Dez razóns para apoiar a folga do 8M

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

  1. Porque nove de cada dez mulleres cren que hai razóns de sobra para secundar o paro, e as que saben son elas.
  2. Porque a Gran Recesión foi aproveitada como escusa polos homes para darlle o remate ás políticas de igualdade e dar por acadados os seus obxectivos, cando todos sabemos que non é tal, e non facía falla recortar os xa curtos orzamentos de igualdade para cadrar as contas. O resultado salta á vista: volta ao machismo máis cínico e paternalista enarborando a liberdade a modo de operación de bandeira falsa.
  3. Porque segundo todas as enquisas publicadas máis da metade das galegas teñen sentido algunha vez que se lles menospreza, ignora, intimida ou xulga unicamente por ser mulleres.
  4. Porque as mulleres cobran de media entre un 19,3% (Datos Eurostat 2013) e un 22,3% (Datos Axencia Tributaria 2015) menos que os homes por facer o mesmo traballo, e a maioría das veces por facelo bastante mellor.
  5. Porque na maioría das empresas do IBEX apenas hai mulleres e nas institucións do Estado tampouco é que abunden. E todos sabemos que non hai tantos homes preparados e capacitados para tanto poder como okupamos.
  6. Porque as mulleres pagaron pola crise máis que os homes. Ademais de expulsalas masivamente do mercado laboral, moitas víronse na obriga de converterse en Supernais precarizadas, coidadoras voluntarias e asistentes sociais improvisadas para facerse cargo alí onde o Estado se retirou e abandonou á súa sorte os mais débiles e dependentes.
  7. Porque Albert Rivera di que a folga é anticapitalista e sempre hai que estar en contra das parvadas e dos que as practican.
  8. Porque xa está ben de machotes explicándolles ás mulleres o moito que avanzaron e o perigoso que pode acabar sendo o «feminismo mal entendido» para a liberdade, o libre comercio, o Estado de Dereito e a democracia. Non me representan.
  9. Porque si están en contra Arturo Pérez Reverte, Javier Marías ou Arcadi Espada, ir á folga é exactamente o que hai que facer, por xusto e necesario.
  10. Porque á miña nai nunca lle recoñeceron o dereito a conciliar e tivo que facelo a pulso. Xa nos chega, compañeiros.

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail