O magnate Manuel Fernández de Sousa e o mar de mentiras de Pescanova

O caso empezou en 2013 cando a auditoría se negou a asinar as contas da empresa. A entidade maquillara a contabilidade durante anos e agora o expresidente enfróntase a 28 anos de cárcere e 21 millóns de euros en multas que pide a Audiencia Nacional.

O xuízo de Pescanova inaugura a desescalada na Audiencia Nacional despois do parón pola COVID-19. O caso estalou fai sete anos cando a compañía non puido presentar o balance xeral ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). De debaixo das pedras saíron á luz operacións falseadas durante cinco anos, encabezadas polo que foi o presidente, Manuel Fernández de Sousa, e nas que están involucradas 18 persoas máis, entre elas, a súa familia.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

A Fiscalía Anticorrupción pide case unha trintena de anos de prisión para Fernández de Sousa por un total de 8 delitos, a lista é profunda: falseamento de contas, falseamento de información económica e financeira, falsidade en documento mercantil, estafa, insolvencia punible, alzamento de bens e branqueo de capitais. Ademais, 21 millóns de euros en multas. Segundo o auto do instrutor, a vintena de acusados enganaron a bancos e acredores ocultando unha débeda millonaria para poder conseguir financiamento. Nestas prácticas insólitas da que foi a maior empresa pesqueira de Europa participaron a súa muller e o seu fillo.

A Rosario Andrade, a parella do expresidente de Pescanova e segundo reflicte o auto do procesamento, atribúeselle un presunto delito de alzamento de bens ou branqueo de capitais. Cando o escenario estaba a poñerse feo para a empresa matriz, Andrade procurou enviar a través dunha sucursal de Valença (Portugal) 4,5 millóns de euros. Ao seu sucesor, Pablo Fernández Andrade, impútaselle os delitos de falseamento de contas, falseamento de información económica e financeira e delito de estafa.

Ademais, o xuíz instrutor do caso, José de la Mata, indica que as persoas do equipo de confianza de Manuel Fernández de Sousa eran os «máximos responsables» da información financeira e participaron «dunha ou outra forma» na estratexia do presidente. A Audiencia Nacional desestimou os recursos que presentou a exdirectiva da entidade e deu por terminada a instrución do caso. De la Mata recolleu que a cúpula de Pescanova artellou un «sistema piramidalinsostible» para poder facer fronte ás débedas. Entre eles, o irmán do presidente, Fernando Fernández de Sousa-Faro, que formara parte do órgano de administración de Pescanova; o xefe de Auditoría Interna, Joaquín Viña Tamargo; Alfredo López Uroz, o director de Administración; o xefe de Contabilidade, Anxo González Domínguez; Alfonso García Valvo, o Xefe de Servizo, o director financeiro da filial PESCAFINA SA, Carlos Turci Domingo…

Nun anómalo golpe de temón, conseguiron traicioar aos investidores, accionistas, acredores e organismos reguladores. En 2012 ocultáronse ata 1.939 millóns de euros de débeda bancaria. A cúpula encargábase de obter financiamento dos bancos para tapar os buracos de perdas millonarias que non se reflectían despois nas contas anuais da entidade. Desta maneira, cando Pescanova declaraba nos documentos de 2011 un balance de 16 millóns de euros, a cuantía real era unha perda de 290 millóns.

Por que empezaron estas prácticas? Entre 2007 e 2013 a empresa levou a cabo un forte investimento, por un importe de oitocentos millóns de euros co obxectivo de pasarse ao negocio de acuicultura de lagostino, salmón e rodaballo. Estes investimentos cubríanse principalmente mediante créditos da propia compañía, de Pescanova e tamén da sociedade NovapescaTrading. Pero a partir de 2010, a compañía comezou a recorrer a financiamento externo e como consecuencia aumentaron os préstamos bancarios. A débeda foi crecendo e non se xeraron fluxos de caixa positivos.

A empresa matriz naufragou en plena crise económica en España, nunha «situación histórica de racionalización e restrición de crédito bancario», segundo sostén De la Mata. Por iso, necesitaban ser de novo financiados, como a carioca que se morde a cola. Provocaron un dos maiores concursos empresariais da historia de España sendo as entidades financeiras as máis prexudicadas. No concurso a banca tomou unha quita de 2.000 millóns de euros co fin de dar continuidade á empresa reestruturándose como Nova Pescanova.

Fernández de Sousa sinala aos demais

Fernández de Sousa cualificouse como «o maior prexudicado» e lavouse as mans botándolle as culpas a BDO, a empresa auditora. Tamén á CNMV por non repasar as contas de BDO por se existían irregularidades e contou que foron os bancos os que se beneficiaron grazas a Pescanova. «A ninguén se lle escapa que o que faciamos non era regular, estou seguro que moitas empresas en España usaron o mesmo sistema», dixo o expresidente.

Como outras amizades con grandes figuras que terminan no cárcere, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e Fernández de Sousa tiñan vínculo directo. De feito, o presidente de Pescanova conseguiu que o Goberno autonómico cancelase o emprazamento dunha depuradora a uns centos de metros dunha das piscifactorías de Fernández de Sousa para que non embazase a imaxe do seu produto. A iniciativa da Consellería do Mar tiña por obxectivo paliar un problema dos mariscadores, pero finalmente Feijóo anunciou que atoparían outra instalación. Os veciños de Morás, en Xove, na costa do Lugo, viron de lonxe como o barco daba media volta.

Unha soa chamada cumpría os desexos de Fernández de Sousa e por suposto, encargouse de ter do seu lado aos medios de comunicación. Foi o patrón da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, que leva o nome do propietario do grupo La Voz de Galicia. Inxectaba con grandes campañas de publicidade ao resto de diarios galegos. Esixía o que fose favorable para a súa imaxe, por exemplo, cando secuestraron a un palangrero de Pescamar, unha filial de Pescanova, que tiña na súa tripulación a dous mariñeiros galegos. En Galicia os medios non deron bombo ao suceso e a información non foi publicada. Tamén esixiu que, no caso de difundir as fotos, se ocultase o logotipo do seu grupo.

Despois de todo, o xuízo comezou o pasado 2 de decembro e viuse interrompido polo coronavirus, pero este luns sentará no banco a Fernández de Sousa e desfilarán ante o xuíz case a vintena dos seus socios. Aínda despois de todos os delitos que se lle imputan, durante este tempo continuou a súa vida fóra de cárcere dedicado á acuicultura. É o xefe de operacións da empresa saudita Naqua, levando a cabo ambiciosos proxectos de piscifactorías. A fama de bo xestor de Fernández de Sousa afundiuse con Pescanova e dos restos queda a sentenza da Audiencia Nacional.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail