Visto o visto en Madrid, e tendo en conta que todo se pega, non sería de estrañar que moitos dos slogans da pasada campaña acaben adaptándose ao día a día de Galicia. Que se note que as hordas de visitantes ás nosas costas no verán deixan algo de pouso. Aínda que aquí non se poida saír á rúa cando queiramos, non vaiamos nin a cines nin a teatros, e mesmo nos atopemos coas nosas exparellas se imos camiñando pola rúa.
Así, en Galicia non sería difícil imaxinar a Feijóo dicindo que «ou Lei de saúde ou caos», ou a Gonzalo Caballero predicando dende a tribuna do Parlamento «Lei de saúde ou liberdade». Ben pensado, e cada un co seu estilo, xa o fan.
Feijóo segue a defender contra vento e marea a súa modernización da Lei de saúde, o único modo de sobrevivir á pandemia cando o Goberno central deixe as comunidades desamparadas sen estado de alarma. En Galicia pasamos de escoitar como era un elemento arcaico, inservible, e de estar en contra del, a velo como algo útil, suxeito a prórrogas e o único mecanismo para facer fronte ao coronavirus. E despois por que din dos galegos que somos desconfiados… Cústanos probalo de entrada, pero unha vez que vemos que non é malo, que non nolo quiten… O estado de alarma de Schrodinger. É malo e bo á vez.
Recentemente escoitamos o presidente da Xunta secundar unha idea de Urkullu. Recentemente, e non tan recentemente. É algo bastante habitual. Cando se adiantaron as eleccións autonómicas, tamén. E cando se atrasou o adianto, tamén. E cando se puxo unha nova data… pois tamén. Pero o último apoio a unha idea do lehendakari foi ampliar o estado de alarma dous meses máis.
Un escoita o que se di, o que se dixo, e sobre todo, o que se fixo, e non termina de saír do seu asombro. Vale, a estas alturas non nos imos sorprender de que un dirixente diga moi convencido que o ceo é gris e que logo nos faga crer que ese mesmo ceo é rosa. Pero cando houbo feitos consumados, as cousas cambian.
Sorprendía escoitar o propio Feijóo augurando o caos cando remate o estado de alarma alegando que as autonomías non terían medios para aplicar certas normas. Que non se podería confinar á poboación se isto fose necesario. Viaxemos no tempo, pero tampouco moito.
Campaña electoral. A do verán de 2021. Porque a de abril resulta que se suspendeu sen estado de alarma. Que cousas! Insisto, xullo de 2021, xa sen estado de alarma, co país nesa nova normalidade que Galicia tivo présa por estrear. Viaxemos á comarca da Mariña. Un brote de contaxios derivado das festas de San Juan. A incidencia disparada. E o comité de expertos decidiu que era conveniente illar a eses municipios. Fíxose. E non pasou nada. Mecanismos, habelos, hailos. Como as meigas.
A falta de instrumentos xurídicos (sempre segundo a Xunta), o comité de expertos presenta un novo plan de desescalada, cun nivel mínimo de restricións, moi similar á nova normalidade. E coa advertencia de que os municipios seguirán movéndose entre os diferentes niveis en función de como evolucionen os seus indicadores.
Feijóo ten razón en que o traballo en materia de lexislación por parte do Goberno central foi máis ben escaso, por non dicir nulo. Non variou un chisco a normativa dende que comezou a pandemia. Pero moitos dos expertos que se pronunciaron lémbranlle que coas leis vixentes en Galicia (e non coa Lei de saúde paralizada no Constitucional) ten ferramentas para capear o temporal.
Aínda que visto o visto, para que complicarse. Igual ata era mellor abrilo todo e poder dicir aquilo de que en Galicia tamén hai liberdade. Xa é hora de que os galegos poidamos ir a teatros e a museos. Que se non, todo o talento seguirá marchando a Madrid. En Galicia a xente tamén quere ir tomar unha cervexa e á discoteca ao saír de traballar. Pero ollo, que igual aquí, si que nos atopamos ás nosas exparellas. Que non temos tanta liberdade.