Hai que botalos! (Reloaded)

O lema fíxose popular en 2005 como parte dunha acción do sector da cultura galega, denunciando as eivas do Goberno Fraga e demandando un cambio de políticas na Xunta. Fillo do lema en maiúsculas da nosa historia –NUNCA MÁIS–, representa hoxe calquera acción de protesta contra gobernos incompetentes e autoritarios.
Os lemas políticos desta década, entre eles os que aquí se propoñen, debuxan o negativo da foto oficial de bo xestor de Feijóo, son o seu cadro monstruoso agochado no faiado. Conforman un mapa das fendas sociais persistentes e da posible ruta para un goberno alternativo.

1. Verín non se pecha! Xusto antes do inicio do confinamento, en febreiro de 2020, e tras dous meses de peche no hospital e manifestacións masivas, a plataforma Verín Non se Pecha obrigaba a Feijóo a recuar e abrir de novo paridoiro do hospital comarcal. Fora unha das medidas do devalo da sanidade pública desta década, marcado pola consideración do PP da sanidade como espazo de negocio para empresas privadas de todo tipo, non só sanitarias, e a decisión política de facilitar ese negocio. A isto obedece o proceso de recentralización, que dá maior poder de gasto e xestión aos grandes complexos hospita­larios, a costa de quitarllo á atención primaria, hospitais comarcais e outros recursos sociosanitarios de base local. Tamén coa redución de gasto en persoal pola eliminación de servizos, precarización de contratos e substitución da atención presencial pola virtual. E, máis gravoso e de máis difícil volta atrás, a subcontratación e privatización directa de tecnoloxía, servizos e centros.

Esta combinación está tamén tras o desmantelamento progresivo doutros servizos públicos de competencia galega:  a educación, a atención a dependentes, a loita contra os incendios, a vivenda… A crise da Covid-19 retira (temporalmente) o veo de propaganda habitual. Así, vemos as precarias condición do servizo en moitas residencias privadas subvencionadas, como botan balóns fóra en educación (a rapazada na casa e alá se apañen as familias), os intentos de aproveitar a situación para privatizar o ensino universitario, as sanitarias eventuais despedidas ao resultar contaxiadas, os centros de día pechados… e, ao tempo, Feijóo eríxese en garante dunha remuneración xenerosa a centros sanitarios privados que «aceptaron» tratar afectadas da pandemia.

Protestas polo peche do paridoiro de Verín. Foto: Brais Lorenzo.

2 Queremos galego! Nada como plataforma a finais de 2009, agrupa persoas e entidades en defensa da supervivencia do galego, como reacción ao decreto de plurilingüismo de Feijóo, adscrito ás teses de Galicia Bilingüe. Convócanse nesta década as maiores manifestacións a prol da lingua, mentres continúa o devalo de falantes, o incumprimento das cativas normas de uso na administración e o propio goberno, e unha tensión continua para eliminar esa resistencia a desaparecer do galego. O último informe do Consello de Europa (CE) volve remarcar a perda de falantes. Segundo o IGE, e malia a perda de poboación, en 2018 en Galicia falaban exclusivamente español cen mil persoas máis que en 2008, das que case o 40% tiñan entre 5 e 14 anosidade na que se fixa a lingua materna, na que socializamos e coa que aprendemos a ver o mundo.

O informe do CE fai tres recomendacións de actuacións inmediatas (amén doutras menos urxentes) para desacelerar esta continua perda de falantes: eliminar as restricións ao uso do galego no ensino en todos os niveis, garantir por lei o uso do galego na xustiza a demanda dunha das partes e usar o galego na/s administración/s galega/s. Tanto o diagnóstico como as recomendacións cualifican a política lingüística desta década de desastre.

Manifestación de Queremos Galego na Quintana en 2009.

3 Nós somos nós e as nosas vacas! Con este lema remataba en 2015 o manifesto dunha concentración en Lugo do sector do leite, reclamando prezos xustos e a intervención da Xunta para garantilos. As vacas como circunstancia. A metáfora dun país (aínda, en certo sentido) rural, agrícola e gandeiro, con capacidade e vontade de producir alimentos, e cunha forma determinada de ocupar o territorio, que ten resistido con dificultades a vaga globalizadora. O peche de explotacións é unha constante, tamén nesta década. O censo agrario do INE de 2009 fala dunhas 80 mil explotacións cunhas 915 mil hectáreas. O anuario de 2019, con datos de 2016 fala xa de menos de 75 mil explotacións e 863 mil hectáreas. As que desaparecen, as hectáreas que deixan de explotarse, son outra cifra máis do devalo demográfico, acelerado no medio rural.

Se, trala crise da Covid-19, chegaran a consolidarse procesos desglobalizadores da distribución de alimentos e relocalizadores da súa produción, Galicia contaría cunha certa avantaxe, por ter aínda un sector primario asentado no territorio, baseado na propiedade de pequenas explotacións combinada con grandes empresas e cooperativas, que produce con calidade e pode distribuír localmente.

Granxa Quintián. Foto: Xan Carballa.

4 Nin casas sen xente nin xente sen casas! Na memoria, a imaxe do bombeiro parando o despexo dunha anciá na Coruña en 2013. Malia estar xa fóra dos titulares, e ter mudado algo a normativa que os permitía, os despexos séguense a producir cada día en Galicia. En 2019 foron 2271, segundo datos do Consejo General del Poder Judicial. O dereito constitucional a unha vivenda digna está moi lonxe de ser acatado. Mentres, hai máis de 330.000 vivendas baleiras en Galicia, segundo a federación de inmobiliarias galegas FEGEIN, ao redor dun 20% do parque total. O réxime de tenencia segue a ser moi desequilibrado: 78% en propiedade, 11% en alugueiro e outro 11% (a maior porcentaxe do EE) en cesión. O parque de vivenda pública en alugueiro social en Suecia ou Austria supera o 20%, en Galicia é practicamente inexistente e a política da Xunta é subvencionar os propietarios privados, no canto de rescatar e poñer a disposición de quen o precisa ese parque abandonado e cada vez máis deteriorado.

O acceso á vivenda, é un factor clave da loita contra a pobreza e o devalo demográfico que poucas veces temos en conta. Dispoñer dunha vivenda adecuada e accesible, facilita a emancipación da xente nova, disuádea de emigrar e anima a crear novos fogares de todo tipo. Supón tamén un escudo protector para os sectores máis dependentes e empobrecidos: a infancia e a xente maior.

5 Se nós paramos, párase o mundo! O lema das folgas de mulleres dos últimos anos, está cada vez máis presente. Párase o mundo porque, malia as desigualdades salariais e de poder, medra a presenza das mulleres no mundo da produción. E, sobre todo, porque a produción máis importante, que é a de seres humanos, segue a recaer nelas. Un traballo sen remuneración e que, mesmo cando o é, está invisibilizado por se realizar no interior dos fogares. Esa carga extra convertida nun chan pegañento que impide a tantas mulleres avanzar na vida pública, debería estar repartida de xeito máis equilibrado, tamén entre fogares, mercado e Estado.

Ao tempo que se vai igualando a presenza de varóns e mulleres no mercado laboral, as taxas de paro e precariedade son 3 e 5 puntos maiores respectivamente para elas. A pensión media das galegas é un 30% inferior e o salario medio un 20%. Ao tempo seguen a ser as que fan a maior parte dos traballos de coidado.

Marcha feminista 8M en Santiago de Compostela. Foto: Agostiño Iglesias.

6 Defende a Galega Logo de 2 anos de #venresnegro, e malia episodios graves de censura, ameazas e despidos, esta plataforma de profesionais dos medios públicos galegos continúa viva. A súa demanda de transparencia, independencia e pluralismo para a CRTVG faise especialmente relevante nestes días de crise sanitaria e confinamento, nos que é preciso un espazo de información fiable. En plena precampaña electoral, co Parlamento Galego disolto dende hai meses, sen espazos de debate político presencial, o papel de altofalante do PP que está xogando a cadea pública é escandaloso.

A CRTVG ten por lei a responsabilidade de estar na primeira liña de difusión e reforzo no uso da nosa lingua. Tamén debería funcionar como unha ferramenta de fact-checking fronte a fakes e a influencia de intereses económicos ou políticos nos medios privados. Un longo camiño por percorrer.

7 Mina non! En febreiro de 2020 a Xunta anuncia a fin do proxecto de reapertura da mina de Touro o Pino que a  empresa multinacional Cobre San Rafael iniciara en 2017. Como en 2018 recuou tamén co proxecto de Corcoesto da multinacional canadense Edgewater, logo dunha aprobación do impacto ambiental en 2012. Dous paradigmas da industria de enclave propia dos territorios subordinados. Con alto custo ambiental, rapina de recursos naturais, e sen plans de desenvolvemento industrial complementarios. Como a celulosa ou as térmicas, propiedade de multinacionais foráneas que, unha vez explotado o recurso, pechan e marchan, deixando destrución ambiental e miseria.

Foi o activismo social das veciñanzas, en plataformas de oposición ás minas, publicando informes de impacto independentes e traballando nas redes sociais e en protestas na rúa, facendo o traballo que deberían facer as Administracións públicas, quen conseguiu que a Xunta non dera o visto bo aos proxectos. É responsabilidade do goberno galego, que conta coa competencia de industria, promover proxectos industriais que teñan en conta á poboación asentada no territorio, protexan o entorno natural e xeren emprego de calidade e valor engadido.

Nada fixo Feijóo nesta década para a reactivación industrial de Galicia, nin parece que teña proxecto de facelo no futuro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail