O porno que nos (mal)educa

Frustracións, incapacidade para explorar o propio desexo e reprodución dos vellos roles de xénero son algunhas das consecuencias que comporta a exposición ao porno desde idades temperás. Coa rapazada accedendo cada vez máis a estes contidos e desde unha idade  máis temperá é indispensable, segundo os expertos, facilitar nas aulas unha educación afectivo-sexual saudable, que forme as persoas na procura do pracer e derrube estereotipos machistas e heterosexuais.

Morena de tetas grandes, Rubia tetona, Sexy latina. Os títulos dos portais de porno gratuíto que abondan en Internet deixan pouco á imaxinación. «Estatisticamente o porno é machista, misóxino, androcéntrico, violento e heterosexual», critica Sara Vierna, formadora especializada en xénero e educación emocional. «Se a entidade que máis poder ten é Internet, quen vai educar vai ser o porno», lamenta. Así, as ficcións nas que as mulleres adoptan roles submisos para compracer a uns homes sempre dispostos para o sexo van construíndo o imaxinario dos e das adolescentes.

O consumo deste tipo de porno sen recibir unha correcta educación afectivo-sexual dende a infancia tradúcese na reprodución de roles e estereotipos de xénero. Uns roles que se van adoptar, en primeiro lugar, á hora de ter relacións sexuais: «elas tenden a optar por roles pasivos, por consentir prácticas que non queren nin desexan (…) e eles, ao velas como un obxecto, van abusar», explica Sara Vierna.
Pero estes roles transcenden o ámbito privado e traspasan todos os ámbitos e todas as idades. Segundo o estudo Observatorio da Violencia 2.0 entre a xuventude galega elaborado pola área de Método de Investigación e Diagnóstico en Educación (MIBE) da Universidade de Santiago en 2018, en Galicia o 20,8% de adolescentes controla a parella nas redes sociais e un 10,8% colle o móbil da parella «para ver chamadas e inspeccionalo».

Dúas cifras que están lonxe de representar todas as formas nas que se expresa o machismo, pero que permiten cuantificar unha pequena parte das situacións que observa Igone Plágaro no seu colexio de Ourense. Esta mestra do CEIP O Couto di estar «preocupada como nai e como docente». Aínda que ela si fala con naturalidade da sexualidade ao seu alumnado e ao seu fillo de 12 anos, ve como para moitas familias do centro «segue a ser un tema tabú». «Non terminamos de entender que coa sexualidade nacemos».

A educadora Sara Vierna.

Coincide con estas impresións Sara Vierna, que conta que algúns pais e nais acoden a ela só cando detectan algún «perigo». «As familias teñen a urxencia de falar deste tema cando ven que hai un problema», como por exemplo cando detectan que o seu fillo ou filla comeza a ver porno. Isto adoita ser, de media, sobre os 12 anos, segundo o informe (Des)información sexual: pornografía e adolescencia publicado por Save The Children en 2020. Outros estudos, como Nova pornografía e cambios nas relacións interpersoais publicado pola rede Jóvenes e Inclusión, sitúan ese primeiro contacto antes, arredor dos 8 anos (aínda que a esas idades se trata de imaxes non buscadas). Tamén se adiantou a idade media da primeira relación sexual: pasou dos 17 anos (en 2016) aos 16,2 (en 2020), segundo o Informe da Xuventude en España do ano pasado.

Aí, en plena adolescencia, adoita ser o momento no que se aborda o tema da educación afectivo-sexual, pero «é difícil deconstruír todo cando tes 12 anos», opina Vierna, que engade: «a educación sexual abarca todo o que é ser persoa (…), isto debería de baixar ao minuto cero da infancia e non cando xa é un perigo».

Por iso é preciso contar cunha regulación e unha lexislación que obrigue a incluír nos currículos unha educación afectivo-sexual integral dende a infancia, tal e como instan dende Nacións Unidas, que falan da «existencia dunha necesidade urxente de educación sexual de calidade». No Estado español, a nova lei de educación LOMLOE (coñecida como Lei Celáa), aprobada o pasado ano, quere incluír a educación sexual en todas as etapas.

Imaxe do Comando Igualdade, o proxecto coeducativo do IES Alexandre Bóveda de Vigo que dá espazo á mocidade para que poidan facer preguntas sen tabús e atopar respostas, e onde é o propio alumnado quen sensibiliza e forma sobre igualdade de xénero e educación sexual.

Porque a educación afectivo-sexual abarca moito máis que falar de métodos anticonceptivos: a nosa forma de expresarnos, de sentir, a nosa identidade, orientación sexual, o consentimento… Todas as relacións que un suxeito ten consigo mesmo e co resto de persoas.

Porén, moitas persoas adultas e centros educativos móstranse reticentes a tratar temas tan básicos e transversais coma este con alumnado de infantil e primaria. A propia Sara Vierna viviuno en primeira persoa, e conta que hai familias que non levan os seus fillos e fillas a clase cando saben que toca un dos seus obradoiros. «Estar facendo tabú todo este proceso da identidade (…) leva a unha confusión total da persoa menor que logo pode traer problemas na adolescencia», lamenta.

Se ben é certo que si hai formación e obradoiros deste tipo en Galicia, esta educadora asegura que «non son suficientes nin o suficientemente profundos», e non son obrigatorios. Por outra parte, «o profesorado non ten formación». En Galicia, un 72,3% dos adolescentes consultados no estudo Nova pornografía e cambios nas relacións interpersoais recibiron educación sexual pero un 43,6 % di que non respondeu as súas preguntas, curiosidades e intereses, ou que o fixo só en parte.

Anotacións durante un obradoiro de formación afectivo-sexual de Sara Vierna.
Nova pornografía: máis violenta e a golpe de clic

A falta de educación sexual e o porno non son algo novo. Moito menos o machismo. Pero si mudaron as formas nas que se consume o porno e nas que se expresa o heteropatriarcado. «Ao ter dispositivos móbiles podemos estar conectados a esa narrativa sexual 24/7 (…) Non é que sexa máis machista, senón que temos acceso máis tempo e con moita máis facilidade», afirma Sara Vierna.

A profesora da Universidade da Coruña e feminista Rosa Cobo afirma que a chegada das novas tecnoloxías ao porno articula «novas formas de pracer e poder, pero tamén formas inéditas de violencia patriarcal». Escribiuno no prólogo do libro Pornografía e educación afectivosexual publicado en 2020, onde se fala de que existe unha Nova Pornografía Online (NPO). E se ben é certo que cada vez hai máis variedade nos tipos de corpos que se representan nas mulleres e nos homes (que aínda así teñen o requisito da duración das ereccións), as relacións sexuais en si seguen a representarse de forma estereotipada.

Un dos autores deste libro, Lluís Ballester, opina que o porno online fomenta «a cultura da violación», con numerosos «efectos tóxicos» como por exemplo «a multiplicación das violacións grupais, apoiadas e animadas dende foros de ‘machos’». «Creo que algunhas redes sociais e a pornografía son responsables de preparar o camiño e poñer as bases para que se realicen os actos violentos», conclúe.
«Creo que non se pode negar que as imaxes de sexo explícito xogasen un papel ao longo de toda a historia. Hai pornografía en Altamira, na Roma Imperial, na pintura de case todas as épocas… A diversidade corporal e de prácticas pode facilitar un desenvolvemento saudable da sexualidade», opina este doutor en Socioloxía e investigador de FAIA e da Universitat de les Illes Balears. Pero aclara: «o problema é que, xunto con esas cuestións, introducíronse outras que nos fan máis infelices: machismo, redución da empatía, violencia, prácticas de risco ou pornografía intantil».

Imaxe dun obradoiro de educación afectivo-sexual de Priscila Retamozo con alumnado de infantil.

Outra das características desta Nova Pornografía é que pode xerar unha especie de adicción ou habituación en quen a consome: «nós pensamos que a pornografía se pode comparar co alcol, polo menos en parte, por iso non é recomendable a ningunha idade, pero é especialmente pouco recomendable en menores de idade que aínda non teñen formado o seu imaxinario sexual». Como ocorre cunha droga, cada vez é preciso aumentar o nivel de consumo para conseguir os mesmos efectos, coas consecuencias e a dependencia que iso pode supoñer. Pero Lluís Ballester aclara que non hai consenso sobre se xera «adicción», por iso prefire falar de «superusuarios» cando se pasa dunha hora diaria de visionado de pornografía.

Para eses grandes consumidores de NPO «aumenta o machismo e a desconexión empática», indica Ballester, que engade que «ese efecto estáse producindo sendo os homes os que desconectan a súa empatía e as mulleres as que padecen os efectos desa desconexión».

E segundo o investigador, este tipo de pornografía busca producir unha escalada de conducta, pasando do porno á prostitución: «só unha pequena porcentaxe intentará satisfacer as súas fantasías, alimentadas polo porno, en prostitución, pero aínda que sexa menos dun 5% dos mozos, xa se trata de demasiados».

Falar dende o pracer, non dende o medo: o Comando Igualdade

O tema preocupa a educadores, sociólogos, pais, nais, pero tamén á propia xuventude. «Cando acudo ás aula é moito o alumnado que confesa o seu desacougo ante a falta de información, a existencia de presión social e os modelos tóxicos que imperan na pornografía», explica Priscila Retamozo, formadora en igualdade de xénero no ámbito da coeducación, a educación afectivo-sexual e a prevención da violencia de xénero.

Priscila Retamozo, nun dos obradoiros do Comando Igualdade.

«Teñen moitas preguntas, eu saio contenta das clases cando mudo as súas preguntas por outras. Teñen moito interese por saber posturas, a duración correcta, a idade na que hai que facelo… pero non preguntan por conceptos moitísimo máis importantes: en que condicións quero ter as miñas primeiras experiencias sexuais compartidas? Como fago para non deixarme levar pola presión grupal, senón polos meus ritmos persoais?», conta.

Priscila Retamozo é tamén coordinadora, xunto con Chis Oliveira e Ana Álvarez, do Comando Igualdade. Trátase dun proxecto coeducativo do IES Alexandre Bóveda de Vigo que naceu coa vontade de darlle espazo á mocidade nas aulas para que poidan facer preguntas sen tabús e atopar respostas, e onde é o propio alumnado quen sensibiliza e forma sobre igualdade de xénero e educación sexual.
Esta iniciativa leva xa dez anos en marcha, un tempo no que a sociedade mudou para ben, e para mal. «Fai dez anos as redes sociais non tiñan o peso que teñen hoxe en día na socialización da mocidade, non moitas rapazas novas se definían como feministas como observo nas aulas actualmente, pero tampouco estaban tan en voga discursos machistas como os da ultradereita (…) Na actualidade parece que hai que loitar ademais contra o ‘pin parental’ e con que se terxiverse o que se ensina nas aulas coeducativas», explica Priscila Retamozo.

Que sexa xente da mesma idade quen imparte as formacións é moi positivo, e é que hai que achegarse a estes temas «non dende o adultocentrismo, senón dende o acompañamento», di. Opina tamén que é fundamental mudar o foco e «falar dende o pracer e non dende o medo».

Coincide con ela Uxía, outra integrante do Comando Igualdade, que opina que as relacións sexuais non deberían enfocarse coma un «perigo». Uxía, que ten 17 anos e acaba de rematar segundo de Bacharelato, conta que o que sabe de educación afectivo-sexual débese só ao Comando Igualdade. Na súa opinión, as formacións que se fan no instituto «son charlas dunha ou dúas horas nas que non se trata nada importante». Un tempo que ela considera insuficiente: «necesitas crear unha confianza coa persoa que che dá a charla, ás veces non sabes nin que dúbidas podes ter».

Ela constata que existen roles de xénero na súa xeración, sobre todo á hora de relacionarse en parella ou nas relacións sexuais. «Noto que moitos homes non teñen realmente en conta á outra persoa», resume.

Nos obradoiros que imparte Priscila Retamozo falan longo e tendido de relacións sexuais e de porno, algo imprescindible xa que hai que «desfacer moitos mitos, moitas mentiras, moita presión que están inoculando na xuventude dende moi cedo», indica. Esta formadora de 27 anos tamén acompaña o porno de adxectivos como «violento» ou «heterosexual». E matiza que se ben é certo que tamén existe porno homosexual, este «non se libra desa mirada androcéntrica e machista». «O sexo entre lesbianas é estereotipado e dirixido á mirada masculina, o sexo entre gais transmite humillación cara a quen ocupa a posición ‘feminina’ de ‘pasivo’», analiza.

Polo que lle contan, ela comproba como a exposición a esas imaxes dende idades temperás xera frustracións, castra a capacidade de explorar o propio desexo e comporta a reprodución dos vellos roles. «Rapaces cada vez máis novos esixen das súas compañeiras prácticas sexuais que supoñen violencia cara a elas ou pasan imaxes espidas sen consentimento nos grupos de Whatsapp».

E a pornografía non é nin moito menos o único input que ofrece esta visión que axuda a construír un imaxinario heteropatricarcal. As películas, a literatura, os videoclips e moitos dos contidos que se atopan explorando en Instagram ou Tik Tok ofrecen máis do mesmo. Neste sentido Retamozo observa que «hai cambios, hai series como Sex Education, ou algunha canción de moda como Yo perreo sola que, con todos os seus matices, si apuntan a algúns avances».

A fórmula para combater todo iso non é máxica pero está lonxe de ser un misterio: máis e mellor educación afectivo-sexual nas aulas galegas. Para esta integrante do Comando Igualdade, o ideal sería que a educación afectivo-sexual «non dependera do centro, nin da existencia ou falta de recursos» e «que non chegara tarde». «É importante que desterremos xa os obradoiros que consisten en poñer un condón a un cogombro».

Por outra banda, non hai que esquecer que facendo fronte á maquinaria das plataformas de porno masivo hai outras que ofrecen unha pospornografía que se reivindica como feminista, como a das directoras Erika Lust ou Vex Hushley, cuxas películas non silencian o desexo feminino. Un contrapeso necesario xa que, como se expón no estudo de Nova pornografía e cambios nas relacións interpersoais: quen produce a industria pornográfica non son «organizacións filantrópicas nin de particulares interesados en facer o ben, senón organizacións moi agresivas».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail