A Coruña.- A José Monzo os franquistas queríano matar tanto que ao final foi el quen decidiu quitarse a vida. Probablemente non quería morrer, pero é que levaba dous anos sentíndose un home morto. Como un náufrago nun illote deserto, literalmente, porque foi alí, nunha roca inhóspita no medio do mar, onde se refuxiou da persecución fascista. Se se profunda na súa historia e na súa vida, ata a súa última decisión parece un exemplo de heroicidade.
Monzo era un líder destacado do movemento anarquista en Sada, onde Franco acababa de establecer, roubando o Pazo de Meirás e instalándose nel, o núcleo da rede corrupta e tiránica que seguiu ao golpe de estado do 36. A República caeu en Galicia en cuestión de días, pero a represión que desatou o fascismo foi unha carnicería.
Máis de 5.500 persoas foron asasinadas entre paseos e execucións sumarias durante os primeiros anos tras o golpe de estado. Había que eliminar calquera vestixio de oposición á sublevación militar na terra do carniceiro, e máis aínda en Sada, onde o anarquismo se fixera forte entre os colectivos de obreiros, pescadores, campesiños, artesáns, intelectuais… É dicir, rodeando a Meirás, o pazo do ditador, onde crecera o seguimento da doutrina libertaria que rexeitaba calquera tipo de opresión e de autoridade baseada na coacción da persoa.
«O franquismo viu en Monzo a representación do sindicalismo anarquista, con centos de traballadores afiliados e sindicatos en prácticamente todas as parroquias de Sada. Acabar con el significaba decapitar definitivamente ese movemento», explica o historiador Manuel Pérez Lorenzo.
É bisneto de Monzo, e emociónase imperceptiblemente cando lembra que, en boa medida, fíxose historiador pola historia que viviu a súa familia. «El morreu cando a miña avoa tiña seis anos, pero moito tempo despois, con 15 ó 16, ela aínda lembraba os rexistros a punta de pistola na súa casa. Ademais de ter que vivir nun silencio obrigado sobre a traxedia que lles tocou, tiñan que vivir con medo», sinala.
O 23 de xullo de 1936, só cinco días despois do levantamento militar contra a República, os fascistas tomaron Sada e as súas oito parroquias. Empezaron os paseos, os desafiuzamentos, as malleiras, os fusilamentos, os disparos na caluga…
Cando os asasinos foron a por Monzo, escondido no faiado da súa casa, el puido escapar de milagre saíndo entre eles disfrazado de muller. Primeiro refuxiouse en Miño, alén da ría, noutro faiado da vivenda dunha amiga pescantina. Logo, en Illa Carboeira, un illote de roca e musgo fronte á cala de Ínsua, que pertence ao municipio veciño de Pontedeume.
As investigacións de Pérez Lorenzo e Carlos Babío sobre Franco e Meirás, plasmadas no libro Meirás. Un pazo. Un caudillo. Un espolio (Fundación Galiza Sempre, 2017), conteñen boa parte da carga documental que permitiu ao Estado retirar aos herdeiros de Franco a propiedade do inmoble e as terras expoliadas aos veciños de Sada.
Agora, o historiador fala desde as rocas da cala de Ínsua, fronte a Carboeira. De punta a punta, coa marea alta, o illote non debe medir máis de 30 ou 40 metros. Sobrecolle pensar que ninguén poida sobrevivir alí durante días e semanas, como fixo o seu bisavó, sen máis axuda nin abrigo que o que a súa familia podía levarlle nunha chalana. Sen poder acender lume para quentarse, escondido para que ninguén puidese divisalo desde terra, sabéndose protagonista dun tráxico paradoxo: era o único náufrago do mundo ao que a morte esperaba, precisamente, se alguén descubría a súa situación.
Monzo tiña entón 30 anos. Nacera en 1906 nunha familia de pescadores e non tiña nin sequera 20 cando decidiu emigrar a Estados Unidos para eludir as levas obrigatorias durante a Guerra do Rif. En Nova York tomou contacto co anarquismo, e cando regresou a Sada a finais dos anos vinte, integrouse nos incipientes movementos asociativos na comarca.
En 1930 fundou con outros compañeiros o Centro Cultural Obreiro, que logo presidiría e que puxo en marcha iniciativas de tipo cultural e formativo, como unha biblioteca e ciclos de conferencias instructivas. Tamén de carácter solidario, como unha colecta en beneficio das familias dos pescadores mortos nun naufraxio, e reivindicativo, canalizando as demandas de traballadores de varios sectores.
En 1931, en torno ao Centro Cultural Obreiro, Monzo e os seus compañeiros fundaron o Sindicato de Oficios Varios de Sada, que el tamén presidirá e que se integrará na anarquista Confederación Nacional de Traballadores (CNT). Chegará a ter medio milleiro de afiliados, unha cifra moi relevante se se ten en conta que a poboación de Sada apenas alcanzaba entón os 7.000 habitantes.
Ese mesmo ano casou con Josefa Abad Golán, á que todos apelaban A Morena. Pouco despois tiveron a súa primeira filla, á que chamaron Vida, e máis tarde a José, quen hoxe segue vivo pero quen preferiu non participar nesta reportaxe. Tiña dous anos cando os fascistas empezaron a matar o seu pai.
Dos dous anos que transcorreron entre o golpe de estado e a súa morte, non hai información sobre o tempo total que José Monzo pasou en Illa Carboeira, porque todos os que poderían dala morreron xa. É probable que regresase a terra nalgunha ocasión se a persecución se relaxaba. Pero si se sabe con certeza que durante un tempo abandonou ese illote para trasladarse a Illa do Carbón, outra roca próxima aínda máis pequena e sen sequera herba nin musgo, situada xusto fronte á praia de Perbes, onde anos despois o exministro franquista e presidente da Xunta Manuel Fraga construiría o seu chalé con vistas á ría. Carbón estaba un pouco máis afastada da costa, a uns 400 metros. Monzo pensou que estaría máis seguro alí, e o cambio de refuxio permite aventurar o implacable da cacería franquista sobre el.
A principios do verán de 1938 regresou ao seu domicilio. Estaba enfermo e débil, cunha enorme barba e tan degradado e irrecoñecible que os seus fillos fuxiron escaleiras arriba ao velo na porta. «Déixaos, Morena», díxolle á súa muller. En realidade, só volvera para despedirse, porque xa tomara a decisión de quitarse a vida.
O 17 de xullo de 1938, un día antes do segundo aniversario do golpe e tras dous anos de fuxida, uns nenos atoparon o seu cadáver na cuneta dunha estrada local, á beira dunha serrería abandonada. Xunto a el, unha pistola Star calibre 9 curto. Nos petos, varias balas, un peite roto, unha caixa de mistos, unha folla de papel de fumar e unha moeda de cinco céntimos de peseta.
En 1985, o concelleiro nacionalista Manuel Sánchez Pérez, a quen todos en Sada coñecen como Crisanto, presentou unha moción pedindo que se lle dedicase a Monzo a céntrica rúa que entón levaba o nome do xeneral golpista Emilio Mola. O pleno, con maioría absoluta do PP local do alcalde franquista Ramón Rodríguez Ares, rexeitouno. Non foi ata 2003, baixo o Goberno local presidido por Abel López (BNG) e case 25 anos despois da entrada en vigor da Constitución Española, cando o Concello acordou retirar a Mola do rueiro e darlle a Monzo o nome desa rúa.
Ínsua é hoxe unha praia naturista frecuentada por familias que seguramente ignoran o relato que garda o inhóspito illote que divisan desde a beira. Ao terminar a entrevista, entre as rocas da calita, Manuel Pérez Lorenzo ri pola insinuación dos xornalistas que o entrevistan, que lle comentan que a vida do seu bisavó ten un biopic de cinema. A condición de que, iso si, que o guión permita licenzas ao estilo das últimas películas de Tarantino. É dicir, cun final falso pero reparador, con Monzo acabando coa tiranía desde Carboeira, fronte á que Franco pasou anos e anos navegando en iate cando cruzaba a ría para pescar atúns durante os seus veráns en Meirás. Coas súas ideas libertarias convertidas nun xusticeiro lanzachamas que reduce a cinzas calquera intento de que a súa historia e as doutros heroes como el sexan xamais esquecidas.