Marta Ortega pecha ao público a exposición de Lindbergh no porto da Coruña para celebrar un acto privado

A mostra sobre o fotógrafo polaco, cuxa promotora é a nova presidenta de Inditex, abriuse hai tres días nunha zona industrial propiedade da Autoridade Portuaria e volverá pecharse ao público este xoves

A Coruña.- A exposición Peter Lindbergh: untold stories, inaugurada hai unha semana nos terreos do peirao de Batería da Coruña, propiedade da Autoridade Portuaria da cidade, foi pechada varias horas ao público este martes para que a promotora da mostra, a nova presidenta de Inditex, Marta Ortega, puidese celebrar nela un acto privado .

Así o confirmaron a Luzes-Público fontes da oficina da familia Ortega, que engadiron que a exhibición volverá pecharse este mesmo xoves para outro evento dos organizadores.

A mostra, que xa pasou por varias cidades de Alemaña e de Italia e que en España só poderá verse na Coruña, é unha completa retrospectiva do fotógrafo polaco, amigo persoal da presidenta da multinacional téxtil e a quen esta encargou a reportaxe da súa voda no 2018, poucos meses antes do falecemento do artista en setembro do 2019.

Peter Lindbergh / Foto: Peter LIndbergh: untold stories

A exposición está montada nun antigo espazo industrial do porto da Coruña que foi remodelado para a ocasión por Elsa Urquijo, arquitecta dun estudo local que traballou nalgúns dos proxectos máis importantes de Inditex ao redor do mundo e quen se encargou tamén da vivenda do fundador da compañía, Amancio Ortega.

A Autoridade Portuaria da Coruña asegura que se limitou a alugar o espazo da mostra aos organizadores, e que son eles quen, segundo indican fontes da institución, manteñen a xestión da mostra tanto no que se refire aos horarios como aos eventos especiais que poidan celebrarse nela.

As fontes da familia Ortega si aseguraron que o acordo para acoller a exposición nos terreos do porto incluía a posibilidade de que os promotores utilizasen ese espazo público para eventos privados en dúas ocasións, precisamente este martes e este xoves.

Edificio da Autoridade Portuaria da Coruña / Street View

«En realidade non se trata dun espazo que estivese aberto ao público, senón dunha instalación que estaba pechada e que se abriu especificamente para a exposición», engadiron.

O peche en plena ponte longa sorprendeu a quen se achegou o martes para ver a mostra, que en teoría estaba aberta ao público todos os días da semana desde o pasado 4 de decembro ata o próximo 28 de febreiro, sen máis peches previstos ou anunciados que os habituais dos días festivos durante as festas de nadal.

Nun principio a organización informou de que os horarios eran de 10,00 a 20,00 de luns a domingo, cun último pase ás 19,00; agás xoves, de 10,00 a 22,00 cun último pase ás 21,00 e os sábados de 11,00 a 20,00 cun último pase ás 19,00.

A páxina de horarios e información práctica da exposición foi modificada este martes para incluír un apartado, «Peche excepcional», con esta mensaxe: «A exposición permanecerá pechada excepcionalmente a partir das 13 horas os días 7 e 9 de decembro. O 25 de decembro e o 1 de xaneiro, durante todo o día».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail