Charanga para uns xubilados rebeldes

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Os jodéis y os calláis
Así es la vida
no sé de qué os quejáis
Así es la vida
qué cojones queréis
Así es la vida
me estáis manchando la alfombra
La Polla Records. «Así es la vida»

(VOZ PRINCIPAL) «Si no eres del pepée, jódete»

(TODOS) «¡JODETÉ!»

«¡Qué ganas de hacerles un corte de mangas de cojones y decirles: ‘Pues os jodéis’!»[1]. Carmen Martínez de Castro, unha das catro mulleres que Rajoy considerou «claves» na súa chegada á Moncloa, abandonou esta fin de semana a golpe de exabrupto o anonimato que aínda a diferenciaba de Soraya, Cospedal e Ana Pastor (a orixinal). Por unha desas confluencias astrais, aconteceu case ao mesmo tempo do outing que Anxo Lugilde decidiu facerlle á súa homóloga en San Caetano. A diferenza é que Mar Sánchez xamais cometería un erro dese calado (nin empregaría tal vocabulario) en público.

(VOZ PRINCIPAL) «Si no eres del pepée, jódete»

(TODOS) «¡JODETÉ!»

Martínez de Castro vén cobrando dende que chegou ao cargo 110.000 euros brutos anuais. Son 30.000 máis dos que percibe (en branco) o seu xefe. Supoño que a diferenza débese a que Carmen si lembra os nomes dos alcaldes. Entendo, polo tanto, que a ela esas cousas de pobres preocupados polas súas pensións non lle produzan demasiada empatía. É probable que sexa desa xente que pensa que as condicións precarias dos novos empregos que se contrapoñen dende hai tempo ás caídas do paro son un invento dos sindicatos.

(VOZ PRINCIPAL) «Si no eres del pepée, jódete»

(TODOS) «¡JODETÉ!»

Como o vídeo se viralizou, houbo moitos que resgaron as vestimentas e puxeron o berro no ceo polo que unha servidora pública expresaba daqueles que, durante tanto tempo, cotizaron para pagarlle –e ben– o seu xornal. Pero aí está o seu erro. Igual que Andreíta Fabra, deputada por méritos propios, dirixiu o seu contundente «Que se jodan» á bancada socialista, e non aos parados que ían ver recortados os seus dereitos por obra e graza da maioría popular no Congreso, o corte de mangas anhelado por Martínez de Castro non iría dirixido ao conxunto dos pensionistas, senón a aquel grupiño que amolaba a chegada do presidente a Alacante: ese fato de desagradecidos que non bican os pés dos nosos gobernantes por todo o que fan por nós.

(VOZ PRINCIPAL) «Si no eres del pepée…»

Cabréanse con eles porque saben que son a excepción. Porque a maioría dos pensionistas non son así (e non falemos de Galicia: non hai máis que ver o aspecto triste e testemuñal das mobilizacións galegas comparadas coas do resto do Estado). Entrarían máis ben naquilo que Miguel Anxo Fernán-Vello definiu, tamén con enorme rebumbio, como «escravos que votan ao amo, ao cacique, ao que manda, aos de sempre. Pobo alienado e ignorante». Claro, para eles non hai cortes de mangas. Eses non manchan alfombras.

(TODOS) «¡TE VUELVES A JODER!»

A oposición, que seica aínda existe, pediu a dimisión de Martínez de Castro nese ritual que os obriga a traballar incluso en domingo. Fíxoo con ben pouco convencemento, e non me estraña. Seguro que ninguén gardou durante unha década algún vídeo comprometedor dunha muller que nos fixo sentir os efectos dun corte de mangas só con desexar facelo. Sen ter que mover un dedo. Ata niso se parece a Rajoy.

[1] En español no orixinal. (N. do A.)

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail