Os anos tolos do Feijóo sindicalista que promovía peches e durmía sobre as moquetas da sede da Xunta

O novo presidente do PP tivo un pasado reivindicativo no que chegou a encerrarse nas dependencias da Administración autonómica co ex alcalde da Coruña, Carlos Negreira

A Coruña.- Alberto Núñez Feijóo non gañou as súas primeiras eleccións no 2009, como di Wikipedia. Anos antes de que o presidente da Xunta de Galicia construíse esa imaxe de xestor de dereitas moderado e ben parecido que o levou á presidencia do principal partido da oposición no Estado, tivo un pasado reivindicativo e de exitosa loita sindical que moitos funcionarios compañeiros de carreira lembran agora con xúbilo.

Recentemente contratado como interino na Xunta tras rematar a carreira de Dereito, Feijóo convocaba folgas, manifestábase con pancartas fronte ao Parlamento de Galicia e mesmo chegou a asaltar o despacho dun alto cargo xunto ao seu amigo Carlos Negreira, tamén avogado e que co tempo chegaría a ser alcalde da Coruña polo PP.

«Ao principio era un sindicalista como todos nós, reivindicativo e cañeiro, pero en canto empezaron a chamalo aos despachos foi cambiando», conta a Luzes-Público Xan Carlos Ansía, delegado da Confederación Intersindical Galega (CIG) na administración pública galega e quen compartiu con Feijóo aquelas loitas. «Tanto a Negreira como a el comezaron a gustarlles as moquetas e decatáronse de que lles resultaba máis rendible arrimarse ao poder».

Páxina de “El Correo Gallego” de marzo de 1988. Na foto, Feijóo é o primeiro pola dereita.

Ansía é o autor dun boletín sindical da CIG do ano 2012 no que relata que Feijóo, aquel pequeno nado nos Peares «que non saía a xogar cos outros nenos da aldea porque había que estudar e que pasou interno nos Maristas de León dos dez aos catorce anos», antes de iniciar a súa carreira política «tivo inquietudes sindicais».

En 1988, tres anos despois de acceder como interino aos servizos xurídicos da Xunta, Feijóo encabezou a candidatura da Asociación de Funcionarios Interinos e Contratados Administrativos (Afica). Gañou as eleccións sindicais dese ano, e foi elixido delegado de persoal nos servizos centrais de San Caetano. Mantivo ese posto ata que José Manuel Romay Beccaría, ex ministro de Sanidade, o nomeou secretario xeral técnico da Consellería de Agricultura.

«O punto álxido da etapa sindicalista de Feijóo supuxo todo un desafío ao Goberno da Xunta de entón», o tripartito presidido polo socialista Fernando González Laxe. Afica, con Feijóo e Negreira á fronte, convocou unha folga e un peche en San Caetano cuxa reivindicación principal era a estabilidade laboral para o persoal interino. «Foi naquel peche, a véspera da aprobación da Lei da Función Pública de Galicia no Parlamento o 10 de maio, cando Feijóo e Negreira durmiron sobre unha moqueta».

Páxina de “Faro de Vigo” de marzo de 1988. Feijóo é o segundo pola dereita.

«En realidade, tanto Feijóo como Negreira eran xa uns trepas. Nós esixiamos melloras sociais e laborais que eles apoiaban porque o que buscaban era acceder á carreira de funcionarios, pero non porque lles interesaran o máis mínimo aquelas reivindicacións», conta Ansía. «Moitos anos despois, cando xa era presidente de Correos, Feijóo veu a unha visita oficial a San Caetano un día que convocaramos unha concentración da CIG. Viume coa pancarta, achegouse e díxome: ‘Pero aínda seguides aquí coas pancartas?’. Eles só collían a pancarta cando lles conviña».

A pesar de que xa tiña un traballo como interino nos servizos xurídicos da Xunta, Feijóo seguía facendo en Santiago vida de estudante e compartindo piso con outras dúas ou tres persoas.

Feijóo, na súa orla da Facultade de Dereito.

Outro compañeiro xurista que entrou de interino con el na mesma época lembra que o agora presidente do PP non tiña unha situación financeira «nada boiante». «Debiamos cobrar unhas 140.000 pesetas ao mes –uns 841 euros da actualidade, que serían 2.700 actualizando a renda de acordo ao crecemento do custo da vida desde entón–. Era un soldo moi bo, pero el tiña que manter a súa familia, porque o seu pai estaba no paro e a súa irmá tamén estaba a estudar», asegura esa fonte.

Outros compañeiros de carreira funcionarial de Feijóo lémbrano como un tipo austero, «dos que saían pouco de noite» e que, cando o facían, «non tomaba nin unha copa. Só bebía augas».

Recorte de “La Voz de Galicia” de xullo de 1988

Naquela época as páxinas de xornais como El Correo Gallego e Faro de Vigo publicaban informacións que recollían as reivindicacións dos interinos, con Feijóo en fotos en branco e negro a tres columnas, sentado nas mesas de negociación ou departindo cos seus compañeiros de sindicato.

En xullo de 1989, La Voz de Galicia sacou en portada a ameaza da Consellería de Presidencia de Laxe de abrir un expediente disciplinario á xunta de persoal da que Feijóo era secretario por asaltar o despacho do director xeral da Inspección de Servizos. Foi, iso, si, sen «violencia ningunha», contou o diario. Por certo, que Carlos Negreira, antes de que Feijóo lle propuxera ser alcalde da Coruña no 2011, prestou servizos durante anos no departamento xurídico da empresa que edita ese xornal.

Sinatura de Feijóo na acta da primeira reunión da xunta de persoal da Xunta de Galicia, en xaneiro de 1988.

Os anos sindicalistas de Feijóo duraron pouco. Da Consellería de Agricultura pasou a secretario xeral de Sanidade, tamén con Romay, e de aí ás fotos con Marcial Dorado, a cuxas gasolineiras o departamento de ambos empezou eses mesmos anos a comprar o combustible para as ambulancias e para a calefacción dos hospitais públicos da comunidade.

Despois chegou a súa etapa madrileña como número dous do ministerio de Romay e presidente de Correos, na que mesmo se puido ver a Feijóo faranduleando coa jet-set. Unha noite ata lle sacaron unha foto con Isabel Preysler na presentación do libro Un divorcio elegante. Por certo, que se saiba el nunca se divorciou nin casou, aínda que se lle coñecen varias parellas previas á actual, coa que ten un fillo.

Feijóo con Isabel Preysler.

Feijóo volveu a Galicia no 2004, e a partir de aí pareceu esquecer o seu pasado sindical. A Xunta empezou a multiplicar os seus contratos con Eulen, da que a súa irmá era apoderada, sobre todo a partir do 2009, cando el gañou as súas primeiras eleccións. Se non se contan aquelas sindicais de 1988, claro.

Desde entón, segundo contaba a CIG hai dez anos, Feijóo tamén esqueceu o seu pasado reivindicativo: «Na Lei de Medidas no Emprego Público promovida por Feijóo hai un ataque brutal contra o colectivo interino, ao que se prevé reducir un terzo do seu horario e do seu salario. Consecuentemente, pódese entrever un certo complexo pola súa anterior condición de interino e unha actitude de desprezo cara a este colectivo».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail