Durante as últimas semanas as probas para detectar o coronavirus SARS-CoV-2 convertéronse en tema de faladoiros televisivos e discusións, armas que guindar en liortas entre partidos e ata en reivindicacións laborais. Non debería ser así. As probas de diagnose non son un tema de opinión e deben utilizarse con criterios clínicos e epidemiolóxicos, utilizando a información científica dispoñible. Debemos saber para que se fai cada test, que información dá e que se vai facer con ela. Interpretar un resultado fóra de contexto é perder tempo e recursos. Ou, peor aínda, xogar á ruleta.
A técnica de PCR levada a cabo a partir de mostras nasofarínxeas, coas súas limitacións, é unha proba de diagnose. É a máis directa, porque detecta a presenza de ARN viral. Na maioría dos pacientes, o ARN do virus pode atoparse entre catro e sete días tralo inicio da infección, e mantense en niveis detectables entre dúas e cinco semanas.
Con este intervalo de tempo, a proba serve para confirmar a diagnose en pacientes con síntomas, ou para detectar persoas infectadas entre aquelas que tiveron contacto con pacientes infectados, pero non como ferramenta para o desconfinamento. A razón é sobre todo práctica: unha persoa pode ter un resultado negativo hoxe, que pode ser positivo mañá ou pasado, pero é inviable facer PCR semanais a toda a poboación.
A estratexia de PCR masiva aplicouse con éxito en Corea do Sur, pero non ía dirixida a toda a poboación nin era aleatoria, senón que buscaba activamente, trazando os datos de localización de teléfonos móbiles e tarxetas de crédito, ás persoas cunha maior exposición a outros infectados. Trátase dunha estratexia masiva pero dirixida e, todo hai que dicilo, bastante intrusiva.
As probas «rápidas» teñen limitacións
Por outra banda están as famosas probas rápidas ou inmunocromatografías. Hai dous tipos: as que detectan directamente o virus e as que detectan os anticorpos desenvolvidos contra o virus durante a infección.
As que detectan directamente o virus poden descartarse porque non teñen, nin poden ter, sensibilidade suficiente sen un sistema de amplificación do sinal, bioquímico, electrónico ou de calquera outro tipo (recomendación da OMS).
A xulgar polo que se publica nos medios, parece que sexan as probas rápidas que detectan anticorpos as que o van resolver todo. Con todo, neste momento, non deben utilizarse para diagnosticar (recomendación da OMS). Durante o último mes saíron ao mercado ensaios de decenas de marcas comerciais con sensibilidades moi diferentes, algúns francamente deficientes.
As principais limitacións son baixa sensibilidade e reaccións cruzadas cos coronavirus humanos clásicos. Tampouco deben utilizarse para identificar as persoas inmunizadas, a estratexia do chamado «pasaporte inmunolóxico». Aínda que estamos aprendendo moito e moi rapidamente, aínda non sabemos o suficiente acerca da resposta inmunitaria na Covid-19. Sabemos que hai pacientes que pasaron a infección, con PCR positiva e con síntomas, que non chegan a dar resultados positivos nas probas rápidas, pero non sabemos que fracción do total son.
Hai quen argumenta que, aínda que o resultado negativo sexa pouco informativo, polo menos o positivo si indicaría que o individuo pasou a infección e desenvolveu inmunidade. Pero tamén isto é unha incógnita: a presenza de anticorpos en sangue non indica necesariamente que sexan protectores. Isto pode resultar difícil de entender, pero hai que recordar, por exemplo, que as persoas infectadas por HIV teñen anticorpos anti-HIV e non son inmunes ao virus. Ou que as persoas que padeceron un dengue poden ter anticorpos do dengue que, paradoxalmente, son un factor de risco para padecer outras formas máis graves da enfermidade no caso de que ocorra unha segunda infección.
Útiles en estudos de seroprevalencia
Pese ás súas limitacións, estas probas si poden utilizarse para estudos de seroprevalencia, que buscan medir a fracción da poboación que pasou a infección. Pode medirse a súa fiabilidade en grupos ben caracterizados e logo, coñecendo esas limitacións, os epidemiólogos poden corrixir as estimacións obtidas en poboación xeral e utilizalas para o deseño das políticas de Saúde Pública e os calendarios de desconfinamento.
A situación está evolucionando moi rapidamente. Conforme a pandemia avanza, grupos clínicos e de investigación de todo o mundo aportan novos datos sobre a enfermidade ou traballan validando probas, tanto rápidas como clásicas (ELISA, inmunoensaios), máis lentas, pero máis precisas. Probas si, pero sabendo cales e para que.
rupo de Investigación de Microbiología Molecular do Hospital Universitario La Paz, Instituto de Investigación Sanitaria do Hospital Universitario La Paz (IdiPAZ).
Este artigo foi publicado orixinalmente en The Conversation. Le o orixinal.