O capitalismo arco iris

Este sábado 5 de xullo foi o desfile do Orgullo LGBT tanto en Londres como en Madrid. Eu fun ao de Londres, simplemente porque é a cidade onde estou estudando. Unha das cousas que máis me chamou a atención foi a cantidade de marcas e empresas que tiñan carroza.

Nos aproximadamente corenta e cinco minutos que estiven vendo o desfile, pasaron por diante de min bancos, marcas de moda, supermercados, tendas de mobles (si, era Ikea) e asociacións de paramédicos, bombeiros e demais, todos coas súas carrozas, coa música e a vestimenta de coloríns. Todo o mundo celebrando e desfilando, unha expresión poderosa e sonora da diversidade de xénero e das sexualidades presentes no noso mundo.

E, porén, o que eu pensei vendo a carroza de Disney é que levan case corenta anos sen engadir ningunha personaxe LGBT ás súas películas ou series máis alá de alusións encriptadas e declaracións fóra do propio medio, como cando declaran que este ou aquel monstro que apareceu un segundo en pantalla é gai.

A outra cousa que pensei ao ver todas as grandes marcas inglesas desfilando ao son de Bananarama era que o mesmo facían as grandes marcas americanas antes da presidencia de Trump e, malia iso, compañías como Target retiraron a súa colección do Orgullo o ano pasado e deixaron que a deste ano fora eclipsada pola do 4 de xullo, día da independencia americana. HBO, a canle de televisión e servizo de streaming,  a pesar de declarar na súa páxina web que apoia as persoas LGBTQ, leva un par de anos cancelando as súas series máis populares nesta comunidade, e están a financiar a nova serie de Harry Potter, que vai prover unha nova fonte de ingresos á autora das novelas, J.K. Rowling, que leva anos facendo campaña e financiando políticos tránsfobos cos cartos que adquiriu das ventas duns libros cuxa mensaxe central é de tolerancia.

O que todo isto vén a ilustrar é o fenómeno coñecido coma o «capitalismo arco iris»; é dicir, as empresas sumaranse ao Orgullo e poñerán arcos da vella nos seus productos mentres isto lles veña ben para os negocios. Estes falsos aliados aprovéitanse da popularidade e riqueza cultural da comunidade LGBTQ para aumentar as súas vendas, sen achegar ningún tipo de apoio real a cambio, poñéndolle un arco da vella aos seus produtos no mes de xullo e ignorando durante o resto do ano a existencia do colectivo que din apoiar.

Como as ratas, estas compañías son sempre as primeiras en abandonar o metafórico barco da súa ideoloxía en canto se levanta un pouco de vento, como xa vimos no caso de Target e de todas as empresas que eliminaron os seus programas de inclusión en canto deixaron de ser lei federal, coma IBM, Pepsi ou CocaCola. É moi fácil ser amigo de todos cando vai bo tempo, pero en canto é preciso plantarse e defender os dereitos da xente á que lle pretenden vender o seu apoio, estas empresas botan a correr e deixan detrás delas soamente unha nube de fume, coma o Correcamiños.

Se non están dispostos a manter unha mensaxe clara e unha ideoloxía consistente, van perder clientes. Non poden esperar que os consumidores lles crean as mentiras e falsidades que presentan ao público cando unha semana máis tarde dan a volta e fan o contrario.

Co auxe da dereita extrema por todo o mundo e os ataques á comunidade LGBTQ, e especialmente á comunidade trans, é este o momento de comprobar quen son os aliados de verdade e quen son as ratas que van fuxir do barco.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail