, mentres traballadores da fábrica ocupaban a rúa do Hórreo reclamando solucións, foi seguramente a imaxe máis potente da xornada. O modelo industrial será tamén un debate crucial nos próximos meses e anos.

O país non é o goberno, por moito «Galicia, Galicia, Galicia» que reciten en San Caetano. O país é máis que o Parlamento, e, ás veces, é a pesar do Parlamento. A undécima lexislatura dá á política unha nova ocasión de ser útil ao país, con novos e novas protagonistas en experiencia e idade.

Que esperamos desta xente nova? Que o fagan mellor que nós, que o fagan o mellor que podan. Podémoslles dicir, para animalas, para animalos, como Churchill fixo noutro tempo: é o voso momento, collede o relevo do cambio, sede bondadosos, pero feroces!

Sobre todo, feroces!

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail