A Fiscalía non considera delito tocarlle o cu a unha garda civil de paisano

A axente denunciou que lle sobaran as nádegas nun establecemento de Pontevedra, e o xuíz vén de ordenar a apertura de xuízo oral, que se celebrará o próximo 8 de setembro e no que a acusación particular quere imputar a outro garda que foi testemuña dos feitos.

A Fiscalía de Pontevedra non considera delito sobarlle as nádegas a unha muller sen o seu consentimento, aínda que sexa axente da garda civil e a pesar de que a doutrina do Tribunal Supremo establece que calquera contacto físico con finalidade sexual e sen consentimento constitúe un delito de abuso sexual. Así, o fiscal de Pontevedra pediu o sobresemento dun caso aberto por mor da denuncia dunha axente, que sufriu tocamentos nun lugar público sen estar de servizo e vestindo de paisano. O xuíz non opina o mesmo, e ordenou a apertura de xuízo oral, que se celebrará dentro de tres meses.

Os feitos ocorreron hai unhas semanas no exterior dun establecemento de hostalería da cidade cando a axente se atopaba cuns amigos e notou que o denunciado a tocaba ao pasar ao seu lado. Segundo fontes próximas ao caso, cando a muller se queixou e pediu explicacións ao grupo no que se atopaba o presunto agresor, comezaron a increpala e a burlarse dela. Nesa cuadrilla atopábase tamén outro axente da Garda Civil, que igualmente vestía de paisano e que non fixo nada por protexer a vítima. Nin ela nin o outro número se recoñeceron como gardas civís ata que llo fixeron saber o un á outra.

As mesmas fontes indican que a acusación particular solicitou que o citado axente comparecese como imputado, e non só como testemuña, por omitir a súa deber de socorrer a vítima. A Fiscalía opúxose tamén a esa posibilidade. Na contorna da vítima indican que os feitos graváronse en vídeo grazas ás cámaras dun establecemento próximo, e que as gravacións forman parte da instrución e serán visionadas na vista.

Fontes da Fiscalía Superior de Galicia confirmaron que o fiscal solicitou o sobresemento do caso ao non atopar «indicios de ilícito penal» tras a análise das probas e testemuños practicados. Si os atopou o xuíz de Instrución, que ordenou a apertura de xuízo oral e que sinalou a vista para o próximo 8 de setembro nos xulgados da cidade.

Unha garda civil, nun acto institucional / Foto: Garda Civil

Os servizos de Comunicación da Garda Civil de Pontevedra aseguraron onte que non lles «consta» que haxa procedemento xudicial algún por un caso que afecta a dous dos seus axentes, e indicaron que, en calquera caso, non teñen ningunha valoración oficial que transmitir.

Fuentes próximas á defensa da axente aseguran pola súa banda que a vítima estaría a recibir presións para retirar a súa denuncia.

En setembro do ano pasado, o Tribunal Supremo estableceu xurisprudencia sobre a relevancia penal dos tocamentos de carácter sexual, ao desestimar o recurso de casación –pensado para homologar ou casar doutrinas diverxentes de tribunais superiores de xustiza das comunidades autónomas–, presentado por unha muller que sufriu un rozamento «accidental» dun home que a seguiu ata o interior dun bar.

Nese caso, o Supremo desestimou o recurso da denunciante porque considerou que o acusado non mostrara ningunha intención de carácter sexual. Pero estableceu que calquera acción que implique un contacto físico sen consentimento e coa intención de obter unha satisfacción sexual á conta da persoa agredida debe ser entendido como un ataque á liberdade sexual desta e, polo tanto, obxecto de cualificación como delito de abuso, e non como delito de coaccións leves. O primeiro está penado cun a tres anos de cárcere ou multa de dezaoito a 24 meses, e o segundo só con multa dun a tres meses.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail