Só unha rapaza

Get ready with me mentres fago o meu morning shed! Cinta bucal para non respirar pola boca, máscara de coláxeno para evitar as engurras, gorro de seda para protexer o cabelo, rulos na cabeza para eses rizos sen calor. Taping facial para as engurras. Retinol para as engurras. Baby botox para as engurras. Skincare de doce pasos. Smoothie verde, té verde, ensalada da deusa verde. Ninguén fala do difícil que é perder eses últimos kilos de máis. Debería probar Ozempic, Wegovy ou Mounjaro? Non quero ser unha vaca, quero un corpo de bikini. Thin is in. Nada sabe mellor que a sensación de estar delgada. Máis té verde. Bebe té verde coma se fose toda a túa personalidade. Porcións pequenas. Máis pequenas. Evita os procesados. Prohibidos os procesados! Coidado coa froita, ten moito azucre. Teño que atopar a roupa que máis me estilice. Que estación de colorimetría son? Inverno? Inverno intenso? Primavera luminosa? Outono cálido? Mira esta celebridade que non viste acorde coa súa estación. Ves que horror? Cal é o meu tipo de corpo Kibbe? Son unha dramática, unha gamina, unha natural? Ti viste acorde ao teu tipo de corpo para estar o máis guapa posible. Viste elegante. Viste coa estética old money. Viste con clase. Viste como visten as clases altas. Viste con este outfit estilo old money de Shein. Completa o teu look con esta maquillaxe «non-maquillaxe». Estética de chica limpa. Clean girl aesthetic. Que non se note que levas maquillaxe cando levas maquillaxe. Que non se note que te esforzaches. Cousas de alto mantemento que fago para parecer de baixo mantemento. Rutina de 21 pasos para parecer guapa de forma natural. Como parecer guapa sen esforzo sen que os demais saiban que me esforcei por parecer guapa? Son guapa? Son guapa como unha fada, unha serea, una bruxa ou unha vampira? Son guapa coma unha cerva, unha coella, unha raposa ou unha gata? Son guapa, son mona ou son sexi? Son guapa? Dime, son guapa? Por favor, dime que son guapa. Dime que son unha muller de alto valor. Son unha muller de alto valor? Tips para ser unha muller de alto valor. Para ser unha muller de valor ter que respectarte a ti mesma. Os homes respectan as mulleres que se respectan a si mesmas. As mulleres que se respectan a si mesmas non perseguen, non levantan a voz, non desexan. Non desexes, non persigas, só atrae. Estate quieta e atrae. Atrae co teu divino feminino. Para ser unha muller de alto valor tes que estar en contacto co divino feminino. Unha muller de alto valor sabe relaxarse na súa enerxía feminina. Unha muller de alto valor necesita un home de alto valor. Un home de alto valor é un home masculino. O home de alto valor lidera, prové, coida. Como atraer un home de alto valor? Non quero un princeso, non quero un home feminino, non quero un beta. Os homes agora son uns princesos, non abren as portas, non pagan a cea, non lideran, non provén, non coidan. Necesito un home de alto valor, un home masculino, un alfa. Desde que atopei un home de alto valor podo relaxarme. Podo deixar de pensar. Non penso cando estou co meu home de alto valor. As chicas non precisamos pensar cando temos un home masculino. As chicas non necesitamos pensar. Pensar é para os homes. Homes fortes, masculinos, alfas. As feministas tiveron o capricho de traballar e agora teño que ir á oficina en vez de quedar na casa relaxándome na miña enerxía feminina. E eu son só unha rapaza. Soy solo una chica. I am just a girl. Non, en serio, I am just a girl. Trad wife era. Princess era. Por que teño que traballar? Non quero ir á oficina, quero ir a pilates e ir tomar un café. Quero quedar na casa e non traballar. Antes de que as feministas protestaran, as mulleres non traballaban. Quedaban na casa e pintaban as unllas e ían de compras. E non pensaban. As mulleres antes non pensaban. Non quero traballar. Non quero pensar. Quero quedar na casa facendo o meu morning shed. Cinta bucal, máscara de coláxeno, gorro de seda, rulos, taping facial, skincare, té verde, retinol, smoothie verde. Porque son só unha rapaza. Non entendes? Unha rapaza. unha rapaza. Unha chica, unha nena, un bebé. Só unha rapaza que non come, que non traballa, que non desexa, que non envellece, que non protesta, que non pensa. Que só se esforza para parecer que non se esforza. Son guapa? Por favor, dime que son guapa. Quéresme? Por favor, dime que me queres. Dime que me queres. Necesito que me queiras. Son só unha chica. Necesito que me queiras.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail