Un estudo da Universidade de Santiago determinou a vinculación entre as violencias machistas e as mulleres sen fogar, ao correr estas dobre risco ao expoñerse a abusos ou agresións nas rúas.
Aínda que a porcentaxe de ‘senfogarismo’ en Galicia sexa maior nos homes, as mulleres, que alcanzan entre o 15 e o 20%, están expostas a unha maior vulnerabilidade que eles pola violencia de xénero. Este estudo, encargado pola Xunta e elaborado por investigadoras da Universidade de Santiago (USC), demostra que o ‘senfogarismo’ incrementa as situacións de risco nas mulleres por ser obxecto de agresións sexuais.
Das 72 mulleres que entrevistaron as profesoras, 64 contestaron á pregunta «algunha vez sufriu violencia de xénero?», e delas, o 70,8% respondeu de maneira afirmativa. En Galicia, as causas que levan ás mulleres para perder o seu fogar ou a non poder acceder a un seguro teñen diversas índoles, determinadas pola situación económica e social delas, onde se enmarcan o desemprego, a precariedade laboral e os prezos da vivenda. A falta dunha contorna familiar e social de apoio, incluso a discapacidade, as enfermidades ou o nivel de estudos compoñen o arco das causas principais da falta dun teito propio.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
Segundo os datos que lanza o estudo, en 2012 había 1.903 persoas sen fogar en Galicia, do que un 19’5% eran mulleres. O termo ‘senfogarismo’ non só fai referencia ao feito de vivir na rúa ou durmir en albergues, centros de servizos sociais ou refuxios, senón tamén constar en hospitais sen ter onde ir, vivir nunha vivenda sen título legal, avisos de desafiuzamentos, é dicir, a ausencia dunha vivenda segura. Isto último tamén abarca a violencia exercida pola parella ou familia ou a vivenda temporal e masificada.
O perfil destas mulleres está vinculado con empregos precarios e con remuneracións que reciben de prestacións sociais ou pensións. A taxa de actividade das mulleres en 2018 cifrábase 8 puntos por baixo dos homes, o 48,4% da poboación activa son elas e do total da inactiva, representan o 56,5%. Un 90,8% das persoas que non buscan emprego por responsabilidades de coidados son mulleres. Cando elas acceden a postos de traballo, posúen máis xornadas parciais (21,9% fronte ao 5,9% dos homes), así como que se dedican a actividades non remuneradas relacionadas coa conciliación.
Tamén dentro do perfil das mulleres sen fogar, «na súa maioría foron vítimas de violencia de xénero nalgún momento da súa vida, aínda que poucas presentaron denuncia», reza o documento ao que tivo acceso Público. Así mesmo, sostén que en xeral residen en habitacións con dereito a cociña e fan un baixo uso dos albergues principalmente porque séntense desprotexidas neles.
A presidenta da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade (Apaioga), Mercedes Renda, puntualiza que «as mulleres sen fogar están invisibilizadas e algunhas delas están asexuadas como mecanismo de defensa: o pelo curto, a maneira de vestir…así é máis difícil recoñecelas como mulleres». No caso de sufrir malos tratos por parte da súa parella, as mulleres chegan a aguantar a situación de violencia extrema polo medo a quedar na rúa e perder a custodia dos seus fillos.
A coordinadora do estudo e profesora de Economía na USC, Emilia Vázquez, explica a Público que ao grupo investigador lle sorprendeu a elevada porcentaxe de usuarias dos centros de atención para mulleres que sufriron violencia de xénero. Do total das mulleres sen fogar, un 53% viven en centros de acollida, un 25% na rúa e un 16% en vivendas ocupadas ilegalmente. «Unha terceira parte destas mulleres non denuncian a situación, entre outras cousas por medo a perder a custodia dos fillos», sostén. Tamén, o estudo detectou que «aumenta o risco de sufrir violencia de xénero cando non participan os dous membros da parella na organización do fogar, ademais doutras circunstancias como cando a muller é obrigada pola súa parella para deixar de traballar ou cando é só unha persoa a que achega ingresos ao fogar, sendo o home ou a muller».
O perfil xeral destas mulleres rolda os corenta anos de idade- diminuíndo cando é vítima de violencia de xénero- e o 25% teñen fillos ao seu cargo. A investigación demostra que nos últimos anos mudou o perfil das mulleres sen fogar, aumentando as persoas menores de 30 anos e maiores de 65 anos. «Obsérvase tamén un aumento do ‘senfogarismo feminino encuberto’, como o traballo de internas ou a prostitución encuberta», continúa Vázquez.
A xente máis nova reside en casas ocupadas e provén de centros de menores, aínda que tamén hai unha parte que non creceu nun contexto «desestructurado» pero que padecen adiccións ou trastornos de personalidade. En definitiva, unha situación total de desamparo que empuxa a que pidan axuda aos recursos sociais. «Por mor da crise pasada constátase que hai moita xente que non foi capaz de remontar a perda do traballo e isto, sen redes persoais, lévaos á baixa autoestima e problemas de adicción», sostén o estudo.
Emilia Vázquez espera que este traballo, pioneiro no senfogarismo feminino, inflúa para a súa aplicación noutros países. «O obxectivo último do estudo é axudar a que as mulleres nesta situación poidan saír da exclusión social na que se atopan, pois moitas veces carecen dun aloxamento estable e seguro, sen poder cubrir as súas necesidades básicas e as dos seus fillos».
Para iso é necesario anticiparse ao fenómeno e evitar que as mulleres se expoñan a estes escenarios, a través de políticas a longo prazo, campañas de sensibilización, visibilización do senfogarismo, informar as mulleres dos recursos cos que poden contar e mudar os prexuízos aos que se ten sometido o Servizo de Menores. Os recursos achegados pola administración teñen que reforzarse, como vivendas, servizos, mesmo facilitar produtos de hixiene feminina e para os seus infantes, así como anticonceptivos. «Agora, como elas son menos que eles na rúa, hai recursos aos que non poden acceder, porque son albergues de homes. O feito de estar na rúa abócache a servizos sociais e probablemente che quiten a custodia antes de ofrecerche unha vivenda», conclúe Renda.
Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.