Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
ROMÁN.- Inventen, pues, ellos y nosotros nos aprovecharemos de sus invenciones. Pues confío y espero en que estarás convencido, como yo lo estoy, de que la luz eléctrica alumbra aquí tan bien como allí donde se inventó.
SABINO.- Acaso mejor.
Así resumía Miguel de Unamuno no artigo «El Pórtico del Tiempo» o seu escepticismo diante do positivismo e a tecnoloxía que viña de fóra, fronte ao carácter místico da ciencia española; así naceu o tópico de que inventen eles.
Así mesmo estamos nós nun tempo que se abre para a reforma constitucional do Estado español, esperando a ver que inventan porque en Galicia somos máis de mística que do método experimental ou de proba e erro.
A onda de reforma e modernización dos estatutos que percorreu as outras autonomías nas lexislaturas de Zapatero colleu a Nazóm de Breogán nas patacas. Entón a prioridade do PPdeG, o principal e indispensable partido da oposición, era tombar como fose o Goberno bipartito e a obsesión do PSOE era vixiar o seu socio nacionalista, non fora ser que lle adiantara nunha curva. Mentres os demais reforzaban a súa identidade, blindaban as súas competencias ou expandían os seus dereitos, nós estabamos ocupados vixiándonos. Perdemos o tempo e a oportunidade e ten toda a pinta de que imos tropezar na mesma pedra.
Agora que a realidade e o desgaste dos materiais da Constitución de 1978 conducen inevitablemente a unha reforma da carta magna, o PPdeG e o Goberno galego teñen como prioridade atarse ao inmobilismo constitucional que o Marianismo manda dende Madrid para preservar a unidade do partido e as forzas da oposición andan ocupadas de máis xestionando tanta dispersión. Só o BNG recorda de cando en vez a necesidade de reformar un Estatuto con máis de trinta anos.
Galicia nin está nin se lle espera neste momento constituínte 2.0. Limitámonos a vixiar e comentar as achegas que podan facer os demais. Que reformen eles e despois xa nos aproveitaremos nós semella ser a nosa estratexia, non vaia ser que nos metamos en política e acabemos tendo algún problema.
Nin temos nin semella que vaiamos ter unha posición de país ou sequera un par de ideas que achegar ao debate. Tampouco semella que ningún dos protagonistas da nosa política teña entre as súas prioridades promover semellante debate ou asumir os custos e os riscos de buscar artellar unha posición e unha estratexia de país que compense a nosa levedade na política estatal diante do debate da reforma constitucional. Mesmo cando alguén o deixa caer, ou lle espetan que iso non lle importa a ninguén, trátano como se acabara de chegar de Marte. Ou do pasado.
Que decidan eles se se recentraliza ou non, como se reparte o poder ou onde se toman as decisións, quen cobra os impostos e como se financian o servizos públicos nos vindeiros anos, como van ser os libros de historia ou en que lingua se aprende. Cando queiramos dicir algo será demasiado tarde ate para chorar.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán