Palestina e a humanidade

O 15 de agosto de 2024 as Nacións Unidas informaban a través dun comunicado de prensa oficial que a cifra de persoas asasinadas polo exército israelí ascendía a 40.000. Mentres escribo, xaneiro de 2025, a ONU informa dun ataque contra un convoi pertencente ao Programa Mundial de Alimentos (PMA) nas proximidades do posto de control de Wadi, na Faixa de Gaza. Foron acribillados a tiros por soldados sionistas. Na mesma nota de prensa, Nacións Unidas informa do falecemento de sete bebés por frío e falta de acubillo. No medio da barbarie seguen nacendo crianzas. Segundo a UNRWA (Axencia da ONU para os refuxiados palestinos) uns 7.700 recén nados carecen dos coidados precisos para sobrevivir.

O estado sionista e xenocida de Israel non só asasina con balas e mísis, senón tamén privando de alimento e abrigo o pobo palestino que malvive –porque iso non é sobrevivir– na destruída Faixa de Gaza.

Entretanto, nós seguimos coas nosas vidas, e as informacións que chegan desde Palestina resoan cada vez menos, fano cada vez máis baixiño até seren practicamente imperceptibles entre o barullo do día a día.

En que momento o asasinato masivo, sistemático e sistematizado, televisado, retransmitido en directo con todo luxo de imaxes se volveu normal? Tan normal que caeu no silencio.

O mesmo silencio cómplice e criminal que permitiu durante décadas a ocupación de Palestina, a colonización de novos espazos alén das fronteiras delimitadas pola ONU en 1947, a imposición dun réxime de apartheid que segrega ilegalmente a poboación e espolia recursos.

Desde que todo comezou, e non me refiro ao 7 de outubro de 2023 porque o xenocidio contra o pobo palestino vén de lonxe, ningún estado da nosa contorna, nin o español nin ningún outro membro da Unión Europea, tampouco as propias institucións comunitarias nin ningunha outra organización internacional, impuxeron nin unha soa sanción contra Israel para intentar frear esta masacre. Máis ben ao contrario; continuou adiante a actividade económica, comercial e financeira cos xenocidas. Afondouse no recoñecemento e lexitimación das institucións e réxime sionista mesmo ampliando o seu recoñecemento internacional.

O silencio e a inacción máis absoluta da comunidade internacional con cada ataque, cada agresión, cada asasinato, cada nova colonización, estendeu e estende un manto de impunidade que non só contribúe a aniquilar Palestina e o pobo palestino, senón que supón un cuestionamento directo aos Dereitos Humanos, esa base na que se sostén a humanidade. Iso é, tamén, o que Israel está aniquilando sen que ninguén faga nada para evitalo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail