Xornalistas Galegas, a asociación que defende unha perspectiva de xénero no traballo xornalístico

A Coruña.- Os medios de comunicación contribúen a difundir os estereotipos machistas e os roles de xénero, pero quen traballa neles teñen na súa man contribuír a todo o contrario: combatelos e fomentar «unha corrente de opinión masiva que esixa un xornalismo implicado co feminismo e a igualdade real».

A cita entre comiñas está sacada do manifesto fundacional de Xornalistas Galegas, unha asociación fundada en 2018 e formada por máis de dous centenares de mulleres comunicadoras pertencentes a todos os ámbitos da profesión: investigadoras; profesoras universitarias; traballadoras das redaccións de revistas, dixitais, xornais, radios e televisións; persoal de gabinetes de comunicación de empresas privadas e institucións públicas…

Entre outros obxectivos, queren visibilizar ás mulleres nos medios como referencia de fontes expertas de información e de opinión; erradicar os estereotipos; instaurar o tratamento especializado da violencia de xénero e exercer como observatorio feminista contra os contidos machistas ou sexistas.

«Somos o 50% da maquinaria informativa do país e temos nas nosas mans a posibilidade de comprometer á sociedade coa causa feminista», explica Alba Taladrid, presidenta da asociación, quen destaca a relevancia que están a alcanzar tamén outras iniciativas similares de mulleres xornalistas en Valencia, Murcia e Castela e León.

Informacións con perspectiva feminista

Con motivo do 8M, Xornalistas Galegas fixo unha compilación de máis de medio centenar de pezas informativas -noticias, reportaxes e análises- de medios galegos e do resto do Estado que consideran exemplo de boas prácticas en xornalismo por ser realizados «con perspectiva feminista e como ferramenta contra o machismo».

«As pezas seleccionadas [que poden consultarse nesta ligazón] teñen en común promover a visibilización das mulleres máis aló de roles sexistas e situándoas como referentes sociais”, engaden.

«Somos o 50% da maquinaria informativa e podemos comprometer á sociedade coa causa feminista»

«Ademais, aplican principios como o recoñecemento a mulleres pioneiras en ámbitos masculinizados, a loita contra os estereotipos, a profundización na diversidade feminina ou a análise das desigualdades sociais por razón de sexo».

Taladrid lembra que a asociación dispón de varias guías de traballo sobre o tema para xornalistas e traballadores dos medios. Pero explica tamén que os «conceptos básicos» do xornalismo con perspectiva de xénero atópanse no medio centenar de exemplos que seleccionaron.

Problemáticas sociais que afectan as mulleres

«En primeiro lugar analizamos onde aparecemos as mulleres nos medios, en que seccións, se é nas consideradas tradicionalmente serias, como política, economía e opinión, ou nas máis lixeiras. En segundo lugar, se o facemos como expertas no tema tratado ou como meras testemuñas, ou só por estar vinculadas a un home. En terceiro termo, se a linguaxe elixida é sexista. E finalmente, se a temática elixida ten que ver con problemáticas sociais que afectan as mulleres», indica.

A presidenta de Xornalistas Galegas lembra ademais que aínda que as mulleres representan a metade dos persoais de xornalistas nos medios, seguen sendo abafadora minoría nas directivas das empresas e institucións que os xestionan -en Galicia só hai unha muller entre case unha ducia de directores de xornais en papel-.

«E non só é iso, senón que moitas veces aínda que haxa mulleres nesas directivas non serve de nada porque é o propio medio o que non ten unha perspectiva de xénero». «Deben darse conta de que o feminismo, ademais de ser un valor de marca, contribúe a cambiar a mellor a sociedade».

Entre esas melloras tamén está a da propia profesión xornalística, tal e como recolle o manifesto de XG: «Témonos empoderado nun momento histórico clave para o desenvolvemento futuro da muller e temos substituído a vella concepción do xornalismo como un oficio competitivo e individualista pola idea renovada dun xornalismo colectivo e solidario que aúne forzas para o ben común».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail