Os pellets do «Toconao» conteñen aditivos potencialmente tóxicos para os humanos

A Coruña.- As boliñas brancas que levan case un mes chegando ás praias de Galicia poderían ter unha toxicidade elevada e duradeira para o medio mariño e poderían afectar á saúde humana se se inxerisen ou se entrasen en contacto coa mucosa dos ollos.

Iso, segundo varios biólogos e expertos consultados por Luzes-Público, desaconsellaría que as tarefas de limpeza e recollida fosen realizadas sen a protección e os medios adecuados, como ata o de agora viñeron facendo moitos dos voluntarios que se achegaron aos areais afectados pola vertedura do buque Toconao.

O pasado 8 de decembro, o barco, abandeirado en Liberia, perdeu varios contedores, algúns deles cargados con pellets, mentres navegaba fronte ás costas do norte de Portugal. Cinco días despois, parte desa carga empezou a chegar á ría de Muros e Noia e, en xornadas posteriores, ás de Pontevedra, Arousa e A Coruña; tamén á Mariña lucense e mesmo ao litoral de Cantabria.

A Xunta, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), asegurou que se trata dun material «inerte» composto por plásticos sen aditivos e por tanto inocuos para a saúde, segundo declarou á Radio Galega a xefa de Documentación e Apoio Científico dese organismo, Gabi Ayensa.

Evidencias da toxicidade da vertedura

Con todo, os biólogos de varias asociacións ecoloxistas e confrarías de pescadores advirten de que acharon restos e probas que demostran o contrario.

Así, en varios dos sacos chegados ás praias aparecen referencias a sustancias cuxas fichas técnicas indican que as boliñas brancas conteñen ata un 30% de estabilizadores UV, é dicir aditivos destinados a reducir a degradación do plástico pola luz ultravioleta e que resultarían potencialmente tóxicos tanto para a saúde humana como para o medio, ademais da contaminación que de seu representa para o mar calquera polímero plástico.

Voluntarios limpando unha praia / X Suso de Toro

Nas fichas técnicas que corresponden ás referencias dalgunhas desas sacas de pellets do Toconao que chegaron á costa galega descríbense riscos para o ser humano relacionados coa «toxicidade oral», é dicir pola súa inxesta, e «lesións oculares graves/irritación ocular»; e para o medio mariño, «toxicidade acuática aguda» e «toxicidade acuática crónica».

«O problema dos aditivos, ademais, é que na maioría dos casos se trata de patentes industriais, polo que as empresas propietarias non están obrigadas a especificar a súa composición química exacta», alerta o biólogo Xaquín Rubido, portavoz da Plataforma para a Defensa da Ría de Arousa.

Luvas e máscaras

Esa asociación organizou ao voluntariado que participa desde hai semanas na limpeza das praias, ao que proporciona material de protección como luvas e máscaras. Rubido cre que as tarefas de recollida dos plásticos do Toconao non deberían ser levadas a cabo por persoas sen a protección adecuada e sen polo menos un mínimo de información sobre o caso.

O mesmo opina o tamén biólogo Antón Masa, portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra, quen alerta da existencia de dous tipos de perigo para as persoas. Primeiro pola entrada dos tóxicos na cadea alimentaria a través dos exemplares de especies mariñas que os inxiran ou filtren e logo pasen ao consumo humano; e segundo, polo contacto directo con eles.

«Os aditivos adoitan ser patentes industriais e as empresas non están obrigadas a especificar a súa composición química»

«Non o sabemos, pero podería haber toxicidade mesmo por inhalación se se trata de compostos que se degradan pola calor ou a luz solar», engade Antón Masa, quen lamenta tamén a escasa información sobre os vertidos que proporcionou a Xunta de Galicia case un mes despois de que tivese coñecemento dos mesmos.

Tamén lamenta a escaseza de información María Lago, alcaldesa de Muros, a primeira localidade costeira de Galicia onde se detectou a chegada de cantidades masivas de pellets o pasado 13 de decembro.

Escolares

«Temos peticións de colexios para organizar xornadas escolares de limpeza, pero sen a certeza de que o material non é tóxico, non podemos arriscarnos a organizar nada», asegura.

O feito de que a Xunta garantise a través do seu portavoz en Intecmar que as boliñas brancas non representan un perigo, pero que as asociacións ambientalistas aseguren que si o é, pode non ser contraditorio, segundo Ricardo Beiras, profesor de Ecoloxía e Bioloxía Mariña da Universidade de Vigo.

Un home sostén na man pellets chegados a unha praia / X Miguel Anxo Fernán Vello

«Non me estrañaría que no contedor ou os contedores caídos ao mar houbese compostos diferentes, porque a min polo menos chéganme referencias de dous distintos», explica Beiras. «Segundo o Intecmar, trátase de polietileno, pero o Parque Nacional dás Illas Atlánticas indícanos que eles recolleron mostras de tereftalato de polietileno», engade.

Segundo varias das fontes consultadas por Luzes-Público para este artigo, existen noticias de envases chegados á costa galega procedentes do Toconao con indicacións de ser fabricados en India, en Israel e en Polonia. A Fiscalía abriu unha investigación por mor da vertedura para establecer se existen indicios da comisión dun delito contra o medio ambiente.

«Contaminación física e química»

Para Ethel Eljarrat, directora do Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da auga (Idaea) do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) «o máis importante é que isto non só implica contaminación física, senón que implica contaminación química». Os pellets, de seu, conteñen substancias daniñas, pero a iso agrégase as súas calidades de absorción, informa Alejandro Tena.

«Son unha sorte de esponxa que agrega contaminantes que xa están na auga mariña», di a experta do CSIC. «Absorben contaminantes orgánicos que son persistentes e que permanecen un longo prazo no medio. Desta forma, cando a fauna mariña os inxire ten o problema de acumulalos no estómago, pero tamén de acumular substancias que se van liberando e que actúan como disruptores endocrinos, é dicir, que alteran o organismo».

«Os pellets son unha sorte de esponxa que agrega contaminantes que xa están na auga mariña»

A vertedura non segue un patrón de comportamento nas augas, a diferenza doutras substancias que poden tender a saír á boia ou a quedar no fondo. Este tipo de plásticos compórtase no mar de maneira desigual, de modo que parte subirá á superficie, outra parte cheguará ás praias e outra quedará lonxe da vista humana.

«Degrádanse moi lentamente», engade Eljarrat. «Van fragmentarse aos poucos pola radiación do sol e pola ondada ata converterse en microplásticos, que son moito máis tóxicos xa que os animais os inxiren con maior facilidade e penetran máis rápido nas células».

Tóxicos na cadea alimentaria

Os microplásticos son un grave problema pola entrada de tóxicos na cadea alimentaria a través do peixe e tamén do marisco, especialmente dos organismos filtradores, como bivalvos -sobre todo mexillóns- e tamén percebes.

Segundo outro biólogo dunha confraría de mariscadores do sur de Galicia que pide reservar o seu anonimato, no seu depósito levan anos detectando como os grandes plásticos comúns, como botellas, bolsas e envases, vanse degradando aos poucos e acaban afectando as zonas onde de cría dos percebes, que é ao que se dedican sobre todo. O experto dá por constatado na literatura científica que eses contaminantes pasan a través deles á cadea alimentaria e ao ser humano.

Sacos con pellets recollidos por voluntarios na praia de Mera xunto a un cartel que indica que están alí «á espera de ser recollidos polo organismo competente para a súa correcta reciclaxe» / X Alfonso Hermida

No caso das boliñas brancas do Toconao, o asunto agrávase porque, dado o seu tamaño -menos de cinco milímetros de diámetro- «a degradación xa ten practicamente o 90% do traballo feito», especifica o biólogo.

Asegura que a vertedura probablemente non provocará mortaldade nas especies comerciais que lles interesan, pero si un problema grave a medio e longo prazo. «A limpeza e a retirada é complicadísima e a volatilidade das bolitas na auga, enorme, polo que un temporal pode trasladar en cuestión de horas a decenas de quilómetros», conclúe.

A xestión da vertedura por parte da Xunta tamén provocou un temporal político en Galicia, que encara eleccións autonómicas en menos de seis semanas, e enfrontou ao Executivo de Alfonso Rueda co Goberno central de Pedro Sánchez.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail