Un ano despois do peche do paritorio de Verín, o Sergas promove un expediente ao xinecólogo que liderou as protestas

Dous meses loitou a cidadanía para a reapertura do polémico paritorio. Funcionou con normalidade ao longo de todo o ano, ata que a cara visible das protestas, o xinecólogo Javier Castrillo, recibiu a notificación dun expediente disciplinario.

O 22 de novembro de 2019 a Xunta anunciou ao persoal do hospital comarcal de Verín (Ourense) o peche do paritorio, que se faría efectivo o luns 1 de decembro. A razón: a baixa natalidade, unha suposta «falta de pericia» dos profesionais debido aos 60 partos ao ano e un risco para as nais e bebés. A súa cidadanía saíu á rúa para tombar a iniciativa da Xunta, e con ela o seu xinecólogo e xefe de Servizo, Javier Castrillo, en constante comunicación cos medios a favor de manter a asistencia, que finalmente conseguiron. Hai uns días, Castrillo recibiu a notificación dun expediente disciplinario, castigo que pode significar dous anos de inhabilitación profesional.

Segundo conta o propio Castrillo a Público, a orixe da incoación do expediente remóntase ao 30 de novembro de 2019, cando mantivo unha disputa cunha pediatra sobre se trasladaban ou non a un bebé ao hospital de Ourense. O xinecólogo mostrou o seu desacordo porque nacera «sen complicacións» pero a pediatra insistía en trasladalo e finalmente así foi. É esta discusión a razón pola que o Sergas notifícalle o expediente, por ir en contra da decisión da pediatra, o que se considera unha «falta grave».

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

«Táchaseme dunha incorrección, dun trato despectivo cando non o houbo, non ten fundamento», argumenta o xinecólogo. «Os feitos non son constitutivos dunha falta grave, unha discrepancia de opinións ocorre todos os días en todos os hospitais». A comunicación chegoulle excepcionalmente tarde sen coñecer o motivo. «É algo atípico, é verdade, pero non podo facer un xuízo de valor», manifesta Castrillo. Pero recoñece que non lle beneficia, xa que podería recorrer «da mesma maneira» que a pediatra poñendo unha queixa, pero debido aos trámites burocráticos non está dentro do prazo para facelo. Considera que hai unha «intencionalidade» de ir contra el por parte do Sergas. «Cárganse moito as tintas no lado no que se queren cargar, eu síntome perseguido», expón o xinecólogo.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, respondeu aos medios no seu momento sobre estes feitos. Rexeitou que o seu Goberno emprendese unha «persecución» contra o xinecólogo. «Hai unha denuncia dunha pediatra, iníciase un expediente, tómase declaración á denunciante, ao denunciado, a outras persoas e faise unha proposta. É compatible con apoiar ao xinecólogo, a súa tese ou a súa actividade asistencial», postulou. O PP de Ourense púxose de parte do profesional; o grupo tampouco apoiara a decisión da Xunta de pechar o paritorio.

As palabras do barón galego foron desmentidas pola pediatra. O diario da comarca, Diario do Támega, publicou o acordo de incoación do expediente disciplinario contra Castrillo . Nel a profesional manifesta que o informe non se fixo «por iniciativa propia» senón que foi o xefe de servizo, Santiago Fernández Cebrián, quen falou co xerente Félix Rubial, e posteriormente pedíronlle que o fixese.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu a Feijóo que retire o expediente disciplinario e o «cesamento dos responsables». Tacha de «impresentable» a actuación e a Feijóo como a «máxima expresión de persecución ideolóxica das persoas que se pronuncian en contra do seu modelo sanitario». Tamén pediulle ao presidente da Xunta que «dea a cara», o mesmo que o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero.

«Un ano despois de que o Goberno galego tivese que recular e recoñecer as súas mentiras e argumentos falaces sobre a perda da pericia dos xinecólogos dos paritorios comarcais para recortar a sanidade pública, vemos a peor cara do Partido Popular e de Feijóo, tomando represalias contra un profesional da sanidade pública de longa traxectoria», esgrimiu Gonzalo Caballero.

O movemento cidadán que naceu co «Verín non se pecha» volveu ás rúas para defender ao seu xinecólogo e para pedir a dimisión de Félix Rubial. «Síntome francamente arroupado, o apoio anímico é fundamental porque sénteste moi indefenso». Javier Castrillo continúa exercendo á espera de novas noticias, e confía na «profesionalidade» e «responsabilidade» de quen teña que valorar se debe ou non abandonar o seu posto de traballo durante dous anos.

Apenas dous días despois do Día Internacional Contra as Violencias Machistas, a Xunta comunicaba o peche do paritorio de Verín, un municipio de 14.600 habitantes, o que supoñería que as mulleres teñan que desprazarse ata 100 quilómetros para dar a luz en Ourense. Os nenos de 0 a 14 anos tamén terían que facelo para poder recibir asistencia médica. A Plataforma Sanitaria de Monterrei xa denunciou á Xunta en varias ocasións por deixar o centro sen especialistas. O Conselleiro de Sanidade por aquel entón, Jesús Vázquez Almuiña, explicou que «un parto non é un infarto» e que hai tempo de desprazamento. Castrillo opúxose a estas declaracións, impedindo trasladar ás embarazadas ata Ourense polo alto risco de dar a luz nas ambulancias. O peche do paritorio de Verín producíase ás portas dun ano electoral, e á Xunta non lle quedou outra que ceder ante as protestas do pobo. A manifestación nacional en Galicia polo 8 de marzo tivo lugar en Verín, que defendeu poñer «a vida no centro» e visibilizar o traballo de coidados que realizan as mulleres sostendo a vida familiar e comunitaria.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail