Contra a política do velorio permanente

Hai algunhas novas sorprendentes que atinxen a oligarquía do Tecnopoder dominante no mundo. Por exemplo, as elites de Silicon Valley educan os seus fillos, no primeiro ensino, utilizando libros, aprendéndolles a escrita e a lectura sen empantallarse e traballando a expresión oral e a ter o foco de atención na natureza. Por suposto, non se empachan con produtos feitos con graxas e azucres. Hai outra nova que podemos exemplificar en Bill Gates, o fundador de Microsoft, e testa arriba, testa abaixo, capo da riqueza mundial canda Amancio Ortega. Gates fixo fortuna coa dixitalización e Ortega cos dedos que cosen. Pero multiplicaron o capital con outros investimentos. Curiosamente, ou non tanto, en ambos os dous casos, teñen que ver co chan, co territorio, coa terra. Ortega merca predios e edificios nos centros urbanos das megalópoles, Bill Gates merca mundo adiante inmensos eidos e latifundios para a produción alimentaria. Ben é certo que, polo que contan, a gran paixón de Ortega é plantar patacas, pementos e leitugas no seu pazo de Anceis. ¶ Brincadeiras á parte, o cultivo industrial de alimentos, o colleitar a terra a grande escala, é un dos maiores negocios mundiais, en crecemento exponencial, aínda que hai quen pense que os campos de millo son escenarios virtuais para series perturbadoras e que as cabazas son unha cousa de plástico colorado que se vende nos bazares chineses para a festa importada do Halloween. ¶ Unha das cousas que a excitación do neocapitalismo anovou foi non poñer lindes á cobiza, nin no discurso nin na praxe. O primeiro principio moral era o trunfo, o máximo beneficio. Cando estaba prohibida a carne de porco, en tempo de Coresma, os propios monxes de Santo Estevo de Ribas do Sil puñan redes no río, tiraban os cochos para «pescalos», e se alguén do pobo protestaba, o abade sentenciaba: «Todo o que cae na rede é peixe!». Pois ese foi o novo mandamento do capitalismo impaciente: «Todo o que cae na rede é peixe!». Sen complexos, sen miramentos. A alimentación, a auga, a luz, a saúde, a educación, as pensións, os servizos públicos… Todo o que caia na rede! As necesidades básicas son, van ser, un negocio incesante. ¶ Hai un mundo, o mundo rural, o do pequeno campesiñado, o da gandería e agricultura, sobre todo cando se encamiña polo modelo ecolóxico, que altera esa dinámica voraz e esmagadora. Incomodan os espazos autónomos, onde aínda hai memoria e devezo comunitario.  Eses superviventes que demostran que é máis importante «seguir vivos» que «estar vivos». Que teñen esa forza formidábel de manter espazos-viveiros, híbridos de natureza e humanidade. Por iso a política acomodada, que fai de mordomo desa maquinaria de rapina, desenténdese da Galicia rural como se fose un submundo. ¶ Por unha banda, hai un discurso paternalista, de uso folclórico e festeiro. Mesmo tamén de burocrática cortesía fúnebre. O principal lugar de comparecencia dos políticos na Galicia rural son velorios e enterros. Ese «eloxio de aldea», con cartón pedra da factoría TVG, trata o campo galego como se non fose xa un medio de vida e un obradoiro vivo de lingua e cultura, senón como «centro de interpretación» ou un «anexo» museístico. ¶ Os pensamentos de Castelao, como as súas viñetas, podemos velos ao xeito dun carreiro de vagalumes. Teñen a luz que emite a supervivencia, tan diferente da dos focos do trunfo cegador que mesmo impide ver as estrelas. Mais a contaminación lumínica non só afecta a contemplación do ceo, senón do pasado histórico e do presente. Unha desas luzadas ou pensamento-vagalume de Castelao foi cando nomeou, cun humor tan realista como transcendente, a «Santísima Trindade de Galicia». Velaí estarían o Peixe, a Árbore e a Vaca. Unha iconografía tan ancestral como revolucionaria. Unha iconografía de «culto» tan axeitada para o maxín popular como para unha ilustración  comprometida. Esa Santísima Trindade «segue a vivir». Non é unha iconografía ornamental, de simple postal turística. Hai unha Galicia rural que traballa por rexurdir, por transformar en futuro eses recursos sen estragar o medio. Xente que por manter eses espazos vivos está a facer un servizo a Galicia e ao mundo. Son vagalumes que nos protexen. Grazas a eles, virán tempos mellores para o rural galego.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail