Kerala, a revolución feminista que transformará a India

A India estivo durante as últimas décadas en todas as quinielas de candidatas a superpotencia mundial, e as previsións seguen afirmando que así o será. Con todo, a realidade social do segundo país máis poboado do mundo e sexta potencia económica mundial, indican que queda aínda moito camiño por percorrer. Un sistema de  estratificación social máis propio da Idade Media que do século  XXI (as castas), e un enraizado e criminal  patriarcado que converte a India no lugar máis perigoso do mundo para as mulleres, fan que o prometido progreso quede aínda lonxe.

Moitos son os que piden, ao longo de todo o país, cambios efectivos a nivel social. A punta de lanza destes movementos provén de  Kerala, un dos 29 estados, e que se atopa moi por encima do resto en diversos medidores sociais referentes a educación, sanidade ou igualdade. Os sucesivos gobernos marxistas e de centro esquerda que se relevaron no poder desde as primeiras eleccións en 1957 orixinaron este distanciamento social. A pesar de que o ritmo de crecemento económico é inferior ao do resto do país, a calidade de vida é claramente superior, e os indios son conscientes diso.

Precisamente  Kerala é a orixe dun imparable movemento feminista que está a facer cambalear todo o sistema de  estratificación social indio, e que está chamado a converterse en xerme do progreso en todo o país. Nos últimos meses puidemos ver a fortaleza deste movemento en actos como a cadea humana de 620 km. que percorreu todo o estado, ou a entrada por primeira vez na historia de dúas mulleres no sacro templo hindú de  Sambarimala. Con todo, o feminismo indio enfróntase a inimigos tan poderosos como o partido no poder, o conservador e nacionalista hindú BJP, e unha poderosa e enraizada tradición machista e  clasista. Nos próximos meses (entre marzo e maio) celebrarase o maior exercicio democrático do mundo, que servirá como baremo para calibrar as forzas dos diferentes movementos sociais que pugnan por marcar o futuro da India.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail