A loita por converter en profesión os traballos feminizados

A economía galega estivo vinculada desde a antigüidade ao mar e ao campo. A feminización destas actividades, os traballos de coidados e os teitos de cristal provocan que as mulleres accedan con máis dificultade a outras partes do sector e non ocupen postos de poder.

O mar e o campo xeran riqueza en Galicia. As mulleres sempre formaron parte de ambos sectores desempeñando traballos feminizados, o que impediu, xunto cos teitos de cristal e o traballo de coidados, ser valoradas. Aínda que convivisen nos traballos tradicionais cos homes, existen grandes diferenzas na repartición das actividades. Os prexuízos de xénero continúan arraigados na sociedade patriarcal e son impedimentos para que elas accedan aos postos de poder e representación. Aínda teñen que facerse visíbeis.

Hai 20 anos era impensable que unha muller en Galicia fose titular dunha explotación agrícola. Eran consideradas «axuda familiar» e, polo tanto, non eran beneficiarias de ningún tipo de dereitos que as amparasen. A propiedade tiña nome de home. Aínda que elas constituísen un conxunto profesional ao desempeñar labores de extracción e produción de alimentos, tanto no rural como na cadea pesqueira, as administracións non as recoñecían como tal. Era común que a muller galega, desde pequena, sementase, producise e colleitase estes produtos para soster ás súas familias. Era visto como unha extensión do seu traballo doméstico e de coidados. Todos estes procesos non eran recoñecidos profesionalmente, o que dificultaba a súa autonomía e orixinaba a dependencia económica cara aos seus maridos.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Na actualidade, a muller rural galega predomina no sector lácteo, agrícola e vitícola, no referente ao número de explotacións. Segundo unha estatística da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), existe un 54% de mulleres titulares de explotacións de vacúns de leite. Este conxunto de actividades constitúe os traballos remunerados, pero na parte non formal, aínda imperan un gran número de explotacións familiares onde as agricultoras e gandeiras traballan sen recoñecemento legal e non gañan diñeiro. «É unha parte da economía familiar que ten que ver coa produción propia, e habería que poñerlle valor a toda esa produción que se fai para o autoconsumo. Eses alimentos non quedan na casa e as fins de semana van nos maleteiros para o consumo doutras familias», conta a presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos.

Fademur sinala tamén, o fracaso da lei de Titularidade Compartida do 2011 das Explotacións Agrarias, nacida co obxectivo de facer profesión a actividade agraria das mulleres, fomentar a igualdade e salientar o seu traballo. Esta lexislación suporía unha repartición de rendementos ao 50% entre ambas partes da parella, sendo os dous os beneficiarios das axudas e cotizando na Seguridade Social.

Segundo o último informe do Ministerio de Agricultura, en España, das máis de 945.024 explotacións, só o 28,81% pertencen a mulleres. En total 352 altas de Titularidade Compartida, 17 en Galicia. Esta discriminación pode extrapolarse tamén ás traballadoras do mar, que contan a Público como as súas avoas desempeñaban o oficio diariamente para levar comida ás súas casas ou para outras familias, sen percibir ningún tipo de remuneración. Non existían as agrupacións de mariscadoras nin un colectivo co que defender os seus dereitos. Logo foron constituídas polas mulleres que baixaban á praia para levar alimento aos seus fogares e grazas a formar un equipo, puideron acceder a un seguro social e a un plan de explotación formal, elaborado por elas mesmas e aprobado pola Administración.

«Hoxe en día o oficio de mariscadora está recoñecido e visibilizado, aínda que somos autónomas, quédanos moito camiño», explica a vicepatroa da Confraría de Carril e mariscadora da pé, Rita Vidal. «Para nós é moi importante poder conciliar a vida familiar, no verán podes levar aos teus fillos a mariscar, creo que por iso somos mariscadoras, é o que aprendemos a ser desde pequenas», conta a arousá.

A feminización dos traballos

Os traballos típicos galegos están feminizados, aínda que grazas aos plans de igualdade e ao feminismo que entra nas esferas do sector primario, co tempo obsérvanse diferenzas. No rural, onde é máis difícil que o movemento da igualdade penetre polo envellecemento da poboación e a tradición, os homes realizan as tarefas técnicas e empregan maquinaria pesada, manexan os tractores e as máquinas para labrar a terra, aínda que elas saiban manexalos. As gandeiras, por exemplo, encárganse de muxir e coidar aos animais mentres que eles desempeñan tarefas máis «rudas». Elas tamén asumen as xestións e os trámites burocráticos sobre unha explotación familiar. Segundo contan desde Fademur, todo iso está sometido a unha estrutura de hábitos que ao longo da historia dividiron o traballo en función do sexo.

Tamén no mar os roles están definidos. Conta a vicepatroa de Carril que os traballos máis «duros e perigosos» ficaban para os homes, como os barcos de pesca, mariña mercante ou extracción de percebes. Elas ocúpanse do marisqueo a pé, da acuicultura, do procesado de peixe, crustáceos e moluscos e do comercio, ao supor un «menor risco» en comparación con saír faenar ao mar. Isto reflíctese nas estatísticas. Elas dobran en número de permisos de marisqueo aos homes porque é un traballo desempeñado en terra. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), no 2019 rexistráronse 2.633 permisos para elas e 1.144 para eles. Dez anos atrás, as diferenzas eran moito máis duras: 3.887 mariscadoras fronte a 394 mariscadores.

Rita Vidal tamén sinala a emigración como un factor crave que contribuíu a que tradicionalmente se relacione este tipo de traballos do mar coas mulleres. Elas encargábanse de coidar ás familias mentres que eles traballan fóra e lonxe dos seus fogares en barcos de pesca de altura e gran altura, que os mantiñan longos meses navegando. As mulleres, pola contra, tiñan que coidar aos seus fillos, pais, e familias, por iso buscaron outras alternativas para manterse, como baixar á praia cos infantes para extraer moluscos.

Despoboamento, cambio xeracional e ecoloxía

Galicia é unha das rexións que máis despoboamento sofre do Estado. Como consecuencia, esta tendencia provoca que desaparezan miles de explotacións agrícolas ao ano, e polo tanto, a economía de base. «Hai un problema de cambio xeracional onde persiste unha relación co rumbo de xénero importante, seguen sendo moitos os homes que buscan traballo fóra do núcleo familiar. Se hai unha explotación familiar e os maiores xubílanse, a substitución cae nas mulleres, pero non por decisión vital propia, senón porque segue habendo un rumbo de xénero», explica Rosa Arcos, de Fademur Galicia.

Con todo, obsérvase no mundo rural galego que as mulleres encabezan o emprendemento relacionado coa innovación, co coidado da contorna, coa sustentabilidade e a ecoloxía, unha reivindicación da tradición dos oficios e da cultura, que crean valores engadidos moi potentes. Non son os únicos espazos aos que chegar. «A efectos de visibilidade das mulleres na actividade agrícola e gandeira, avanzamos, pero a vida pública, social e política, segue tendo cara de home. Basta con mirar a fotografía de calquera xornal especializado no sector primario», conta Fademur.

No mar, a vicepatroa de Carril explica que a mocidade está interesada en mariscar. Nas convocatorias para a obtención do permiso para a extracción, por exemplo, as listas son «interminables», aínda que é certo que en ocasións as profesionais que acceden «decepciónanse co oficio e outras se namoran de el». O frío, o sol e a choiva van calando nos seus corpos e desenvolven doenzas que a día de hoxe aínda non están recoñecidas como enfermidades profesionais. Elas tamén defenden a pesca sostible e o coidado do produto de mar para poder colleitalo durante todo do ano. Loitan contra o furtivismo e os vaivéns do mercado.

Feminismo rural e empoderamento

Amodo, pero chega. No campo existe unha maior conciencia e a xente nova pon en valor o traballo que desempeñan as mulleres, precisamente reclamando os espazos que están a ser ocupados por homes. Con todo, a resistencia ao cambio está condicionado pola contorna e é maior que nas cidades; é visible na loita contra a violencia de xénero, onde impera a lei do silencio e a idea de que «o que pasa en casa, queda en casa», aínda que os malos tratos e a violencia machista sexa coñecida polos veciños.

Aquí as administracións, segundo Fademur, «xogan un papel fundamental». Os referentes, tanto no mar como no campo, permitiron que as mulleres se poidan ver reflectidas e crear redes de acompañamento. Foi grazas á sororidade e aos grupos de mulleres o que permitiu avanzar en termos de igualdade. «O empoderamento ten que ser un traballo para o colectivo, se avanza unha temos que avanzar todas xuntas» apostila Fademur.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail