Expertos e ecoloxistas denunciaron que o proxecto de ampliación da vía de acceso a San Pedro de Rocas, en Esgos (Ourense), declarado ben de interese cultural, foi falsificado para evitar restricións legais
A Coruña.- A Fiscalía vén de abrir dilixencias penais á Deputación de Ourense e á Xunta de Galicia polas irregularidades detectadas no proxecto de ampliación da vía de acceso ao mosteiro de San Pedro de Rocas, no concello ourensán de Esgos, na Ribeira Sacra. É o mosteiro máis antigo de Galicia e foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1999.
O proxecto de ampliación da estrada está promovido pola Deputación de Ourense e apoiado pola Consellería de Cultura do Goberno de Alberto Núñez Feijóo.
A Fiscalía atende así as denuncias da asociación Amigos da Terra e da Fundación Moreiras San Pedro de Rocas, que alertaron de que desdobrar a vía obrigará a derrubar muros e arquetas do camiño medieval de acceso ao mosteiro, a desmontar un cruceiro tamén declarado BIC e a talar máis de medio cento de árbores.
Ademais, ambas organizacións advertiron de que a Deputación presidida por Manuel Baltar, do PP, falseara na súa documentación técnica o trazado do proxecto, para simular que as obras se ían realizar nun tramo diferente ao que realmente vai ser executado. Sobre ese proxecto baseouse a autorización da Xunta, que en dúas ocasións anteriores rexeitara a ampliación da vía.
Segundo a propia Xunta, é un dos templos cristiáns máis antigos que se coñecen. En 1923 foi declarado monumento histórico-artístico nacional, e as cen hectáreas de bosques que o rodean tamén foron declaradas paisaxe de interese cultural, e polo tanto BIC, en 2018.
Segundo puido saber Luzes-Público, o fiscal considera que da actuación da Xunta e da Deputación de Ourense, que xa iniciou as obras, existen indicios dun delito contra o patrimonio histórico, penado con ata tres anos de prisión polo Código Penal.
Amigos da Terra lembrou esta mañá nun comunicado que é unha obriga das administracións públicas «defender o conxunto dos bens patrimoniais (arqueolóxicos, históricso, monumentais, xeolóxicos, a paisaxe, a biodiversidade…) de San Pedro de Rocas».
«O conxunto do Couto de Rocas é o espazo de máis valor da Ribeira Sacra, un dos conxuntos patrimoniais de máis valor de Galicia, polo que a súa correcta protección e conservación é unha obriga de todos e de todas».
«Agardamos que tanto a Deputación de Ourense como a Xunta de Galicia reflexionen e modifiquen o proxecto co fin de conservar os BICs do Couto de San Pedro de Rocas de maneira integral», conclúen.