Sacyr vende a mina de San Finx a unha empresa con sede en paraísos fiscais

Rafaella Resources adquiriu a mina de wolframio de Lousame (A Coruña), pendente de varios expedientes administrativos e de procedementos penais que implican a funcionarios da Xunta por delitos de falsidade, prevaricación e encubrimento.

A Coruña.- A compañía australiana Rafaella Resources comprou á española Sacyr a mina de wolframio de San Finx, no municipio coruñés de Lousame. Trátase dunha explotación que contaminou durante anos un río local e pola qua varios funcionarios e altos cargos da Xunta foron acusados de prevaricación, falsidade e encubrimento. Incúlpanos de manobrar ilegalmente para evitar que Sacyr se fixese cargo dos custos da limpeza e recuperación ambiental da zona, como paso previo á súa reapertura.

A mina está pechada desde o ano 2017, pero o acordo de compra con Sacyr estipula que só empezará a pagar o prezo da venda cando extraia e lle dea saída no mercado a polo menos mil toneladas de material, o que significa dar por feito que a explotación, denunciada por veciños e asociacións ambientalistas como unha das máis contaminantes de Galicia, recuperará a súa actividade.

Segundo un comunicado de Rafaella Resources, a operación pechouse a semana pasada a través da súa filial Biscay Minerals, que adquire o 100% de San Finx a Valoriza Minería, a filial mineira da construtora que preside Manuel Manrique, por cinco millóns de euros. Rafaella Resources, que en Galicia tamén explota a mina de Varilongo, en Santa Comba (A Coruña), tamén implicada na polémica polas súas verteduras contaminantes, asegura que pretende converterse en «líder europeo» na produción de estaño e wolframita.

Antes da venda, Sacyr estaba pendente de que Augas de Galicia, o organismo dependente da Xunta que xestiona as concas fluviais de competencia autonómica, autorizase o drenado das galerías da mina, que se atopan na actualidad asolagadas, así como o baleirado das balsas onde acumulou residuos durante decenios, como paso previo para reiniciar a extracción de mineral.

Embalsamento de auga contaminada en San Finx / Foto: Ecoloxistas en Acción.

Para asociacións ecoloxistas como Ecoloxistas en Acción e Verdegaia, que nos últimos anos levaron o caso aos xulgados, así como para as confrarías de mariscadores e mariñeiros da ría de Muros e Noia, drenar as galerías resulta unha imprudencia inasumible, porque significaría verter ao río, que a través do Tambre desemboca na ría, millóns de litros de auga contaminada por toneladas de lodos tóxicos e metais pesados que acabarían chegando ao mar.

«Imos defender que a mina non se reabra e que as galerías non se drenen porque sería un desastre ambiental», asegura Francisco Iglesias, representante legal das confrarías de Noia e Portosín, que encabezan o rexeitamento ao proxecto.

O avogado das confrarías tamén mostra a súa desconfianza fronte a Rafaella Resources, unha sociedade que segundo Ecoloxistas en Acción forma parte «dun conglomerado opaco de empresas» controladas por Stardboard Global Limited, con sede «en Hong Kong e nas Illas Virxes británicas». «Dous paraísos fiscais con lexislación mercantil que impide a transparencia e así coñecer os titulares reais das empresas», afirman.

Ecoloxistas en Acción tamén lembra que a mina de Varilongo está pendente dun expediente sancionador da Xunta polas súas verteduras contaminantes e doutro procedemento penal «por presuntos delitos contra o medio ambiente». E advirte de que Startboard Global está implicada en decenas de proxectos «de dubidosa reputación, incluíndo proxectos de extracción de carbón, ouro, cobre e petróleo en Mongolia a través de Haranga Resources Ltd. e Haranga Khuder LLC, empresa expulsada da bolsa australiana en 2020 por incumprimentos legais».

Mina de Varilongo, en Santa Comba / Foto: Rafaella Resources.

O mes pasado, o grupo parlamentario de Unidas Podemos-Galicia en Común-En Comú Podem, xunto a cinco agrupacións ambientalistas, presentou unha denuncia contra once funcionarios, altos cargos e exaltos cargos da Xunta por prevaricación, falsidade e encubrimento na tramitación dos expedientes de recuperación ambiental e reapertura de San Finx.

Segundo os denunciantes, os acusados manobraron para que Sacyr puidese evitar os custos do proceso, que algunhas fontes elevan a 20 millóns de euros, e financialos con cartos públicos a través de Augas de Galicia.

Esa denuncia súmase a outro procedemento legal que se segue nun xulgado de Santiago contra tres deses funcionarios autonómicos, aos que Verdegaia acusa de falsear documentos públicos relacionados cos procedementos anteriores. Trátase de Bernardo Tahoces, exdirector xeral de Industria e Minas, Rafael Recuna Carrasco, enxeñeiro de minas e funcionario dese departamento, e Juan José Iglesias Suárez, ex-xefe territorial da Consellería de Industria na Coruña.

Os tres deberán declarar como imputados o próximo 3 de febreiro perante o xulgado de Instrución número 3 da capital galega.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail