Novos tempos, pero cos mesmos dereitos

Desde que se detectaron os primeiros casos (decembro do 2019) ate o 11 de marzo en que a OMS declara estado de pandemia, a maioría dos gobernos de Occidente fixeron oídos xordos e pecharon os ollos ante o que estaba sucedendo no sueste asiático. Os sistemas sanitarios tardaron en responder e o que ata o momento foran advertencias cobra vida de xeito intenso nos hospitais e centros de saúde. O novo urco dos patóxenos roldaba as nosas vidas agochado por entre a brétema do anonimato das multitudes e dunha sintomatoloxía ben camuflada ou mesmo inexistente. O común dos mortais, fartos de tanta información sobre o que acontecía en paraxes ben afastadas, ou noutras máis achegadas, consolabámonos coa rutina que aínda sobrevivía no noso día a día. Triste consolo!

Ata o de agora, nunca viviramos unha situación de privación de varios dos nosos dereitos fundamentais como o actual. Ben for por puro civismo, pola vía do medo ao contaxio, ou polo temor ás sancións, por regra xeral respectamos o confinamento

A nosa tarde de lecer nunha terraza o venres trece de marzo xa non foi a mesma. Semellaba, vaga ilusión, que o señor Feijóo tomaba a iniciativa: declaración de emerxencia sanitaria. Activábase o plan territorial de emerxencia en Galiza, abranguendo o plano da alimentación, o ocio e os servizos, a sanidade e a educación, o eido da seguridade pública, a atención aos administrados, compensacións por servizos que non foran ser prestados e, fundamentalmente, as medidas de prevención (distancia física de seguridade e mobilidade). A fin de semana do sábado quince e domingo dezaseis foi de auténtica vertixe. Mando único. Asubiando cara a outro lado para aquí do Padornelo.

Ata o de agora, nunca viviramos unha situación de privación de varios dos nosos dereitos fundamentais como o actual. Ben for por puro civismo, pola vía do medo ao contaxio, ou polo temor ás sancións, por regra xeral respectamos o confinamento. Pero, por canto tempo podemos aceptar este recorte de liberdades? A crise sanitaria non pode servir de pretexto para dar por sentado un recorte de dereitos en aras dunha maior seguridade que compensaría esa perda de liberdade. Máis unha vez atopámonos ante o clásico dilema liberdade vs seguridade. Nun momento no que o liberalismo económico fica nunha clara posición de debilidade ideolóxica (o desenvolvemento desta crise non se pode entender se non botamos unha ollada retrospectiva e lembramos os interminábeis recortes producidos tras o desastre económico de 2008), o conservadorismo político pode intentar abrir unha fenda reclamando máis seguridade e, apelando ao medo a novos contaxios, procurar persuadirnos da necesidade de renunciar a hábitos e pautas de comportamento solidamente asentados. De non nos lograr persuadir con fantasías apocalípticas de ditaduras social-comunistas bolivarianas, de non nos lograr convencer da necesidade de liberalizar de novo toda a actividade económica para podermos relanzar a economía, esa vía, a do recorte de liberdades a prol dunha saúde segura, pode ser moi tentadora para buscaren abrir unha fenda nesa nova maioría social que se poida construír en torno á recuperación económica baseada na potenciación da sanidade, da educación e da investigación e as políticas sociais.

Nin defender a prolongación do estado de alarma é un ataque ás liberdades, nin criticalo é unha falta de responsabilidade

A renuncia a dereitos básicos de forma ocasional, baseada nunha situación de alerta sanitaria, non pode ser usada (non debemos consentilo) para fomentar valores que limiten as nosas liberdades. A excepcionalidade é mellor aplicala polas vías excepcionais que contempla a nosa lexislación, que querer convertela en norma xeral. Ora ben: esa excepcionalidade tense que dar nun tempo limitado. E non ten por que se subordinar a prexuízos xacobinos. Ben puidemos ver estes días como Inglaterra adopta unhas medidas, e Escocia, Gales e Irlanda do Norte outras. Que o actual goberno decida solicitar a prolongación do estado de alarma pode ser comprensíbel seguindo a lóxica desenvolta no tratamento da crise. Cren necesario apurar a recta final do proceso para conter as ansias acumuladas ao longo destes case tres meses. Nin defender dita prolongación é un ataque ás liberdades, nin criticalo é unha falta de responsabilidade. O contido de cada tipo de crítica é o que pode ser serio, coherente e responsábel, ou todo o contrario. Pero isto non é máis que o ocaso (de momento, iso parece) dunha fase. Cremos que son horas xa de ir pensando no que vén despois.

Esa liberdade á que tanto nos referimos non é algo abstracto, fóra de contexto e alicerce (non debería selo) dun homo economicus predador. Realízase nun individuo (home/muller) que necesita da actividade económica tanto para satisfacer as súas necesidades materiais como para realizarse individual e colectivamente. Pero esas persoas precisamos de condicións sanitarias adecuadas que nos permitan desenvolvernos integralmente. Para iso é imprescindíbel sentirmos o apoio da colectividade á que pertencemos, tanto a través dos organismos públicos (dos que recibimos os principais servizos, a saber: sanidade, educación, cultura, infraestruturas, etc.) como a través de todo o mundo asociativo que artella a colectividade na que vivimos. É posíbel imaxinar outra saída á crise da Covid19 que non pase por esa potenciación do público? Si. A neoliberal: compensar á sanidade privada polas perdas sufridas, espremer aínda máis a normativa medioambiental para sacar adiante proxectos altamente contaminantes, insistir en manter a lexislación laboral froito da crise de 2008 e as leis represivas (mordaza) destinadas a erradicar calquera tipo de protesta social que poida ser relevante; en síntese: desregulación e máis desregulación. Velaí o seu becerro de ouro. Deles será, pero algunhas cousas semella que non hai moita présa por derrogalas!

Vai ser cando vivamos un novo brote cando interioricemos que isto non é un xogo. Cando nos teñamos que someter a unha intervención cirúrxica, ou cando comecemos o curso que vén, ou ao recuperarmos a plena actividade laboral e social e vexamos que, exactamente coma antes, non vai ser

Comezamos a saír á rúa, a facer vida social nas terrazas. Aínda non tivemos ocasión de tomar conciencia fonda do novo tempo. Ben, si: levamos unha máscara protectora que nos amola un chisco. Vai ser cando vivamos unha nova rebrote cando interioricemos que isto non é un xogo. Cando nos teñamos que someter a unha intervención cirúrxica, ou cando comecemos o curso que vén, ou ao recuperarmos a plena actividade laboral e social (ximnasio, actividades culturais e deportivas, viaxes, etc.) e vexamos que, exactamente coma antes, non vai ser. Canto tempo fixo falta para que os nosos avós e pais asumisen o uso do cinto de seguridade nos coches? Agardemos que non nos faga falta tanto a nós para nos afacer á nova normalidade.

Adaptarse a esa nova normalidade é un escenario cargado de ameazas á liberdade e á privacidade, e cheo de dificultades económicas. Outra vez o dilema: estar controlados e hipervixiados en aras dunha maior seguridade sanitaria para o colectivo, admitindo a posibilidade de que se poida acceder a información da nosa vida cotián que resulte útil para detectar persoas que estiveran en contacto connosco e puideran ter contraído a Covid19 (ou viceversa). Calquera modificación da nosa actitude cara a novas técnicas empregadas para loitar contra o SARS-CoV-2 (ou outras posíbeis pandemias) debería basearse no ben común e garantindo sempre a nosa privacidade. Esa procura de datos debe partir sempre da presunción de inocencia. Dita información debe ser tratada con carácter preventivo, para alertar e rastrear os contactos de  alguén que resultou  positivo a Covid19, para evitar a expansión do virus. As novas tecnoloxías proporciónannos os medios para desenvolver estas técnicas garantindo a nosa privacidade. Pero sempre hai un risco: quen controla ao controlador? Deseñemos protocolos ben claros e creemos os mecanismos de control necesarios.

Servando López é médico do SERGAS
Farruco Graña é filósofo

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail