O masacre ignorado de Sudán

O mundo leva falando dende 2023 do xenocidio contra o pobo de Palestina, unha inescusable violación constante e practicamente ininterrompida por parte de Israel dos dereitos humanos e da lei internacional na rexión de Gaza. A presenza en redes sociais da poboación gazatí e a cobertura do xenocidio por parte dos medios e das personalidades de Internet facilitou que os sucesos en Gaza sexan coñecidos en todo o mundo, con protestas cidadás e o recoñecemento do estado palestino por parte dos países occidentais.

Porén, comezaba no mesmo ano outro masacre do que non se falou case nada en comparación, un masacre descoñecido por unha maioría da xente e pouco discutido tanto en redes sociais coma nos medios: o masacre de Sudán. A poboación sudanesa leva dous anos sometida a unha terrible guerra civil entre o seu exército e as Forzas de Apoio Rápido (FAR), cuxos líderes comezaron a pelexar por controlar o país tras o derrocamento en 2019 do presidente Omar al-Bashir, que levaba no poder trinta anos despois de obtelo nun golpe de estado.

Ao perderen o inimigo común, o líder do exército, Abdel Fattah al-Burhan, quixo absorber e tomar o control das FAR, que ata daquela estiveran baixo o mando de Mohamed Hamdan Dagalo. Este conflito levou á guerra civil actual, na que o país está dividido entre ambas forzas, coa poboación civil, coma sempre, atrapada no medio. Nestes dous anos van 150.000 mortes, 13 millóns de desprazamentos e 25 millóns de persoas que sofren de escaseza alimentaria. A ONU declarou a crise alimentaria en 2024 e considérase a peor crise humanitaria do mundo, canda a de Gaza.

A zona de Darfur é particularmente perigosa. Dentro dela, na cidade de Al Fasher, denunciáronse crimes de guerra, crimes de lesa humanidade e incluso un xenocidio contra a poboación masalit, unha das etnias que residen en Sudán, con idioma e tradicións propias. A cidade leva asediada polas FAR dende 2024, por ser un dos centros de concentración dos desprazados, e foi tomada por eles a semana pasada.

Segundo medios como a BBC, RTVE, CNN e Al Jazeera, ademais de ONGs coma Human Rights Watch e UNICEF, as testemuñas relatan a matanza indiscriminada de civís e o uso da violación como arma de guerra e intimidación, en particular contra mulleres e nenos, incluídos bebés de menos dun ano de idade. Durante a investigación da ONU, recibiron testemuñas de membros das FAR declarando que obrigarían as mulleres non árabes a dar a luz aos seus bebés árabes despois de violalas, o que constituiría un exemplo de limpeza étnica, un claro indicio de xenocidio. E, con todo, a ONU non declarou as atrocidades cometidas en Al Fasher como tal.

Desde a toma da cidade observáronse matanzas masivas, ata o punto de que os drons poden captar manchas de sangue no chan.

Os Emiratos Árabes Unidos foron acusados de apoiar as FAR a través da achega armas e fondos, buscando probablemente explotar o ouro e o petróleo do país para continuar mellorando a súa economía a nivel global. En abril deste ano, o goberno de Sudán levounos ante a Corte Penal Internacional con estas acusacións, pero a Corte lavouse as mans e respondeu que non conta coa xurisdición necesaria para escoitar o caso. O informe da ONU apoia as acusacións do goberno ao encontrar unha complexa rede de transferencias internacionais usada polos Emiratos para fundar as FAR.

Atopámonos ante un país desolado por un conflito entre dúas faccións altamente militarizadas, unha delas fundada e armada por un terceiro actor internacional e cometendo crimes de guerra, crimes de lesa humanidade e, moi probablemente, xenodicio. Na última semana, tras a  toma de Al Fasher logo de dous anos de guerra, os medios de comunicación prestáronlle algo máis de atención, pero a comunidade internacional mantén un silencio enxordecedor fronte ás accións non soamente das FAR, senón do país que as está fundando.

Se seguimos por este camiño, tanto as mans dos Emiratos como as da Unión Europea, que comezou a negociar co primeiro país un novo acordo comercial en abril deste ano, estarán empapadas de sangue do pobo sudanés.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail